Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 02 de marzo de 1995 Páx. 1.680

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de xaneiro de 1995 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora da infraestructura hoteleira.

No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa demandan os mercados. Os establecementos de aloxamento, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Un dos factores máis importantes que motivan un axeitado desenvolvemento das empresas hoteleiras é, sen dúbida, a súa calidade de servicios e a prestancia das súas instalacións. Neste sentido cabe dicir que, nos últimos anos o sector hoteleiro galego experimentou un considerable aumento na súa oferta de prazas como consecuencia da posta en funcionamento de novos establecementos; sen embargo é notorio que outros, que veñen desenvolvendo a súa actividade desde xa hai algún tempo, precisan moderniza-las súas instalacións para conseguir unha calidade óptima na oferta destes servicios nesta Comunidade Autónoma.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-DESTINATARIOS.

A Secretaría Xeral para o Turismo poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 04.05.651-A.

772.00 do programa ordenación, promoción, xestión e fomento do turismo dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, dentro do concepto mellora da infraestructura hoteleira ás persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, que desenvolven a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia que estean clasificados dentro dos grupos de hoteis e hostais.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Artigo 2º.-OBXECTO.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde as accións, promovidas polas empresas de aloxamento turístico, encamiñadas á modernización das instalacións existentes nos seus establecementos, é dicir, a súa remodelación e a substitución de equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-CONDICIÓNS PARTICULARES.

1.-Os proxectos, obxecto de solicitude de subvención, terán que cumpri-los requisitos esixidos pola normativa turística vixente.

2.-Os establecementos que se subvencionen terán que estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas coa data anterior ó 31 de decembro de 1983.

3.-Os proxectos que se subvencionen terán que comezarse durante o ano 1995 e estar rematados con tempo de abondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

4.-Se é o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto no Decreto 286/1992, do 8 de outubro (DOG do 21-10-92), sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

5.-Os proxectos que se presenten na procura de subvención serán globais, é dicir, achegaranse ó abeiro de unha sóa solicitude.

6.-Non serán subvencionables os establecementos que desenvolvan a súa actividade por tempada.

7.-O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cinco millóns de pesetas para os hoteis e a dous millóns de pesetas para os hostais.

Artigo 4º.-CONTÍA DAS SUBVENCIÓNS.

Os proxectos que se recollen nesta orde coma accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica máximo de ata o 30% sobre o investimento subvencionable. Non se considerará subvencionable a adquisición de terreos, taxas, impostos, honorarios de técnicos e IVE.

En todo caso a contía máxima da subvención para os hostais será de dous millóns de pesetas máis cincocentas mil pesetas por estrela, e para os hoteis de tres millóns de pesetas máis un millón por estrela.

No caso de que a realización do proxecto de modernización do establecemento signifique un aumento na súa categoría considerarase esta para os efectos do cálculo do límite de contía.

Artigo 5º.-SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN.

1.-As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo, maila documentación que de seguido se especifica presentarase, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de un mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia compulsada do NIF ou CIF do solicitante, segundo corresponda mailo documento acreditativo de estar dado de alta no IAE.

d) Certificación bancaria da conta onde se aboará a subvención, se é o caso.

e) Memoria explicativa do proxecto, asinada por técnico facultado, na que consten tamén, planos a

escala 1:50 se a acción afecta á distribución das instalacións existentes, e orzamento pormenorizado e por conceptos do investimento.

f) Licencia urbanística que posibilite a execución do proxecto para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de face-la solicitude de subvención, será suficiente a presentación do documento que acredite a súa petición.

2.-As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios provinciais de turismo.

Artigo 6º.- SELECCIÓN DAS SOLICITUDES E RESOLUCIÓN.

1.-Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-O aumento de categoría, segundo a normativa turística, que a realización do proxecto supón para o establecemento.

-A oferta de servicios existente no establecemento e maila proxectada.

-O mantemento e xeración de postos de traballo.

-O estado actual das instalacións obxecto de modernización.

-A localización do establecemento atendendo á demanda turística na súa zona de influencia.

2.-Os interesados emendarán, a requerimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitude de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cumprisen en tempo e forma.

3.- Os delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, á vista dos expedientes e dos informes, que ó respecto emitan os servicios provinciais de turismo, analizarán e cualificarán os proxectos, elevando proposta de resolución ó secretario xeral para o Turismo.

4.-Dictadas as resolucións de concesión polo secretario xeral para o Turismo, aquelas seranlle notificadas ós interesados, no prazo máximo de dous meses, contados desde o día seguinte ó do remate do prazo de presentación de solicitudes que se expresa no artigo 5º anterior.

5.-De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses a contalos desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-ACEPTACIÓN E RENUNCIA DAS SUBVENCIÓNS.

1.-Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes no prazo de quince días, comunicarán ó Servicio Provincial

de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos os quince días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, o arquivo do expediente.

2.-Unha vez verificadas as renuncias ás subvencións concedidas, o secretario xeral para o Turismo poderá utiliza-los créditos liberados en conceder novas subvencións a solicitudes onde os proxectos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 8º.-XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO DAS SUBVENCIÓNS.

1.-Os beneficiarios de subvencións, unha vez executados os investimentos deberán xustificalos o antes posible, nunca con posterioridade ó 16 de outubro de 1995, data límite para a presentación da xustificación.

2.-O proxecto xustificado deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención, se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3.-Para percibi-la subvención os beneficiarios achegarán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro, dirixida ó secretario xeral para o Turismo, segundo o modelo do anexo III.

3.2. Facturas orixinais do investimento realizado ou fotocopia compulsada delas, eu certificación por conceptos, asinada por técnico facultado, visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de non se achegara coa solicitude de subvención.

3.4. Certificados de estar ó corrente nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e a da Comunidade Autónoma e de estar ó corrente nas obrigas coa Seguridade Social e de estar ó día no pago do imposto de actividades económicas.

4.-Para o non previsto anteriormente ateranse ó disposto nesta materia na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995 e artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública