Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 01 de marzo de 1995 Páx. 1.648

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 8 de febreiro de 1995 pola que se convoca o programa «Ven ó Camiño: Encóntrate con Europa».

O pasado ano a Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago levou a cabo unha serie de accións tendentes ó achegamento da poboación ó Camiño de Santiago, merecendo especial atención a convocatoria do programa «Ven ó Camiño» que naceu cos seguintes obxectivos:

-Dar a coñece-la realidade do Camiño e o seu contorno así como os seus valores e sensibilidades.

-Promove-lo interese polo Camiño entre os xoves e as institucións encamiñadas á formación e organización de actividades de ocio e tempo libre.

Estes obxectivos cumpríronse sobradamente, e dado o elevado número de interesados en participar no programa, considérase necesario convocar unha nova edición ampliada do mesmo.

Por todo isto, a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Promoción do Camiño, e no uso das competencias conferidas polo Decreto 49/1994, do 4 de febreiro, de estructura orgánica da Consellería de Cultura, convoca o programa «Ven ó Camiño: Encóntrate con Europa».

Con tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura convoca o programa «Ven ó Camiño: Encóntrate con Europa» dirixido ós xoves, que ofrece dous días de estadía e percorrido por puntos emblemáticos e significativos do Camiño Francés, con aloxamento nos albergues que se sinalen no esquema da viaxe, que figura no anexo da presente orde.

Artigo 2º

Este programa desenvolverase de acordo coas bases que figuran no anexo da presente orde.

Artigo 3º

O libramento dos gastos orixinados por este programa farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago parwque dicte as disposicións oportunas para o adecuado desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Promoción

do Camiño de Santiago

ANEXO

BASES QUE REXEN A CONVOCATORIA

DO PROGRAMA «VEN ó CAMIÑO:

ENCÓNTRATE CON EUROPA»

Primeira.-Poderán acollerse a este programa tódalas institucións e organismos tradicionalmente vencellados á actividade con xoves: centros de ensino, clubs xuvenís, catequeses parroquiais, escolas de tempo libre, corais e rondallas xuvenís, etc.

Segunda.-A consellería, a través da Dirección Xeral de Promoción do Camino de Santiago, e no desenvolvemento deste programa, porá á disposición dos participantes no mesmo:

-Os albergues.

-Un servicio de guía formado por persoal especializado no Camino.

-A cantidade de 50.000 pesetas en concepto de axuda, por cada institución ou organismo, sen que o número destas poida exceder de catrocentos, e previa entrega de xustificantes dos gastos orixinados pola viaxe.

Terceira.-A atención e coidado do grupo, o seu traslado e manutención serán responsabilidade da institución ou organismo participante.

Cada agrupación levará carteis promocionais do programa, que lles facilitará a Dirección Xeral de Promoción do Camino de Santiago, no vehículo no que efectúen as viaxes.

Cuarta.-O programa de actividades facilitado ós interesados pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, poderá ser completado con propostas e suxerencias breves aportadas polos solicitantes, segundo as características e os intereses dos grupos.

Quinta.-No caso de formularse as ditas propostas ou suxerencias, valoraranse primando aquelas que inclúan como actividade complementaria a difusión do Camiño e as que integren a presente viaxe nalgún programa de intercambio de xoves de carácter transnacional ou transrexional.

Sexta.-O número de participantes de cada grupo non será inferior, na súa totalidade, a vintecinco, nin superior a corenta. Os adultos acompañantes non superarán o número de cinco.

Sétima.-Os interesados enviarán as súas solicitudes á Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Promoción do Camino de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela, ou nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura.

Oitava.-Nas solicitudes incluiranse os datos identificadores do grupo: colexio ou institución, número de participantes inicialmente previsto, persoa ou persoas responsables, teléfono de contacto e datas preferentes para a viaxe (recoméndase poñer varias).

No seu caso, e en escrito á parte adxuntaranse as propostas e suxerencias citadas nas bases cuarta e quinta desta convocatoria.

Novena.-A presentación das solicitudes farase ata o día 30 de outubro de 1995.

Décima.-O esquema da viaxe axeitarase ó seguinte:

-Duración: dous días (unha noite), que poden ser ou non en fin de semana, durante os meses de marzo, abril, maio, xuño, outubro e novembro de 1995.

-Ubicación: nos seguintes albergues do Camiño Francés:

Cebreiro, Triacastela, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Ribadiso e Arca.

-Itinerarios:

R-I. O Cebreiro e o seu contorno.

R-2. O Cebreiro-Triacastela, con visita a Samos.

R-3. Sarria-Barbadelo-Paradela-Portomarín.

R-4. Portomarín-Palas de Rei, con visita a Vilar de Donas e Monterroso.

R-5. Palas de Rei-Melide, con visita a Toques e Sobrado.

R-6. Melide-Ribadiso con visita a Toques e Sobrado.

R-7. Ribadiso-O Pino, con visita ó embalse de Portodemouros, a Mezonzo e Sobrado.

Décimo primeira.-A Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago resolverá calquera dúbida que poida xurdir nos aspectos non establecidos especificamente polas bases, sen que, en ningún caso, poida haber contradicción co disposto nas mesmas.