Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 1995 Páx. 1.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de xaneiro de 1995 pola que se anuncian subvencións, a corporacións locais para a mellora dos recursos turísticos e a promoción do turismo.

As corporacións locais veñen amosándose receptivas ás iniciativas encamiñadas a consegui-lo mellor desenvolvemento turístico do seu territorio e, xa en moitos casos, elas mesmas elaboran proxectos que procuran a mesma finalidade.

Polas características actuais dos mercados turísticos, evidénciase que os productos específicos acadan unha cota de demanda importante que está a medrar paulatinamente. Estes productos establécense fundamentalmente con base en recursos naturais que van determina-la potencialidade turística dunha zona por se-la materia prima da súa propia industria turística.

Por outra banda a rendibilidade promocional acada os mellores éxitos cando se programa conxuntamente, isto débese a que a actividade turística só se manifesta se existen atractivos suficientes capaces de motiva-lo desprazamento das persoas, e esta actividade cómpre que sexa continuada e non illada, porque deste xeito será máis doado conseguir resultados que xeren rendibilidade económica.

Polo dito, parece necesario que as entidades locais galegas promovan proxectos globalizados que, perseguindo un determinado obxectivo turístico, sexan susceptibles dunha continuada realización.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º-DESTINATARIOS.

A Secretaría Xeral para o Turismo poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 04.05.651-A.760.00 do programa ordenación, promoción, xestión e fomento do turismo dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, dentro do concepto mellora dos recursos turísticos e fomento do turismo, ás entidades locais, da Comunidade Autónoma de Galicia, ás que fai referencia o artigo 3 da Lei reguladora das bases de réxime local, Lei 7/1985, do 2 de abril.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Artigo 2º.-OBXECTO.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, os proxectos promovidos polas entidades locais encamiñados a desenvolve-la actividade turística do territorio onde exercen as súas competencias.

Para estes efectos consideraranse accións subvencionables todos aqueles investimentos pertencentes a un proxecto global, que poderá estar integrado por accións como a mellora e acondicionamento dun espacio natural, a creación e mellora de servicios turísticos cos seus equipamentos, a realización de actividades de interese turístico, a promoción e a información turísticas.

Artigo 3º.-CONDICIÓNS PARTICULARES.

1.-Os proxectos que se subvencionen terán que comenzarse durante o ano 1995 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

2.-Os contratos necesarios para realiza-los proxectos subvencionados formalizaranos as entidades locais de conformidade coa súa propia normativa.

3.-As autorizacións administrativas que cumpran para executa-lo investimento serán solicitadas polas entidades locais beneficiarias.

4.-Os proxectos suxeitos á normativa turística terán que cumpri-los requisitos esixidos nela.

5.-No caso de celebracións de interese turística só será subvencionable o investimento destinado á raizame tradicional do acontecemento.

6.-Nas manifestacións externas dos proxectos subvencionados terá que constar que se realizan coa colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo.

Artigo 42.-CONTÍA DAS SUBVENCIÓNS.

1.-Se os proxectos seleccionados afectan a un só termo municipal, a subvención acadará o 50% do orzamento de investimento aceptado pola Secretaría Xeral para o Turismo, agás que este supere os dez millóns de pesetas; xa que logo neste caso a subvención será de cinco millóns de pesetas.

2.-Se os proxectos seleccionados afectan a dous ou máis termos municipais, a subvención acadará o 60% do orzamento de investimento aceptado pola Secretaría Xeral para o Turismo, agás que este supere os quince millóns de pesetas; xa que logo neste caso a subvención será de nove millóns de pesetas.

Artigo 5º.-SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN.

1.-As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo, maila documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo correspondente, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de un mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade solicitante.

c) Certificación da conta bancaria onde deberá aboarse a subvención, se é o caso.

d) Memoria explicativa do proxecto na que conste desagregado por conceptos o orzamento de investimento.

e) Para as accións que implican obras, incluirase tamén proxecto básico asinado por técnico facultado.

f) Para os proxectos que conteñan edicións, incluirase tamén un esbozo delas con referencia ós textos ou guións, indicando o número de exemplares da tirada.

g) Certificación, referida ó exercicio de 1993, dos ingresos ordinarios que acadaron a fase de dereito

recoñecido e dos gastos, que acadaron fase de disposición, con indicación da clasificación económica e funcional, realizados en materia de ordenación, xestión, fomento e promoción do turismo.

h) Declaración doutras subvencións solicitadas para a realización do proxecto.

2 A Secretaría Xeral para o Turismo poderá, en todo momento, solicita-la documentación complementaria que considere necesaria para un mellor estudio do expediente.

Artigo 6º.-SELECCIÓN DAS SOLICITUDES E RESOLUCIÓN.

1.-Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-A oferta de servicio de utilización turística na zona onde se realice o proxecto.

-Os atractivos turísticos existentes.

-A conservación e protección que a realización do proxecto significa para o medio natural.

-O esforzo económico que, para a entidade, significa a realización do proxecto.

-A protección e potenciación da herdanza cultural.

2.-As entidades locais solicitantes emendarán, por requirimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3.-Os delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, á vista dos expedientes e dos informes, que ó respecto emitirán os servicios provinciais de turismo, analizarán e cualificarán os proxectos, elevando proposta de resolución ó secretario xeral para o Turismo.

4.-Dictadas as resolucións de concesión polo secretario xeral para o Turismo, aquelas seranlle notificadas ós interesados, no prazo máximo de dous meses, contados desde o día seguinte ó do remate do prazo de presentación de solicitudes que se expresa no artigo 5º.

5.-De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses a contalos desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-ACEPTACIÓN E RENUNCIA DAS SUBVENCIÓNS.

1.-Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes no prazo de quince días, comunicarán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se, transcorridos os quince días, non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2.-No prazo de dous meses unha vez recibida a

notificación de concesión da subvención, as entidades locais que a aceptasen, achegarán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, certificación de acordo plenario de compromiso de gasto que cubra a contribución de recursos propios para financia-lo proxecto subvencionado. De non comunicar este acordo no sinalado prazo de dous meses, entenderase incumpridas as condicións de concesión de subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3.-Unha vez verificadas as renuncias ou incumprimentos ás subvencións concedidas, o secretario xeral para o Turismo poderá utiliza-los créditos liberados en conceder novas subvencións a solicitudes onde os proxectos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 8º.-XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO DAS SUBVENCIÓNS.

1.-Os beneficiarios de subvencións, unha vez executados os investimentos deberán xustificalos o antes posible, nunca con posterioridade ó 16 de outubro de 1995, salvo que o proxecta recolla actividades coa data de celebración posterior á citada, neste caso a propia resolución de concesión de subvención contemplará o prazo para a xustificación.

2.-O proxecto, xustificado deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención, se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3.-Para percibi-la subvención os beneficiarios achegarán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro, dirixida ó secretario xeral para o Turismo, segundo o modelo do anexo II.

3.2. Certificación da aprobación, polo órgano competente da entidade local, das obrigas recoñecidas en relación coa execución do investimento subvencionado.

3.3. Acta de recepción correspondente se o proxecto subvencionado leva consigo obras ou edicións; neste último caso farase consta-lo número de exemplares recepcionados e que neles figure impreso o texto da colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo.

3.4. Un mínimo de catro exemplares cando o proxecto subvencionado comprenda edicións.

4.-Para o non previsto anteriormente estarase ó disposto nesta materia na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995 e artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública