Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 1995 Páx. 1.612

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 52/1995, do 16 de febreiro, polo que se establece a forma de designación dos membros que integran o Consello Galego de Estatística.

A Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, introduce cambios na composición do Consello Galego de Estatística previsto nos artigos 45 e seguintes desta última. Esta modificación fai preciso determina-la nova forma de designación dos seus membros.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Calicia na súa reunión do día dezaseis de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-De acordo co disposto no artigo 47 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, a composición e distribución dos membros do Consello Galego de Estatística será a seguinte:

1.-O presidente, que será o conselleiro de Economía e Facenda.

2.-O vicepresidente, que será o director do Instituto Galego de Estatística.

3.-Os vocais, coa seguinte distribución:

a) Un representante de cada unha das consellerías, con rango de director xeral, designado polo respectivo conselleiro.

b) Dous representantes das Cámaras de Comercio, Industria e Navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, designados por estas. No caso de que as cámaras non acaden un acordo para a dita designación, cada unha delas proporá unha persoa e os dous representantes elixiranse de entre estas mediante un sorteo realizado polo Instituto Galego de Estatística.

c) Dous representantes das asociacións de empresarios de Galicia, designados por cada unha das dúas organizacións de empresarios galegos que reúnan o maior número de asociados.

d) Un representante designado por cada unha das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para a determinación das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma aplicarase o disposto no artigo 7.1 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

e) Tres representantes das organizacións profesionais de agricultores da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que estas organizacións non acaden un acordo para a dita designación, cada unha delas proporá unha persoa e os tres representantes

elixiranse de entre estas mediante un sorteo realizado polo Instituto Galego de Estatística.

f) Dous representantes das organizacións de mariñeiros, designados polas confrarías de pescadores. No caso de que as confrarías non acaden un acordo sobre a dita designación, cada confraría proporá unha persoa e os dous representantes elixiranse de entre estas mediante un sorteo realizado polo Instituto Galego de Estatística.

g) Dous representantes da Administración local, designados por cada unha das dúas asociacións de entidades municipais ou provinciais galegas que reúnan o maior número de asociados.

h) Un representante de cada unha das universidades galegas, designado polo respectivo rectorado.

i) Tres persoas de relevancia profesional no campo da estatística, designadas polo conselleiro de Economía e Facenda.

k) Os titulares das subdireccións e da Secretaría Técnica do Instituto Galego de Estatística de acordo coa súa estructura orgánica.

4.-O secretario do Consello, que será un funcionario do Instituto Galego de Estatística nomeado por resolución do director do mesmo. Terá voz e só contará con voto se se trata dalgún dos vocais sinalados na letra k) do apartado anterior.

Artigo 2º.-O mandato dos membros do Consello Galego de Estatística será de catro anos. Non obstante, aqueles membros que o sexan por razón do seu cargo ou en virtude de representación, perderán a condición de tales no momento de cesaren no devandito cargo ou como representantes do colectivo que os designou.

No caso de producirse algunha vacante no Consello Galego de Estatística, esta deberá cubrirse de acordo co previsto no artigo anterior. O novo membro será polo tempo que falte para completa-lo mandato.

Sen prexuízo do disposto anteriormente, os representantes das universidades, das organizacións sindicais, colexiais, empresariais ou profesionais deberán ser ratificados ou substituídos polas instancias que os designen, no caso de celebración de eleccións para os órganos rectores das mesmas. Igual esixencia deberá cumprirse para os representantes da Administración local, cando se celebren eleccións locais.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 317/1988, do 3 de novembro, polo que se regula o procedemento de designación dos distintos membros que integran o Consello Galego de Estatística.

Disposicións derradeiras

Primeira-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda