Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 1995 Páx. 1.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de febreiro de 1995 pola que se establece o procedemento de renovación por tres anos ó posto da dirección de centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios (CEFOCOP).

Por Orde do 22 de abril de 1992 (DOG do 29 de abril) convocábase concurso de méritos para a provisión de postos de directores de centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios.

O artigo 5 do Decreto 42/1989 polo que se regulan os centros de formación continuada do profesorado

de niveis non universitarios, establece que os funcionarios docentes que resulten seleccionados por concurso público de méritos poderán renova-lo seu mandato por outros tres anos.

Encontrándonos no terceiro ano de mandato dos citados directores ou directoras nomeados por Orde do 24 de xullo de 1993 (DOG do 24 de agosto) é necesario regula-la renovación.

Na súa virtude, en uso da autorización expresada na disposición derradeira do antedito Decreto 42/1989, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Os funcionarios docentes que teñan nomeamento de director/a de CEFOCOP e que desexan seguir por outros tres anos deberán efectua-la súa solicitude nos quince días seguintes á publicación desta orde no DOG. Para tales efectos presentarán:

a) Solicitude segundo modelo do anexo I.

b) Proxecto sobre a actividade a realizar nos próximos tres anos no correspondente CEFOCOP. Este proxecto, dun máximo de 20 folios, será obxecto de defensa oral.

Segundo.-O exercicio da función de dirección nos CEFOCOP será avaliado por unha comisión presidida polo director xeral de Ordenación Educativa e Centros ou persoa en quen delegue e integrada pola subdirectora xeral de Ordenación Educativa, a xefa do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, a xefe do Servicio de Formación do Profesorado e dous inspectores pertencentes ó corpo de inspectores ó servicio da Administración educativa e nomeados polo director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Terceiro.-A avaliación do traballo realizado servirá de base para a proposta de renovación por outros tres anos. Para tales efectos a comisión avaliadora deberá ter en conta:

a) O proxecto presentado polos candidatos ou candidatas ó que se fai referencia no punto 1º b).

b) Os informes dos correspondentes delegados e dos inspectores presidentes da comisión técnica que elabora o plan provincial de formación, referidos ó desempeño da súa función na dirección dos CEFOCOP. Os ditos informes serán solicitados directamente pola comisión avaliadora.

Cuarto.-A comisión, unha vez efectuada a avaliación correspondente, elevará ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta razoada que, de ser positiva, implicará a renovación no posto de dirección do CEFOCOP por outros tres anos, ó cabo dos cales incorporaranse ós seus postos de traballo docente.

Quinto.-Os funcionarios que non manifesten o seu desexo de continuar no exercicio da dirección dos CEFOCOP ou sexan avaliados negativamente, incorporaranse ó seu centro de destino o 1 de setembro de 1995.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria