Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 1995 Páx. 1.492

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 9 de febreiro de 1995 de axudas ás entidades locais para a erradicación do chabolismo na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 1995.

O Decreto 266/1989, do 23 de novembro, desenvolve a Lei 5/1989, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presente disposición, que non modifica o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica a partida orzamentaria na que figuran os créditos que amparan a presente orde e sinala a contía máxima das subvencións a conceder para alugueiros a que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro.

A disposición adicional segunda do devandito decreto faculta o conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas para dictar, no ámbito das súas competencias, tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da devandita norma.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9-11-1993 e en uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-

Estas axudas instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.760 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2º.-

1.-Para os efectos da presente orde continúan vixentes os límites porcentuais das subvencións establecidas no artigo 2º da Orde do 26 de abril de 1991.

2.-Para os efectos da presente orde o límite máximo por vivenda do importe da subvención para alugueiros ó que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, queda establecido en 17.500 ptas./mes.

3.-Para a tramitación e concesión das axudas, haberá que aterse ó determinado na Orde do 7 de xuño de 1990, e na Resolución do 17 de outubro de 1990 do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no que non resulte modificado pola presente orde.

Artigo 3º.-

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación da presente orde, e rematará o 31 de agosto de 1995.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 1995.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda