Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 1995 Páx. 1.467

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural.

Ultimamente estanse a producir grandes perspectivas para o desenvolvemento do turismo rural e son moitas as inquedanzas que este eido do turismo provoca nos grupos sociais dos espacios rurais. Neste sentido adquiren unha grande importancia os establecementos destinados a atende-la demanda consumidora deste singular producto, sobre todo cando o número deles comeza a ser importante nesta Comunidade Autónoma, polo que cómpre dispoñer dos instrumentos normativos necesarios que faciliten a

súa ordenación na procura de que a súa oferta sexa competitiva nos mercados.

A experiencia acadada nos últimos anos amasa que a ordenación dos anteditos establecementos presenta lagoas que inciden notoriamente nos servicios ofertados e na súa calidade, o que aconsella corrixir estas deficiencias, que poden converter un producto de extraordinaria proxección noutro totalmente devaluado e de difícil recuperación se se deteriora a súa imaxe.

Por este motivo, a presente orde encamíñase a que os devanditos establecementos dispoñan dun mínimo de instalacións que posibiliten unha oferta con capacidade para atraer e satisface-la demanda, sen esquecer un aspecto fundamental, como é a formación dos seus xestores, para unha axeitada acollida e atención ó cliente e unha esmerada prestación dos servicios.

Por outra banda, cómpre aproveita-la gran riqueza histórico-artística existente no medio rural, onde se atopan edificacións de manifesta singularidade como os pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais nas que, en moitos casos, a deterioración delas se debe á carencia do seu uso, polo que parece conveniente posibilitar nestas o desenvolvemento dunha actividade que procure a súa rehabilitación e conservación. Neste sentido o turismo é un medio axeitado para lograr estes obxectivos.

Atendendo á clasificación turística das anteditas edificacións, se se adaptan como aloxamentos, é necesario respecta-las súas auténticas denominacións de conformidade cos criterios da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura.

En consecuencia, e de conformidade co Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que establece no artigo 27.21 a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, e en virtude do establecido na Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º

O obxecto desta disposición é a regulación administrativa dos servicios de aloxamento turístico prestados mediante prezo nas edificacións situadas no medio rural, que se determinan a continuación.

Artigo 2º

Atendendo ó reizame das construccións, os aloxamentos turísticos rurais clasificaranse nos seguintes grupos:

Grupo A

Comprende este grupo os seguintes tipos de edificacións: pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais situadas no medio rural que, polas súas características, son recoñecidos como tales polo órgano competente da Comunidade Autónoma.

Grupo B

Comprende este grupo as «casas de aldea» situadas no medio rural que, pola súa antigüidade e características de construcción, responden á tipicidade propia das casas rústicas galegas.

Grupo C

Comprende este grupo as «casas de labranza», entendendo como tales as casas rústicas, situadas no medio rural; nas que se desenvolven as actividades agropecuarias das que poden participa-los hóspedes. Esta forma de turismo é a coñecida como «agroturismo».

Artigo 3º

Pola súa vez os establecementos comprendidos nos anteditos grupos A e B poderán clasificarse nalgunha das seguintes modalidades:

a) Hospedería: cando o seu titular e a súa familia compartan o uso da vivenda cunha zona dedicada

a hóspedes en réxime de explotación familiar e a súa oferta de servicios comprenda, como mínimo, a media pensión alimenticia.

b) Residencia: cando os usuarios dispoñan das instalacións en réxime extrahoteleiro ou tamén cando, compartindo a vivenda cos seus titulares, a oferta de servicios do establecemento non comprenda, como mínimo, a media pensión alimenticia.

Artigo 4º

Nas obras de rehabilitación destes inmobles preservarase o xenuíno carácter da época ou estilo, tanto na súa arquitectura exterior como na interior así como nos elementos decorativos e na moblaxe. Nos establecementos dos grupos A e B non se poderán realizar obras que alteren a súa orixinal tipoloxía arquitectónica.

Artigo 5º

Tendo en conta os condicionamentos arquitectónicos e as características especiais do establecemento e maila conveniencia de adaptar a eles as funcións propiamente hoteleiras, a Secretaría Xeral para o Turismo poderá concede-las dispensas que razoadamente se soliciten en relación coas instalacións e equipamentos, sen prexuízo da normativa sanitaria, medioambiental, de seguridade industrial e de protección contra incendios que lle sexa de aplicación.

Artigo 6º

A Administración turística poderá denega-la solicitude de apertura, como aloxamento de turismo rural, daqueles establecementos que, pese a encontrarse no medio rural, debido á súa proximidade a determinadas estradas, industrias, empresas ou actividades, non reúnan as condicións adecuadas para que os seus clientes poidan desfrutar do ambiente de tranquilidade propio desta modalidade de turismo.

Artigo 7º

En tódolos aloxamentos rurais deberá identificarse o espacio e instalacións dedicados de forma permanente á explotación turística.

Artigo 8º

1.-Os establecementos comprendidos nos grupos A e B na modalidade de hospedería e os do grupo C alugaranse por habitacións, e o período de aloxamento continuado non debe excede-los trinta días.

2.-Os establecementos comprendidos nos grupos A e B na modalidade de residencia poderán aluga-la edificación enteira ou por habitacións, e o período de aloxamento continuado non debe excede-los trinta días.

Artigo 9º

As edificacións encadradas no grupo A deberán ser anteriores ó ano 1900, e as do grupo B anteriores ó ano 1940.

INSTALACIÓNS, FUNCIONAMENTO

E SERVICIOS

Artigo 10º

Para que un establecemento poida ser clasificado na categoría turística do grupo A deberá reuni-las seguintes condicións:

1.-Encontrarse en perfecto estado de conservación.

2.-As instalacións, moblaxe, elementos decorativos e demais accesorios serán de excelente calidade e proporcionarán ó establecemento un aspecto adecuado á tipoloxía propia da edificación e ó carácter propio da zona.

3.-A zona afectada ó aloxamento de hóspedes terá un mínimo de 5 habitacións dobres e non poderá dispoñer de máis de 12 habitacións. Excepcionalmente a Secretaría Xeral para o Turismo poderá autorizar ata un máximo dun 50% máis de habitacións, cando o tamaño da edificación, a súa riqueza arquitectónica e a oferta de instalacións e servicios do establecemento así o aconsellen.

4.-Tódalas habitacións terán iluminación e ventilación directa ó exterior mediante ventás e constarán, como mínimo, de dormitorio e cuarto de baño con ventilación directa ou forzada, con auga quente e fría, dotado de bañeira, lavabo, bidé e inodoro.

5.-Nas habitacións dobres, sen computa-las zonas de paso, os dormitorios terán unha superficie mínima de 15 m, e os baños de 4,5 m. Nas habitacións sinxelas, sen computa-las zonas de paso, os dormitorios terán unha superficie mínima de 8 m, e os baños de 4 m. O mobiliario constará polo menos de camas dobres ou individuais, segundo se trate, mesa de noite, armarios (encaixados ou non) con perchas suficientes, alfombras e conmutadores de luces ó lado das camas. Tódolas habitacións permitirán que se inscriba no seu interior un círculo de, como mínimo, 2,5 m de diámetro.

6.-Dispoñer polo menos de un salón social. A superficie do mesmo ou, de existir máis de un, a superficie total deles, será como mínimo de 2 m por praza ofertada ó público e, en ningún caso, poderá ser inferior ós 30 m.

7.-Tanto as dependencias de uso xeral para os clientes coma as habitacións estarán dotadas de calefacción. Tódolos dormitorios terán, ademais, teléfono.

8.-Os establecementos do grupo A na modalidade hospedería ofertarán ós seus clientes os servicios de comidas como mínimo en réxime de media pensión, é dicir, almorzo máis xantar ou cea. En todo caso incluirán un «menú da casa» que responderá á cociña tradicional do lugar.

O comedor dispoñerá dunha capacidade mínima correspondente ó número de prazas do establecemento ofertada ó público, e non poderá supera-las 35 prazas.

9.-Será por conta dos titulares dos establecementos realizar a cotío a limpeza de tódalas súas estancias.

Artigo 11º

Para que un establecemento poida ser clasificado na categoría turística dos grupos B e C deberá reuni-las seguintes condicións:

1.-Encontrarse en perfecto estado de conservación.

2.-As instalacións, moblaxe, elementos decorativos e demais accesorios serán de boa calidade e proporcionarán ó establecemento un aspecto adecuado a tipoloxía de construcción e ó carácter propio da zona.

3.-A zona afectada ó alonxamento terá un mínimo de tres habitaciòns dobres nas casas de aldea e dúas habitacións dobres nas casas de labranza, e non poderán dispoñer de máis de 10 habitacións en ámbalas dúas categorías.

4.-Tódalas habitacións terán iluminación e ventilación directa ó exterior mediante ventás. Nas casas de aldea as habitacións dispoñerán de cuarto de baño con ventilación directa ou forzada, con auga quente e fría dotado como mínimo, de ducha, lavabo e inodoro. Nas casas de labranza existirá, como mínimo, un cuarto de baño coa mesma dotación para cada dúas habitacións e deberá estar situado ó carón delas.

5.-Nas habitacións dobres, sen computa-las zonas de paso, os dormitorios terán unha superficie mínima de 10 m, e os baños de 3 m. Nas habitacións sinxelas, sen computa-las zonas de paso, os dormitorios terán unha superficie mínima de 6,5 m e os baños de 3 m. O mobiliario constará polo menos de camas dobres ou individuais, segundo se trate, armarios (encaixados ou non) con perchas suficientes e conmutadores de luz ó lado das camas. Tódolas habitacións permitirán que se inscriba no seu interior un círculo de, como mínimo, 2,5 m de diámetro.

6.-Dispoñer, polo menos, de un salón social. A súa superficie mesmo ou, de existir máis de un, a superficie total deles será, como mínimo, de 1,5 m por praza ofertada ó público, e en ningún caso poderá ser inferior ós 18 m.

7.-Tanto as dependencias de uso xeral para os clientes coma as habitacións estarán dotadas de calefacción.

8.-Dispoñer de teléfono.

9.-As casas de aldea clasificadas na modalidade de hospedería e as casas de labranza ofertarán ós seus clientes o servicio de comidas como mínimo en réxime de media pensión, é dicir, almorzo máis xantar ou cea. En todo caso incluirán un «menú da casa» que responderá á cociña típica do lugar.

O comedor dispoñerá dunha capacidade mínima equivalente ó número de prazas do establecemento é non poderá supera-las 35 prazas. No caso de que o establecemento non supere a oferta de oito prazas de aloxamento poderase utiliza-lo salón social tamén como comedor.

10.-Será por conta dos titulares dos establecementos realizar de cotío a limpeza de tódalas estancias.

Artigo 12º

1.-Tódolos aloxamentos de turismo rural poderán instalar nas habitacións, a petición dos clientes, como máximo, dúas camas supletorias para nenos menores de 14 anos, que deberán estar previamente autorizadas pola Administración turística. Para isto, a superficie das habitacións deberá exceder nun 25% á mínima esixida, por cada cama supletoria que se utilice.

2.-O importe de facturación por cama supletoria non poderá ser superior ó 50% do establecido para a habitación de que se trate se esta fose sinxela, nin do 35% se se instalase nunha habitación dobre.

3.-A posible instalación de berces para nenos menores de tres anos terá carácter gratuíto.

Artigo 13º

Os establecementos deberán permanecer abertos e en funcionamento polo menos durante once meses ó ano e os seus titulares deberán comunicar ós correspondentes servicios provinciais de Turismo, no mes de novembro de cada ano, o período de peche do ano seguinte, de levarse este a cabo.

RÉXIME ADMINISTRATIVO

Artigo 14º

1.-Para o exercicio da actividade de aloxamento de turismo rural os interesados deberán solicitar do correspondente servicio provincial de Turismo a autorización de apertura e clasificación dos seus establecementos. Coa solicitude presentaranse a seguinte documentación:

1) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

2) Fotocopias compulsadas do DNI e NIF do interesado ou da escritura de constitución se se trata dunha sociedade e do CIF.

3) Título ou contrato que probe a libre dispoñibilidade do establecemento por parte do solicitante.

4) Unha diapositiva de 6 x 6 cm da edificación.

5) Plano de situación do edificio.

6) Planos de distribución interior a escala 1:50, onde constaren tódalas dependencias, asinado por técnico facultado que fará consta-lo seu número de colexiado.

7) Acreditación municipal da antigüidade da edificación.

8) Fotocopia compulsada do documento da alta no imposto de actividades económicas no epígrafe correspondente.

9) Informe municipal sobre as condicións de salubridade da vivenda así como da potabilidade da auga (no caso de que non dispoña de rede municipal de abastecemento) e eliminación das augas residuais.

10) Normas de réxime interior que rexerán no establecemento, asinadas polo seu titular.

11) Para os establecementos comprendidos no grupo A, informe da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura, no que, segundo os seus propios criterios, se indique, se é o caso, que denominación lle podería corresponder.

12) Licencia municipal de apertura na que conste que o establecemento dispón das instalacións e medidas de prevención e protección contra incendios ou certificado acreditativo expedido polo órgano competente da Comunidade Autónoma ou polo concello de que o establecemento cumpre as ditas instalacións e medidas.

13) Póliza de responsabilidade civil que cubra suficientemente os riscos dos clientes dentro das dependencias do establecemento e os que tamén puidesen producirse por servicios ou ofertas complementarias desenvolvidas exteriormente. A dita póliza poderá substituírse por outra de carácter colectivo subscrita por agrupacións de establecementos de aloxamento de turismo rural, sempre que sexa para os mesmos fins.

2.-O Servicio Provincial de Turismo ó recibi-la anterior documentación, ordenará confecciona-lo informe técnico correspondente sobre o establecemento e iniciará o oportuno expediente que, unha vez ultimado, o elevará co seu informe á Secretaría Xeral para o Turismo expedindo, se procede, o permiso provisional de apertura, no que se sinalará a clasificación -tamén provisional- do establecemento. De conformidade co establecido no anexo I do Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderase desestimada a solicitude de apertura cando non recaese resolución expresa da Administración no prazo de tres meses, contados desde a data da solicitude.

3.-A autorización e clasificación definitivas serán outorgadas pola Secretaría Xeral para o Turismo. Se transcorresen seis meses desde a data de autorización e clasificación provisionais sen que recaia resolución expresa, aquela converterase en definitiva.

4.-Se o establecemento está simplemente proxectado, o interesado poderá solicitar do correspondente servicio provincial de Turismo que se lle sinale a clasificación que lle puidese corresponder, achegando unha memoria explicativa e os documentos que se expresan nas alineas 5), 6) e 7) e, se é o caso, 11) do punto 1 anterior, así como fotografía da edificación que se pretende habilitar como aloxamento de turismo rural.

Artigo 15º

Unha vez clasificados e autorizados, os establecementos inscribiranse no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, tal como se sinala no Decreto 82/1987, do 26 de marzo, e incluiranse nas guías oficiais e demais publicacións editadas pola Secretaría Xeral para o Turismo e a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

Artigo 16º

As modificacións das instalacións, fixas ou provisionais, da zona dedicada a hóspedes, que se produzan despois da apertura do establecemento e que poidan afectar á súa estructura, clasificación e capacidade deberanse notificar previamente para a súa autorización, se procede, ó servicio provincial de Turismo correspondente. As solicitudes para as ditas modificacións formalizaranse segundo o modelo do anexo II.

Artigo 17º

Ós establecementos de turismo rural seralles de aplicación os réximes de prezos, facturación, reservas, publicidade e cambios de titularidade establecidos con carácter xeral para tódolos establecementos turísticos na normativa turística vixente.

Artigo 18º

1.-Os titulares dos establecementos de turismo rural están obrigados a comunicarlle ó servicio provincial de Turismo correspondente o cesamento da súa actividade turística no prazo de 15 días, contados con anterioridade á data prevista para o cesamento para que lles sexa autorizada a baixa. As ditas comunicacións formalizaranse segundo o modelo do anexo III.

2.-Establécese a baixa de oficio cando a Administración turística teña constancia do cesamento da actividade ó longo de tres meses continuados sen causa xustificada. Nese caso poderá incoarse o correspondente expediente sancionador por incumprimento do establecido no apartado 1 deste artigo.

Artigo 19º

1.-Os establecementos beneficiarios de subvencións da Administración turística quedarán no momento en que esta lles expida a súa autorización de apertura automaticamente adscritos á Central de Reservas de Aloxamentos de Turismo Rural da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., debendo cumpri-las obrigas derivadas da tal adscrición. Non poderán cesar nin interrumpe-la súa actividade turística, debendo permanecer en funcionamento mentres dure o compromiso contraído de dedicarse a aloxamento de turismo rural.

2.-O incumprimento desta obriga dará lugar á baixa e cancelación da súa inscrición no Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas, iniciándose a continuación o expediente de reintegro da subvención, sen prexuízo da incoación dun expediente sancionador por inobservancia do apartado 1 deste artigo.

Artigo 20º

1.-Os titulares dos establecementos beneficiarios de subvencións da Administración turística están obrigados a asistir ós cursos de formación ou reciclaxe que periodicamente organice a Secretaría Xeral para o Turismo.

2.-Os establecementos de turismo rural serán prioritarios para a adscrición de alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia para a realización de prácticas, no tempo e condicións establecidas polo dito centro.

Artigo 21º

Os establecementos de turismo rural están suxeitos ó establecido na orde do Ministerio do Interior do 14 de febreiro de 1992, sobre libros-rexistro e partes de entrada de viaxeiros.

Disposicións transitorias

Primeira

Tódolos establecementos de turismo rural en funcionamento na data de entrada en vigor desta orde deberán, ata a data límite do 31 de decembro de 1997, adecuar e regulariza-la súa situación, adap

tándoa ós requisitos e prescricións que se conteñan nesta. Para estes efectos os servicios provinciais de Turismo comunicaranlle ós seus titulares a documentación que teñen que presentar para acredita-la súa adecuación e consideraranse prioritarios para seren beneficiarios nas convocatorias de axudas que se establezan específicamente para estes fins.

Segunda

A Secretaría Xeral para o Turismo, logo de proposta do servicio provincial de Turismo correspondente, poderá dispensa-los establecementos existentes na data de entrada en vixencia desta orde da obriga sinalada na disposición anterior, cando a adaptación non se poida realizar debido a dificultades derivadas da propia estructura da edificación.

Terceira

Os establecementos que dentro do prazo anteriormente citado non presentaren perante os servicios provinciais de Turismo a documentación por estes requirida, serán reclasificados de oficio no grupo e categoría que lles corresponda de acordo coas demais normativa turística vixente.

Cuarta

As casas de labranza beneficiarias do programa «Vacacións en Casas de Labranza» que na data de entrada en vixencia desta orde non teñan realizada a adecuación das súas instalacións, tal e como sinalaba a disposición transitoria 2ª da Orde do 26 de febreiro de 1992, pola que se establecía a ordenación dos establecementos de turismo rural, e continúen en funcionamento, causarán baixa como aloxamentos rurais e clasificaranse de oficio, se procede.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as ordes da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 26 de febreiro de 1992 pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, e a do 5 de maio de 1996, pola que se modificaba a anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira

Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Sr. Secretario Xeral para o Turismo