Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 1995 Páx. 1.155

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de xaneiro de 1995 pola que se clasifica como científico-sanitaria a Fundación Gallega de Patología Respiratoria.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Gallega de Patología Respiratoria, con domicilio en Santiago de Compostela, rúa San Pedro de Mezonzo nº 39 B.

Supostos de feito

1.-Que a Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria, en escrito de 20 de xullo de 1994, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2.-Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 31 de marzo de 1993, ante o notario do Ilustre Colexio de Galicia Ildefonso Sánchez Mera, co número mil cincocentos vintetrés do seu protocolo, pola Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria. O 24 de novembro de 1994 outórgase en Santiago de Compostela escritura de rectificación por Pedro Álvarez-Calderón Prat, o que intervén en nome e representación, como secretario, do padroado da fundación, ante o mesmo notario.

3.-Que, segundo consta no artigo catro dos seus estatutos, o obxecto da fundación é destinar e afectar un patrimonio á realización, sen ánimo de lucro, de fins de interese xeral no ámbito profesional ó que a súa denominación e fins se contraen.

4.-Que o padroado da fundación estará constituído por Cipriano Lamela López, como presidente, Juan José Rivas de Andrés, como vicepresidente; Pedro Álvarez-Calderón Prat, como secretario; Héctor Verea Hernando, como tesoureiro, e Marcelino Salgueiro Rodríguez, Gonzalo Rodríguez Pérez, José Miguel Moreno Barragán, María del Carmen Montero Martínez, Juan Carlos Barros Tizón, Adolfo Valoira Villar e Francisco Javier Pumar Vidal, como vocais.

5.-Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administraión Pública proposta de clasificación como científico-sanitaria da Fundación Gallega de Patología Respiratoria, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundación de interese galego, procede a súa clasificación como científico-sanitaria e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito

1.-Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese

xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2.-Que, de acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3.-Que, á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de xaneiro de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como científico-sanitaria a Fundación Gallega de Patología Respiratoria, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública