Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 03 de febreiro de 1995 Páx. 1.019

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 20 de xaneiro de 1995 pola que se convocan cursos de formación de biblioteconomía e animación á lectura para profesionais de bibliotecas, ensinantes e animadores socioculturais.

O artigo 15.2 da Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas (DOG do 24-10-89) considera a importancia e necesidade da formación permanente do persoal bibliotecario en exercicio a través da realización de cursos e seminarios que lle permitan actualiza-las técnicas de traballo e poñerse ó día naqueloutras que, aplicadas ás bibliotecas, poidan ofrecer un mellor servicio á comunidade á que serven.

Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Convócanse cursos de formación de biblioteconomía e animación á lectura para profesionais de bibliotecas, ensinantes e animadores socioculturais que traballen en bibliotecas públicas ou escolares. O custo destes cursos farase efectivo con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353D.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2.-No anexo I desta orde enuméranse os cursos convocados, con especificación de nivel, duración, lugar e data de celebración, número de prazas, temario e persoas ás que van dirixidos.

Artigo 3.-

3.1.-Poderán optar a estes cursos os bibliotecarios, ensinantes e animadores socioculturais que traballen en bibliotecas públicas ou escolares en calquera categoría profesional.

3.2.-Non se poderán solicitar cursos de igual denominación e nivel xa realizados en anos anteriores.

3.3.-Non poderán solicitar cursos aquelas persoas que anteriormente fosen seleccionadas para participar nalgún curso e non asistisen sen xustificalo por escrito á Consellería de Cultura.

Artigo 4.-As persoas que desexen realizar algún dos cursos convocados, presentarán unha solicitude por cada un deles segundo modelo do anexo II desta orde nun prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, nos rexistros das súas delegacións povinciais ou segundo establece o artigo 38.4 da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na solicitude farase consta-lo curso que se solicita e a orde de preferencia dos cursos solicitados.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Certificación do director do centro de traballo, ou da entidade da que dependa a biblioteca de que o interesado desenvolve traballos directamente relacionados cos contidos do curso, e que conta con permiso para asistir a este.

-No caso de solicitar cursos de perfeccionamento é imprescindible ter realizados os cursos de iniciación convocados pola Consellería de Cultura directamente relacionados con aqueles e xuntarase copia dos certificados correspondentes.

Artigo 5.-Recibidas as solicitudes de asistencia a cursos e maila súa documentación, estas serán avaliadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Cultura e o director xeral de Cultura elevará proposta ó conselleiro de Cultura, quen resolverá.

Artigo 6.-A selección dos asistentes ós cursos farase por rigorosa orde de entrada de solicitudes entre todos aqueles que cumpran as condicións esixidas para cada curso. Os colexios, bibliotecas e centros onde se realicen os cursos disporán de dúas prazas para persoal do seus servicios bibliotecarios.

Artigo 7.-A inasistencia a un curso sen causa xustificada será motivo de exclusión de novos cursos durante os tres próximos anos. A falta xustificada a máis dun 10% das horas totais do curso levará consigo a non obtención do certificado de asistencia.

Artigo 8.-Os asistentes ós cursos recibirán á súa finalización un certificado de asistencia con especificación de horas impartidas. Naqueles cursos nos que se realice a valoración dos coñecementos adquiridos o certificado será de asistencia e aproveitamento.

Artigo 9.-A Consellería de Cultura poderá encarga-la realización técnica destes cursos a profesionais especialistas nas materias que vaian impartirse, ou a asociacións profesionais, sendo en calquera caso competencia da consellería a aprobación do profesorado proposto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura

ANEXO I

CURSOS

INTRODUCCIÓN Á BIBLIOTECONOMÍA

Lugar, datas e horario.

Ourense, 40 horas, os días 6 ó 10 e 13 ó 17 de marzo, de luns a venres de 16 a 20 horas.

Número de prazas: 25.

Temario: Introducción á xestión dunha biblioteca. Iniciación á catalogación e á clasificación.

Solicitantes: Terán prioridade os bibliotecarios municipais, en especial os encargados de bibliotecas de recente creación.

BIBLIOTECARIOS ESCOLARES (Iniciación)

Lugar, datas e horario.

Padrón, 45 horas, desde o 8 de maio ó 1 de xuño, de luns a xoves de 18 a 21 horas.

Monforte, 45 horas, desde o 5 de maio ó 3 de xuño, venres de 18 a 22 horas e sábados de 9 a 14 horas.

Número de prazas: 30 prazas por curso.

Temario: Bibliotecas escolares: organización e xestión. Fondos. Proceso técnico dos fondos. Libros infantís. O bibliotecario como educador. As bibliotecas escolares, outra forma de ensino medio.

Solicitantes: Preferentemente bibliotecarios escolares.

ANIMACIÓN Á LECTURA (Iniciación)

Lugar, datas e horario.

Vigo, Ferrol, Santiago e Lugo.

Os cursos terán unha duración de 20 horas, e desenvolveranse ó longo de catro xornadas, os días 6, 13, 20 e 27 de maio en horario de 10 horas a 15 horas.

Número de prazas: 30 prazas por curso.

Temario: Coñecemento dos obxectivos, metodoloxía e pedagoxía da educación lectora.

Solicitantes: Bibliotecarios municipais, animadores socioculturais que traballen en concellos ou centros educativos e profesorado de EXB, BUP e FP.

CURSO DE INDIZACIÓN CO REPERTORIO LAVAL

Lugar, datas e horario.

Pontevedra, 20 horas, do 5 ó 9 de xuño de 16 horas a 20 horas.

Número de prazas: 25.

Temario: Introdución histórica. Introducción ó repertorio. Materias non mencionadas no repertorio. Subdivisións libres. Prácticas xerais.

Solicitantes: Bibliotecarios con coñecementos básicos acreditados en biblioteconomía.

CURSO DE AUTOMATIZACIÓN DE BIBLIOTECAS E CENTROS DE DOCUMENTACIÓN

Lugar, datas e horario.

Santiago de Compostela, 20 horas, do 20 ó 24 de marzo, de 16 horas a 20 horas.

A Coruña, 20 horas, do 27 ó 31 de marzo, de 16 horas a 20 horas.

Número de prazas: 25 en cada curso.

Temario: Procesos documentais susceptibles de informatización. Planificación dun proceso de informatización. Panorama do mercado de informática aplicado a bibliotecas e centros de documentación. Aspectos organizativos do proceso de información. Conversión retrospectiva e redes de cooperación. Deseño e creación de bases de datos documentais.

Asistentes: Preferentemente bibliotecarios a cargo de bibliotecas públicas.

CURSO DE XESTIÓN DE CALIDADE EN BIBLIOTECAS E CENTROS DE DOCUMENTACIÓN

Lugar, datas e horario.

Santiago de Compostela, 12 horas, do 26 ó 28 de abril, de 16 horas a 20 horas.

Número de prazas: 25.

Temario: Filosofía da calidade aplicada a bibliotecas e centros de documentación. Métodos para adecua-las estructuras da organización á filosofía da calidade. Auditoría da calidade. Custo da calidade.

Solicitantes: Terán preferencia titulados superiores e medios con responsabilidade en dirección de centros bibliotecarios con persoal e orzamentos ó seu cargo.

CURSO DE CATALOGACIÓN, XESTIÓN E AUTOMATIZACIÓN DE PUBLICACIÓNS PERIÓDICAS

Lugar, datas e horario.

Vigo, 20 horas, do 19 ó 23 de xuño, de 16 horas a 20 horas.

Número de prazas: 25.

Temario: Sistemas de control e circulación manual das publicacións periódicas. Catalogación de coleccións e catalogación analítica. Automatización de publicacións periódicas. O formato Ibermarc para as publicacións periódicas. Xestión automatizada de publicacións sen formato Ibermarc. Creación e mantemento de bases de datos de publicacións periódicas.

Asistentes: Preferentemente bibliotecarios en activo, con cursos ou coñecementos acreditados de catalogación.

O CD-ROM NAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS

Lugar, data e horario.

Santiago de Compostela, 12 horas, o venres día 21 de abril con horario de 9 horas a 14 horas e

de 17 horas a 20 horas; e o sábado día 22 de abril de 10 horas a 14 horas.

Número de prazas: 25.

Temario: Unha visión xeral dos discos ópticos. Historia e evolución dos discos ópticos. Normativas internacionais. Edición de discos CD-ROM. Elementos que integran unha estación de consulta en CD-ROM. Redes de consulta a discos CD-ROM e acceso remoto. Principais aplicacións. O mercado de CD-ROM en España. A busca online e en CD-ROM: vantaxes e inconvenientes. Previsións de futuro.

Solicitantes: Terán preferencia as persoas que traballen en bibliotecas especializadas e centros de documentación.

ANÁLISE DA ILUSTRACIÓN

Lugar, datas e horario.

A Coruña, 10 horas, en datas coincidentes co Salón do Libro.

Número de prazas: 30.

Temario: Técnicas de ilustración. A súa valoración nos libros infantís. Títulos, autores e tendencias que existen no mercado.

Asistentes: Persoal traballando en bibliotecas infantís ou bibliotecas con seccións infantís.

A ESTATÍSTICA COMO FERRAMENTA EN DOCUMENTACIÓN

Lugar, data e horario.

Santiago de Compostela, 15 horas, segunda quincena de outubro.

Número de prazas: 25.

Temario: Nocións básicas de estatística e a súa aplicación en documentación. Representacións gráficas. Aplicacións estatísticas con ordenador.

Asistentes: Terán preferencia as persoas que traballen en bibliotecas especializadas e centros de documentación.