Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 02 de febreiro de 1995 Páx. 1.000

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 25/1995, do 20 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 20 kV Pousada-Juan Blanco e derivación a Outeiro, no concello de Ourol, provincia de Lugo. (Expediente número 3.525 A.T).

Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con domicilio, para efectos de notificación, na r/ Cidade de Viveiro nº 4 de Lugo, solicitou desta consellería a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV de 7.367 m de lonxitude, conductor LA-56, apoios de formigón e torres metálicas, con orixe na LMT Xerdiz-A Escanavada e remate no C.T. de Juan Blanco; e a derivación daquela a Outeiro, de 122 m de lonxitude, conductor LA-30; no concello de Ourol (Lugo), expediente número 3.525 A.T.

A dita instalación foi autorizada, declarada de utilidade pública e aprobado o seu proxecto de execución por resolución da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo do 2-12-1992 a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 15-1-1993, no BOP de Lugo do 26-1-1993, no xornal diario El Progreso de Lugo do 11-12-1992 e no BOE do 4-1-1993.

A solicitude de urxente ocupación fíxose segundo o disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 14-3-1994, no BOP de Lugo do 25-3-1994, no xornal El Progreso de Lugo do 11-2-1994, e a simple referencia no BOE do 8-3-1994; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa devandita Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu ó trámite de información pública, formularon escritos de alegacións, o titular dos predios números 57, 58, 59, 61, 64, 67 e 68, os cales non se teñen en conta por corresponder a outra fase do expediente; polo propietario dos predios números 211 e 230 bis, quen solicitaba maior información sobre os bens afectados, séndolle subministrada esta pola empresa beneficiaria. Existía, así mesmo, erro na titularidade dos predios números 115 e 126, o cal xa foi rectificado polo propio beneficiario da instalación eléctrica.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial de Lugo, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2.619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., da liña eléctrica aérea a 20 kV Pousada-Juan Blanco e derivación a Outeiro.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Ourol (Lugo), e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. Por solicitude do beneficiario, e ó chegar ó

mutuo acordo entre as partes, exclúese desta disposición ó predio número 112-bis da dita relación.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio