Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 02 de febreiro de 1995 Páx. 998

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de xaneiro de 1995 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Terra do Deza.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Terra do Deza, con domicilio no Concello de Lalín.

Supostos de feito.-

1.-Que Andrés Precedo Ledo, na súa condición de presidente do padroado da fundación, en escrito do 7 de decembro de 1994, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2.-Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lalín o día 2 de decembro de 1994 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Victorino Gutiérrez Aller, co número mil setecentos sesenta e nove do seu protocolo, por Dositeo Rodríguez Rodríguez, en representación da Xunta de Galicia.

3.-Que, segundo consta no artigo cinco dos seus estatutos, o obxecto da fundación é pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e exentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

4.-Que o padroado da fundación estará constituído polas persoas que representan ás institucións indicadas no artigo 17 dos seus estatutos.

5.-Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Terra do Deza, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.-

1.-Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2.-Que, de acordo co disposto no artigo 32.2. c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3.-Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias, establecidas para o caso, de acordo

coa proposta realizada pola comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de xaneiro de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Terra do Deza, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública