Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 01 de febreiro de 1995 Páx. 966

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de xaneiro de 1995 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca dos Ancares.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca dos Ancares, con domicilio no Concello de Becerreá.

Supostos de feito:

1.-Que Andrés Precedo Ledo, na súa condición de presidente do padroado da fundación, en escrito do 23 de decembro de 1994, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2.-Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Becerreá o día 15 de decembro de 1994 ante o notario do ilustre Colexio da Coruña, José Ramón Barrasa Rivera, co número cincocentos noventa e sete do seu protocolo, por Dositeo Rodríguez Rodríguez, en representación da Xunta de Galicia.

3.-Que, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

4.-Que o padroado da fundación estará constituído polas persoas que representan ás institucións indicadas no artigo 17 dos seus estatutos.

5.-Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca dos Ancares, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os

requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 1/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación,

Fundamentos de dereito:

1.-Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2.-Que, de acordo co disposto no artigo 32.2 c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3.-Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 9 de xaneiro de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca dos Ancares, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública