Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 1995 Páx. 809

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de xaneiro de 1995 pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, de un posto de traballo na Deputación Provincial de Ourense, entre funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto no artigo 28 do Real decreto 1.732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, esta consellería dispón a publicación da convocatoria para a provisión polo sistema de libre designación, entre funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, do posto que se especifica na presente orde.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Bases que rexerán a convocatoria para provisión do posto de traballo de secretario xeral da Deputación Provincial de Ourense entre funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional

1.-Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexe-la convocatoria que efectuará a Presidencia, para cubrir, polo sistema previsto no artigo 99.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, segundo a redacción dada pola Lei 10/1993 (BOE 22-4-1993), o seguinte posto reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional:

-Denominación: secretario xeral.

-Clase: primeira.

2.-Características do posto.

2.1. A praza que se vai cubrir atópase incluída na relación de postos de traballo aprobada pola corporación e publicada a súa modificación no Boletín Oficial da provincia de Ourense do día 14 de outubro de 1994 e no Diario Oficial de Galicia do día 11 de xaneiro de 1995.

2.2. O complemento de destino asignado á praza é o correspondente ó nivel 30 e o seu sistema de provisión o de libre designación.

2.3. O complemento específico anual fixado para ese posto é o de 2.905.188 pesetas.

3.-Requisitos.

3.1. Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria e poder desempeña-lo posto, no caso de ser nomeado, estar integrado na subescala de secretaría, categoría superior.

3.2. Isto, non obstante, en atención ó prescrito pola disposición transitoria primeira, número 2, a) do R.d. 1.174/1987, do 18 de setembro, sobre réxime

xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, tamén poderán concorrer ó posto de secretario xeral os secretarios de Administración local de primeira non integrados na habilitación nacional.

4.-Convocatoria.

4.1. A convocatoria seralle remitida pola Presidencia ó órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e remisión á Dirección Xeral da Función Pública do MAP, para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, conforme o artigo 28 do R.d. 1.732/1994.

5.-Solicitudes.

5.1. As solicitudes dirixiranse á Presidencia, dentro dos 15 días naturais seguintes ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

5.2. Ademais do contido mínimo previsto no artigo 70.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na solicitude deberá indicarse o número de rexistro persoal, a situación administrativa na que se atope o solicitante e o seu destino.

5.3. Xunto coas solicitudes, os aspirantes acompañarán o seu currículum vitae, no que constarán os títulos académicos, os anos de servicio, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudios e cursos realizados, outros méritos que coide oportuno pór de manifesto e a súa acreditación documental.

5.4. Achegaranse, así mesmo, xustificantes documentais dos títulos ou diplomas que os aspirantes posúan, se é o caso, relativos ó coñecemento da lingua galega.

6.-Nomeamento.

6.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia procederá, logo de constatación da concorrencia dos requisitos esixidos nestas bases, a dicta-la resolución correspondente, na forma e cos requisitos previstos no artigo 28.3º do R.d. 1.732/1994.

6.2. Da resolución daráselle conta ó Pleno da Corporación e trasladaráselles ó órgano competente da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral da Función Pública do MAP, para os efectos oportunos.

7.-Toma de posesión.

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos cós establecidos para os funcionarios con habilitación nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

8. Impugnación.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos pola Lei de procedemento administrativo común.