Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 1995 Páx. 715

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 12 de xaneiro de 1995 pola que se fixan as tarifas pola utilización dos servicios do sistema IGATEL no Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda do 20 de xaneiro de 1994 (DOG nº 39, 25-2-94), aprobáronse as tarifas polos servicios do sistema IGATEL do Instituto Galego de Promoción Económica IGAPE. Posteriormente, a Orde do 19 de xullo de 1994 (DOG nº 148, 2-8-94) modificou a dita orde.

Para os efectos de maior sistemática, promúlgase a presente orde que refunde o contido das dúas ordes mencionadas e que vén recoller nunha única norma as tarifas pola utilización dos servicios do sistema IGATEL.

Así mesmo, establécese que a Xunta de Galicia e as institucións, organismos autónomos e entes e sociedades públicas da Administración autonómica galega non terán que pagar cota de alta por contrato IGATEL nin cota mensual.

En consideración ó exposto, en virtude das facultades que teño conferidas

DISPOÑO

Artigo 1º

Apróbanse as tarifas que terán que aplicarse para o cálculo da contraprestación que terán que satisfacer ó IGAPE os usuarios do sistema IGATEL pola dispoñibilidade e utilización dos servicios telemáticos e de documentación do dito sistema, e que figuran no anexo adxunto. Estes prezos son sen incluí-lo imposto sobre o valor engadido (IVE), polo que, se é o caso, ó prezo calculado segundo as tarifas engadiráselle o IVE vixente en cada momento.

Artigo 2º

No caso de que a Xunta de Galicia e as institucións, organismos autónomos e entes e sociedades públicas da Administración autonómica galega sexan usuarios do sistema IGATEL, non terán que satisface-la cota de alta por contrato IGATEL nin as cotas mensuais, aboando exclusivamente o que corresponda segundo o uso que fagan dos servicios, sinalados nos apartados Ib), Ic) e II do anexo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presente orde substitúe a Orde do 20 de xaneiro de 1994 coa súa modificación posterior, sendo a disposición que fixa as tarifas pola utilización do sistema IGATEL do Instituto Galego de Promación Económica.

Segunda.-Como plan de promoción do servicio IGATEL, o IGAPE acometerá a instalación dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou fóra desta nos casos que se consideren de especial interese, do equipo electrónico de telecomunicacións (modem) necesario para a conexión a IGATEL sen custo para o usuario cando se cumpran os requisitos e as condicións sinaladas nesta disposición. Poderán beneficiarse deste plan de promoción aquelas persoas físicas ou xurídicas radicadas en Galicia ou que realicen actividades que se consideren de especial interese para esta Comunidade Autónoma que subscriban o «Contrato para a utilización dos servicios do sistema IGATEL» entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 1995. Este plan de promoción podará aplicarse ata un máximo de 500 instalacións, sendo atendidas as peticións por orde de recepción no IGAPE do contrato debidamente asinado.

Así mesmo, poderán acollerse a este plan de promoción aqueles usuarios que cumprindo os requisitos anteriores subscribisen o contrato IGATEL no mes de decembro de 1994, non teñan instalado o equipo de telecomunicacións para a conexión a IGATEL e non estean acollidos ó plan de promoción deste servicio dese ano.

No caso de que o usuario que se acollese a este plan de promoción resolva o «Contrato para a utilización dos servicios do sistema IGATEL» antes de que transcorra un ano desde a data da súa sinatura, deberá restituírlle ó IGAPE o gasto dos equipos que se lle facilitasen e a súa instalación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

-Orde da Consellería de Economía e Facenda do 20 de xaneiro de 1994 pola que se fixan as tarifas

pola utilización dos servicios do sistema IGATEL do Instituto Galego de Promoción Económica (DOG nº 39, 25-2-94).

-Orde da Consellería de Economía e Facenda do 19 de xullo de 1994 pola que se modifica a orde do 20 de xaneiro de 1994 pola que se fixan as tarifas pola utilización dos servicios do sistema IGATEL do Instituto Galego de Promoción Económica (DOG nº 148, 2-8-94).

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

I. Tarifas servicios IGATEL por vía telemática.

Cota de alta por contrato: 10.000 pesetas.

Nun mesmo contrato poden ser inlcuídos varios usuarios da mesma empresa ou organización.

A cota de alta inclúe o software específico necesario, pero non o de base (DOS 6.0, Windows, etc.), nin o custo da súa instalación, que poderá ser realizado polo propio usuario.

Cota mensual: 6.000 pesetas, por identificativo de acceso (un por usuario).

Servicios:

a) Bases de datos IGAPE: Actualmente en servicio (acceso gratuíto incluído na cota mensual).

Axudas: Axudas e subvencións da Comunidade Autónoma, nacionais e da Unión Europea.

Empresas: Directorio económico-financeiro das empresas galegas.

Consultoras: Directorio especializado das principais empresas consultoras que operan en Galicia.

Solo: Parques empresariais de Galicia.

Formación: Principal oferta de formación empresarial en Galicia.

b) Servicios de comunicacións

CESATEL: Correo electrónico e transferencia de ficheiros. Tarifa: 20 ptas./minuto de conexión.

c) Bases de datos e servicios externos.

Para aquelas bases de datos e servicios que non sexan producidos polo IGAPE, e respecto ós que este ente actúe como distribuidor, o prezo que terán que satisfacer polo seu uso os usuarios de IGATEL será o que resulte de aplica-las tarifas que para o acceso polos usuarios finais teñan fixado os seus provedores.