Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 1995 Páx. 424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de xaneiro 1995 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para actividades realizadas por escolas de tempo libre.

Ante a importancia que hoxe adquire a organización de actividades de tempo libre e de utilización do ocio polos mozos, así como a axeitada formación dos responsables e técnicos de actividades de animación socio-cultural, debe apoiarse o traballo que realizan as escolas de tempo libre existentes na nosa Comunidade Autónoma, en tanto que centros recoñecidos oficialmente pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude para impartir esa formación específica.

A realización de cursos ordinarios para a obtención dos títulos establecidos oficialmente en materia de tempo libre e animación socio-cultural, como aqueles outros máis específicos de perfeccionamento e actualización para as persoas xa tituladas, é cometido das escolas de tempo libre, entidades que a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, pretende fomentar coa convocatoria das presentes axudas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das subvencións.

1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.482, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995, concederá subvencións para a realización de actividades desenvolvidas polas escolas de tempo libre.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Formación de educadores da xuventude.

b) Cursos de directores, especialistas e monitores de tempo libre.

c) Cursos de especialización ou perfeccionamento de carácter monográfico.

d) Conferencias, xornadas e congresos sobre as temáticas de tempo libre.

e) Actividades de aire libre para titulados en actividades de tempo libre.

f) Intercambios técnicos con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

3. Quedan excluídos, para os efectos de subvencións, os programas docentes e deportivos previstos nos plans de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvención as escolas de tempo libre inscritas no rexistro oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude (Decreto 77/1991, do 7 de marzo).

2. Será requisito imprescindible para poder solicitar subvención o ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

3. Igualmente, para ter acceso ás axudas previstas na presente orde, será obrigatorio que os solicitantes cumpran o previsto no artigo 6 do Decreto 77/1991, do 7 de marzo.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes serán dirixidas á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, podendo presentarse no rexistro xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nos rexistros das delegacións provinciais desta, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4 da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do responsable da entidade que subscribe a petición, acreditando a súa lexitimación.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Breve memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar.

d) Orzamento de ingresos e gastos da actividade, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por outros organismos públicos ou privados.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Xuventude poderá requirir, se fose necesario, a emenda dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos proxectos presentados farase tendo en conta os seguintes criterios prioritarios:

1. Proxectos destinados a promocionar ou fortalece-la formación de centros directivos do asociacionismo xuvenil.

2. Proxectos de actividades de intercambio de profesorado e técnicas en animación xuvenil entre comunidades autónomas e países estranxeiros.

3. Aqueles nos que as actividades con finalidade formativa, cultural ou de integración social primen sobre os meramente recreativos.

Artigo 5º.-Contía máxima obxecto de subvención.

A contía da axuda concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento total das actividades subvencionadas.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación e emitido sobre elas informe polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude, o director xeral de Xuventude elevará proposta de concesión á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos peticionarios, no prazo de seis meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

3. A resolución será notificada polo director xeral de Xuventude, especificando o importe e mailo obxecto da axuda concedida.

4. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades, así como comproba-la súa execución, cando o considere conveniente.

5. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións estarán obrigados:

1. A comunicar no prazo de 10 días, a partir da recepción da notificación de concesión de subvención, a súa aceptación nas condicións e límites que se expresan na notificación.

2. A non modificar, sen autorización do director xeral de Xuventude, o programa de adividades inicialmente aprobado.

3. Facer constar en toda a publicidade xerada pola actividade obxecto da axuda, que recibiu subvención da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, Dirección Xeral de Xuventude, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención.

1. A xustificación das axudas efectuarase antes do día 30 de outubro de 1995, mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias, vindo recollidas nunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

No caso de presentar fotocopias das facturas, estas acompañaranse dos orixinais e unha vez compulsadas pola unidade administrativa, logo de aboamento da taxa correspondente, procederase á devolución dos orixinais.

Para os efectos de xustificación soamente se admitirán os recibos ou facturas que se aporten e que figuren na relación, especificando cada un deles a actividade realizada, data, así como o NIF do que subscribe, que deberá ser persoa allea á entidade receptora.

2. Presentarase así mesmo unha sucinta memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto da subvención.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8, o director xeral de Xuventude realizará proposta de pagamento da subvención.

Non obstante, unha vez recibida a comunicación da aceptación da subvención, o director xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique os gastos e a conta de liquidación ata unha porcentaxe do 80% da subvención concedida, podendo autorizarse, non obstante, un anticipo do 10% unha vez recibida a aceptación da axuda concedida, de acordo co disposto na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995.

Para os efectos de facer efectivo o anticipo do 10% previsto para aquelas subvencións que superen o millón de pesetas, será preciso remitir, como requisito previo, certificación do responsable da entidade beneficiaria na que se faga consta-la necesidade do anticipo para poder inicia-las actividades obxecto da subvención.

2. No caso de non aplicar para o fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude só aboará a parte proporcional do investimento real proxectado.

Artigo 10º.-Posible anulación da subvención.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposición adicional

No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas, amparadas por esta orde, quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite as cantidades consignadas na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1995.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude