Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 1995 Páx. 417

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se regulan as axudas para investimento de centros e servicios de atención a menores dependentes de entidades de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencias exclusivas en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3, como unha das súas áreas de actuación a de familia, infancia e mocidade, e nos artigas 53 ó 57 inclusive, as liñas, forma de convocatoria, condicións, requisitos e tipos de subvencións que poderán establecerse na materia.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, atribúelle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector, así como o exercicio das funcións que en materia de protección de menores establece o Decreto 196/1988, do 28 de xullo.

O Decreto 258/1990, do 27 de abril, establece o réxime xeral de axudas e subvencións en materia de servicios sociais, coas modificacións introducidas pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario e a propia Lei de servicios sociais, normativa á que, en consecuencia se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia e os demais requisitos esixidos pola Lei de presupostos xerais de Galicia para 1995.

Con este fin, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, na aplicación 14.02.212D.784.00, existe unha partida orzamentaria consignada para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios co fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é convocar axudas económicas para as entidades de iniciativa social que presten servicios de atención ós menores institucionalizados, co fin de levar a cabo os investimentos que sexan necesarios para a súa adecuación ós principios establecidos no Plan de Equipamentos para menores en desprotección social, incluído no Plan Integral de Apoio á Familia.

Os centros e servicios obxecto de subvención en virtude desta convocatoria son aqueles establecementos que serven de soporte convivencial para unha atención especializada a menores en situación de desamparo ou marxinación social, non susceptibles de acollerse a outro tipo de medidas (axudas en familia, adopcións, acollementos familiares, ...) que ofrecen transitoriamente aloxamento, asistencia integral e unha dotación de servicios e programas especialmente orientados cara á normalización, per

sonalización e integración socio-familiar dos seus beneficiarios.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar axudas as entidades de iniciativa social que presten servicios de atención a menores na Comunidade Autónoma e estean inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais desta consellería, a teor do disposto no Decreto 95/1994, do 8 de abril.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención para investimento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Equipamento e mobiliario.

-Adquisición de inmobles.

-Construcción de nova planta.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

A contía destas axudas fixarase en función das necesidades de cada centro, do proxecto presentado e do orzamento total asignado a este fin.

Artigo 5º.-Normas xerais de subvencións.

a) As subvencións de investimento poderán significa-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal forma que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos; percibidas coa mesma finalidade non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

b) As delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia ás entidades de iniciativa social.

c) As axudas reguladas na presente orde poderán estar suxeitas á formalización dun convenio entre a institución beneficiaria e a Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As entidades prestarán xunto coa solicitude (anexo I) a documentación que a continuación se sinala:

1.-Documentación xeral:

a) Memoria da institución segundo modelo oficial (anexo II).

b) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade e procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados para a mesma finalidade, ou negativa se é o caso.

Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que aínda téndoas solicitadas en anos anteriores, sufriran variacións estatutarias, deberán presentar así mesmo fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que houbese neles.

2.-Documentación específica:

2.1. Para adquisición de bens inmobles.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste a favor do vendedor.

b) Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

c) Informe técnico sobre o estado do inmoble.

2.2. Para subvencións de construcción, reforma e adecuación:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do solicitante do inmoble, ou, se este é en alugamento ou cedido, certificado do propietario facendo consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

c) Memorias das obras que se van realizar, cun orzamento incorporado.

d) Plan de financiamento da obra.

2.3. Para subvencións de equipamento:

a) Memoria do equipamento e orzamento do importe das adquisicións que se pretendan realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción do centro, acreditación de que a obra está totalmente rematada.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse de conformidade cos modelos normalizados nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1.-As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos establecidos na presente orde e procederán a reclamar por escrito, ós interesados, os datos, docu

mentos e aclaracións que consideren necesarios para completa-lo expediente, con apercibimento de que se non se fixera así no prazo de dez días arquivarase o expediente sen máis trámite.

2.-Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

-Presidente: o xefe do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

-Vocais: dous funcionarios da respectiva delegación provincial, designados polo delegado provincial, un deles actuará como secretario. Así mesmo tamén participará un representante da intervención territorial, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

A concesión de subvencións resolverase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios:

a) Adecuación ás necesidades establecidas no Plan de Equipamentos para menores en situación de desprotección social.

b) Adecuación ás características e requisitos dos equipamentos residenciais.

Así, a comisión de valoración terá en conta os seguintes aspectos:

1.-Ter unha dimensión reducida que permita unha atención individualizada e un clima grupal acolledor e familiar, establecendo en 40 prazas a capacidade máxima, aínda que se recomenda unha capacidade óptima arredor de 15 a 25 menores por institución. Establécense, desta maneira, as seguintes tipoloxías:

a) Casas de familia:

-Capacidade: 5-8 menores.

-Educadores:

* Ratio mínima: 1 educador por cada 8 menores.

* Ratio recomendada: 2 educadores por cada 8 menores.

-Edificio: piso ou vivenda normalizada cunha superficie útil minima de 125 m.

b) Mini-residencia:

-Capacidade: 8-15 menores.

-Educadores:

* Ratio mínima: 2 educadores por cada 15 menores.

* Ratio recomendada: 3 educadores por cada 15 menores.

-Edificio: piso ou vivenda normalizada cunha superficie útil mínima de 200 m.

c) Residencia:

-Capacidade: 15-25 menores.

-Educadores:

* Ratio mínima: 3 educadores para 25 menores.

* Ratio recomendada: 4 educadores para 25 menores.

-Edificio: vivenda unifamiliar ampla cunha superficie mínima de 300 m.

d) Centro:

-Capacidade: 25-40 menores.

-Educadores:

* Ratio mínima: 4 educadores para 40 menores.

* Ratio recomendada: 6 educadores para 40 menores.

-Edificio: establecemento dividido en subunidades de tipo familiar con capacidade para 10 menores cada unha e cunha superficie útil mínima para o conxunto total do edificio de 500 m.

As ratios mencionadas anteriormente fan referencia á presencia constante dos educadores nos momentos clave da vida cotiá (horario extra-escolar).

2.-Tender a unha máxima flexibilización respecto ás condicións de admisión e permanencia dos menores nas institucións, para permitir acoller conxuntamente a grupos de irmáns.

3.-Gardar uns mínimos arquitectónicos que permitan unha vida cotiá normalizada:

-Reuni-las condicións necesarias de habitabilidade, hixiene e seguridade.

-Dispoñer de espacios suficientes para o ocio, estudio e convivencia en grupos reducidos.

-Ter dormitorios que non excedan de 4 camas por habitación.

-Situa-la máxima capacidade aconsellable para comedores e salas de estar en torno ós 15 menores.

4.-Proporcionar unha atención individualizada ós menores, fixando, en termos xerais, unhas ratios mínimas de 1 educador por cada 10 menores, aínda que se recomenda a presencia de 2 educadores (home e muller) por cada 10-12 menores.

5.-Integra-los menores no sistema escolar ordinario e procura-la súa participación nas actividades asociativas de tempo libre do seu medio.

6.-Ofrecer unha atención especializada en réxime permanente (diúrno e nocturno) durante todo o ano:

-Satisfacción das necesidades primarias.

-Servicio de titorías.

-Apoio e seguimento escolar.

-Atención sanitaria.

-Tempo libre.

-Apoio e orientación ás familias.

7.-Profesionaliza-la práctica educativa e asistencial das institucións de menores:

-Contar con educadores profesionais.

-Dispoñer dun proxecto educativo.

-Emitir periodicamente os informes e as memorias necesarios.

8.-Atender prioritariamente ós menores da comarca onde estea situada a institución de acollida.

9.-Cooperar e traballar coas familias naturais dos menores, fomentando as visitas e os contactos familiares.

10.-Coordinarse cos diversos estamentos de servicios sociais para facer efectivo un seguimento e apoio post-institucional que favoreza a integración socio-laboral dos menores acollidos.

11.-Cumprir cos dereitos dos usuarios de centros e equipamentos residenciais e mais en concreto cos seguintes:

-Acceder a estas e a recibir asistencia sen discriminación por razón de raza, sexo, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

-A consideración no trato.

-Ó segredo profesional.

-A realizar saídas ó exterior. Este dereito estará suxeito á limitación que poida establecer unha resolución xudicial.

-A manter relacións interpersoais, incluíndo o dereito a recibir visitas.

-A unha asistencia individualizada, acorde coas súas necesidades específicas.

-Á intimidade persoal en función das condicións estructurais do centro.

-A que se lle facilite o acceso á atención social, sanitaria, educacional, cultural, etc.

-A asociarse.

Artigo 10º.-Resolución.

1.-A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, despois da súa fiscalización pola intervención, de conformidade co establecido no Decreto 258/90, do 27 de abril, e no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións.

2.-As solicitudes deberán resolverse nun prazo de dous meses, e aquelas non resoltas en prazo teranse por desestimadas.

3.-As resolucións recaídas seranlles notificadas ós interesados para a execución da axuda outorgada. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

4.-Do mesmo xeito poderán modificarse as devanditas resolucións pola alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1.-Os beneficiarios das subvencións de conta superior a 250.000 pts., antes de proceder ó seu cobro, terán que acreditar que se atopan ó día das súas abrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de acordo co disposto na Lei de presupostos de 1995.

2.-A subvención aboarase unha vez efectuado o gasto e será presentada ante a delegación provincial da consellería, a seguinte documentación:

a) Subvención para adquisición de inmobles: o aboamento da subvención efectuarase unha vez presentada ante o órgano que a concedeu unha copia da escritura pública de compravenda, que recollerá unha cláusula na que se faga constar que o inmoble obxecto da subvención deberá de manterse polo menos durante vinte anos destinado á finalidade que serviu de fundamento á petición.

b) Subvencións para construcción, reforma e adecuación de centros:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificado ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Nas subvencións para a construcción de nova planta presentarase compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará, durante 20 anos, á finalidade que serviu de fundamento á petición.

c) Subvencións para equipamento:

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

Nos dous apartados anteriores as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro (BOE 312, do 30-12-1985).

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

a) Facer constar en todo tipo de publicidade e información a condición de subvencionada pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

c) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

d) Acreditar ante o órgano concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determine a concesión da axuda ou subvención.

Artigo 13º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicidade de axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.6 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos presupostos desta Comunidade Autónoma para o presente exercicio para estes fins.

Segunda.-En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do presente exercicio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude