Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 13 de xullo de 2021 Páx. 35401

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 104/2021, do 24 de xuño, polo que se aproba a actualización do Manual de identidade gráfica Xacobeo 2021-22.

Os Camiños de Santiago supoñen historicamente un constante fluxo de peregrinos e peregrinas que, no seu itinerario cara a Santiago de Compostela, veñen construíndo unha cultura común europea ao longo de máis de mil anos de historia en común.

Ademais da vertente cultural e relixiosa, o efecto económico e xerador de riqueza que xeran os Camiños de Santiago, especialmente nos anos santos, afecta non só a cidade de Santiago de Compostela senón a todo o territorio galego.

O ano 2021 supoñía o número 120 dos Anos Santos Composteláns despois de 11 anos sen un Xacobeo. O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou pandemia internacional a situación de emerxencia ocasionada polo brote epidémico da COVID-19, cuxos efectos continúan na actualidade. As medidas adoptadas tanto a nivel nacional como autonómico co obxectivo de loitar contra a expansión da COVID-19 levaron a serias restricións da mobilidade e do exercicio de actividades, así como limitacións de ocupación en eventos.

Por este motivo, a Santa Sé, mediante o decreto da penitenciaría apostólica do 1 de decembro de 2021, establece unha prórroga do ano santo ordinario de 2021 ata o 31 de decembro de 2022, por mor da pandemia da COVID-19, «tratando de evitar aglomeracións, prohibidas ou non aconselladas, buscando a gloria de Deus e do apóstolo Santiago, patrón celestial do Reino de España, e procurando o consolo espiritual dos fieis».

En consecuencia, a celebración do Ano Santo Xacobeo no ano 2021 e prorrogado ao ano 2022 constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional dos Camiños de Santiago e da propia Comunidade, e implica un amplo despregamento de actuacións en distintos ámbitos.

A disposición adicional octoxésimo sétima da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para 2018, modificada polo Real decreto lei 17/2020, do 5 de maio, polo que se aproban medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-2019, recoñece ao programa «Ano Santo Xacobeo 2021» a consideración de acontecemento de excepcional interese público para os efectos do disposto no artigo 27 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado. A duración do programa de apoio a este acontecemento abrangue desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2022.

Con data do 9 de abril de 2021 o Consello Xacobeo aprobou a actualización do logotipo do acontecemento de excepcional interese público «Ano Santo Xacobeo 2021» para a súa adaptación á duración do programa de beneficios fiscais ata o 30 de setembro de 2022, conforme establece a disposición derradeira quinta da Real decreto lei 17/2020, do 5 de maio, polo que se aproban medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-2019.

Por todo isto faise necesaria actualizar a regulación da utilización da marca Xacobeo 2021 que recollía o manual de identidade anterior á prórroga do ano santo.

Este decreto estrutúrase nun único artigo, unha disposición transitoria única e dúas disposicións derradeiras. O manual de identidade gráfica, que se incorpora como anexo, establece os principios básicos que se aplicarán a toda a gama de produtos de comunicación da marca «Xacobeo 2021-22». O seu obxectivo é dar á imaxe de marca identidade e coherencia na súa comunicación. A identidade constrúese ao redor de dous elementos clave: a cuncha da vieira e un logotipo deseñado con letras personalizadas.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Turismo de Galicia asume a dirección e a coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación da actualización do Manual de identidade gráfica Xacobeo 2021-22

1. Apróbase o Manual de identidade gráfica polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 21-22.

2. O manual estará dispoñible no portal:

https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-21-22

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

1. Seguirán sendo utilizadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as demais entidades do sector público autonómico de Galicia, ata que se esgoten, as existencias de material impreso de papelaría corporativa anteriores á entrada en vigor deste decreto.

2. Con independencia do establecido no número anterior, a marca «Xacobeo 21-22» aplicarase sempre que proceda a adquisición, reposición ou reedición de todo elemento que deba exhibila.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de turismo para o desenvolvemento regulamentario das disposicións contidas neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Eficacia

Este decreto producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2022.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo