Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2017 Páx. 51372

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2018, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo (Boletín Oficial del Estado número 184, do 2 de agosto), e da Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Diario Oficial de Galicia número 233, do 27 de novembro).

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) núm. 3820/85 do Consello e a Directiva 91/439/CEE do Consello, establece unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

En desenvolvemento destas previsións ditouse o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada que, no seu capítulo VI (artigos 14 a 17) e no seu anexo V, recolle a regulación dos exames para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial.

O artigo 15 do referido Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, establece que deberán convocarse exames, cando menos, seis veces ao ano e que o órgano competente poderá publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria. Igualmente, o artigo 14 da mesma norma establece que o exame deberá ser superado no prazo de 6 meses contados desde a finalización do curso de formación acreditativo da cualificación inicial para a obtención do certificado de aptitude profesional. Este curso deberá repetirse no suposto de ter transcorrido o referido prazo sen a superación da proba.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

Con base nas ditas previsións ditouse a Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se estableceron as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, e estableceuse unha habilitación á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para levar a cabo as sucesivas convocatorias de exame.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo; na Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003; no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, e na Orde do 19 de novembro de 2009,

DISPOÑO:

1. Convocatoria.

Convócanse para o ano 2018 as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (MT310C; MT310D).

2. Calendario.

No ano 2018 realizaranse nove convocatorias, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E, que se desenvolverán de acordo co seguinte calendario e prazos de inscrición:

Convocatoria

Datas de realización

Prazo de inscrición

Do 17.1.2018 ao 7.2.2018

Do 24.11.2017 ao 29.12.2017

Do 21.2.2018 ao 7.3.2018

Do 30.12.2017 ao 2.2.2018

Do 4.4.2018 ao 18.4.2018

Do 3.2.2018 ao 16.3.2018

Do 16.5.2018 ao 30.5.2018

Do 17.3.2018 ao 27.4.2018

Do 20.6.2018 ao 4.7.2018

Do 28.4.2018 ao 1.6.2018

Do 18.7.2018 ao 8.8.2018

Do 2.6.2018 ao 6.7.2018

Do 12.9.2018 ao 26.9.2018

Do 7.7.2018 ao 24.8.2018

Do 7.11.2018 ao 21.11.2018

Do 25.8.2018 ao 12.10.2018

Do 12.12.2018 ao 26.12.2018

Do 13.10.2018 ao 16.11.2018

3. Inscrición.

3.1. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento:

a) As persoas interesadas deberán achegar, dentro do prazo previsto no punto anterior, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, acompañada do impreso de autoliquidación de taxas polo importe que estableza para o efecto a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada exprese o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar ás persoas interesadas a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente, só para o caso daquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas aspirantes excluídas ou non admitidas á realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, se é o caso, a través do procedemento MT310D, presentando para o efecto unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.

b) As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3.2. Comprobación de datos:

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI/NIE da persoa solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

• Residencia habitual na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Notificacións.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Tratamento de datos.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.civ@xunta.gal

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2017

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file