Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2017 Páx. 49983

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 17 de outubro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento TR341R).

O Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego, establece no seu artigo 3.2 que, de conformidade coa Constitución española e os seus estatutos de autonomía, corresponde ás comunidades autónomas, no seu ámbito territorial, o desenvolvemento da política de emprego, o fomento do emprego e a execución da lexislación laboral e dos programas e medidas que lles fosen transferidos. Así mesmo, o artigo 38 sinala que os servizos e programas de políticas activas de emprego os deseñarán e desenvolverán as comunidades autónomas no ámbito das súas competencias, tendo en conta os contidos comúns establecidos na normativa estatal de aplicación.

Con base no anteriormente exposto, e no marco establecido no artigo 40 da Constitución española; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, de acordo coa Axenda 20 para o Emprego, co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

No título IV do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba a texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade (DOG núm. 32, do 17 de febreiro de 2016), regúlase o apoio á conciliación e á corresponsabilidade.

No Real decreto lei 11/1998, do 4 de setembro, polo que se regulan as bonificacións de cotas á Seguridade Social dos contratos de interinidade que se subscriban con persoas desempregadas para substituír traballadores durante os períodos de descanso por maternidade, adopción e acollemento (BOE do 5 de setembro), e no artigo 38 da Lei 20/2007 regúlanse as bonificacións tanto da persoa autónoma durante o período de baixa de maternidade como da persoa desempregada que a substitúe durante ese período.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo como un xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes e sen necesidade de valorar e resolver conxuntamente as solicitudes presentadas, sen que por iso se produza un menoscabo dos principios de igualdade e obxectividade na asignación das subvencións previstas e con pleno respecto aos principios de eficacia e eficiencia na xestión do gasto público.

En Galicia, a Estratexia do emprego autónomo 2017-2020, dentro da Axenda 20 para o Emprego da Xunta de Galicia, ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña, e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención ás circunstancias especiais e diferenciais do autónomo, en concreto, axudar tamén á promoción da conciliación da vida laboral e persoal da persoa traballadora autónoma. Estando incluída esta medida dentro do reto 2 de mellora da calidade como a acción 10: axudas á conciliación por maternidade ou paternidade.

Así mesmo, de acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

En canto ao procedemento de concesión:

Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Polo exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, amplíen a contratación da persoa que tiñan contratada para cubrir a dita baixa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

2. Así mesmo, por medio desta orde, procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2017.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras

1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, amplíen a contratación da persoa que tiñan contratada para cubrir a dita baixa.

2. Mediante a presente axuda permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para ampliar durante dezaseis semanas máis a contratación da persoa que tiñan contratada para cubrir a súa substitución durante os períodos de baixa por maternidade ou paternidade, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade do seu proxecto empresarial.

Artigo 3. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e ao disposto nesta orde.

Artigo 4. Acción subvencionable e importe da subvención

1. Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma unha vez rematada a súa baixa por maternidade ou paternidade, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

2. O importe da subvención para compensar a dita contratación será do 100 % da cota empresarial da Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidades profesionais correspondente á persoa contratada durante un máximo de 16 semanas.

Artigo 5. Financiamento

Estas axudas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria e código de proxecto e polo importe que, para cada exercicio, publique a Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, que tivesen realizado un contrato de interinidade por maternidade ou paternidade e, no prazo dos quince días seguintes á súa finalización, realicen outro contrato coa mesma persoa, que, segundo o anexo I, teña o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste), na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto aos autónomos societarios.

Artigo 7. Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias

1. Para ter dereito á subvención, previamente, a persoa traballadora autónoma tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade e ter contratada unha persoa desempregada co contrato de interinidade por maternidade ou paternidade.

2. No prazo dos quince días naturais seguintes ao da finalización do contrato de interinidade débese realizar coa mesma persoa un contrato de calquera modalidade.

3. Estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como, coa Seguridade Social.

4. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito a percibir estas axudas.

Artigo 8. Exclusións

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

1. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo. Tampouco será aplicable esta exclusión pola contratación de fillos maiores de 30 anos con especiais dificultades para a súa inserción laboral e teñan unha discapacidade recoñecida nos termos da disposición adicional décima da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

2. As persoas ou entidades en que concorran os motivos de exclusión previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalles á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

Para cada exercicio orzamentario publicarase o prazo de presentación de solicitudes, o cal comezará ao día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia do crédito orzamentario correspondente a ese ano.

Artigo 11. Solicitudes

1. En relación á presentación de solicitudes, as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen. Polo que se considera que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coas solicitudes, os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

6. Así mesmo, autoriza o órgano xestor para comprobar, segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a alta como persoa traballadora autónoma e a contratación da persoa contratada.

7. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como responsable do ficheiro, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.industria@xunta.gal

Artigo 15. Documentación que deben presentar

A solicitude deberase presentar no modelo que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

• No suposto de actuar mediante representante, copia da documentación fidedigna que acredite a dita representación.

• Informe de vida laboral do código de conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora pola que se solicita subvención e ao contrato de interinidade anterior.

• Relación nominal de traballadores e recibo de liquidación de cotización da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, xunto co seu pagamento bancario dos meses xa pagados no momento da presentación, referente á persoa contratada obxecto da subvención.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI, NIE ou NIF da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Vida laboral da persoa traballadora autónoma.

d) Presentación do contrato de interinidade e do contrato que se vai subvencionar no Servizo Público de Emprego.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Procedemento e criterios de avaliación das solicitudes

Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia, na persoa solicitante, dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Instrución

O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Emprego Autónomo, que formulará a proposta de resolución logo de comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña unha comisión de valoración.

Artigo 20. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola Intervención Delegada, correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Antes da resolución da concesión e se non se presentou con anterioridade, é preciso que se entregue o recibo de liquidación de cotización do primeiro mes da contratación, debidamente pagado.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Práctica da notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Anticipos de pagamento

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, nos casos en que aínda non rematase o pagamento dos gastos da Seguridade Social do contrato subvencionado.

Para iso calcularanse os pagamentos xa achegados no momento da resolución e elevarase a dita cantidade ás dezaseis semanas subvencionadas ou ao período do contrato, se este fose inferior, cantidade que será a máxima subvencionable.

a) Anticiparase ata o 100 % do importe da subvención concedida.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, a xustificación da subvención debe realizarse mediante a achega da documentación prevista no parágrafo seguinte. O prazo para entregar esta documentación será ata o último día do mes seguinte ao pagamento á Seguridade Social do último importe subvencionable.

2. Documentación xustificativa para a subvención:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo II).

b) Nóminas aboadas da contratación subvencionada.

c) Relación nominal de traballadores e recibo de liquidación de cotización da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, xunto co seu pagamento bancario dos meses xa pagados que non se teñan achegado con anterioridade.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 24. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por cota allea convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como por outras que polos mesmos conceptos poidan outorgar as administracións públicas.

2. Estas axudas son compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial anual correspondente ao contrato que se bonifica.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

• No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de mora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

• Así mesmo, procederá o reintegro parcial no caso de que os pagamentos realizados á Seguridade Social fosen inferiores á cantidade pagada anticipadamente.

• De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de mora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 26. Réxime das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro.

2. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) nº 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Ás que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade repercuta aos produtores primarios.

d) Ás empresas que realizan actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros, cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 27. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar, ante o órgano concedente, copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da subvención concedida.

CAPÍTULO III
Convocatoria do ano 2017

Artigo 28. Obxecto

Convocar para o ano 2017 as axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, amplíen a contratación da persoa que tiñan contratada para cubrir a dita baixa.

Artigo 29. Normativa reguladora

Esta convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas no capítulo II desta orde.

Artigo 30. Crédito orzamentario

1. A concesión das subvencións previstas para o ano 2017 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

En virtude do anterior, no exercicio económico de 2017, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C 470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 800.000 euros, que figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017.

2. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. Se o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase de acordo co previsto no artigo 11 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

Artigo 31. Período subvencionable

Serán subvencionables as contratacións que, cumprindo cos requisitos enumerados nas bases reguladoras establecidas no capítulo II desta orde, se realicen entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de outubro de 2017.

Artigo 32. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de xaneiro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán de presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde terán o prazo dun mes desde a data da contratación subvencionada. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file