Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 10 de outubro de 2017 Páx. 47558

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 27 de setembro de 2017 pola que se establece a convocatoria para o ano 2017 e se particulariza o seu importe global máximo, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

Mediante a Orde do 1 de agosto de 2016 (DOG núm. 157, do 22 de agosto) aprobáronse as bases reguladoras xerais para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

Na dita orde de bases reguladoras xerais, nos seus artigos 3.1 e 11.1 disponse que anualmente se publicarán os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais, así como os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2016 a 2023.

Coa finalidade de contribuír á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental, dítase esta orde de convocatoria para o exercicio 2017.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto fixar o importe global máximo, para o ano 2017, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental, código de procedemento: PE209C.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

Artigo 3. Crédito orzamentario

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.1, código de proxecto 2016 00293 (dotada con fondos do FEMP (Prioridade 1. Fomentar unha pesca sostible, OE1.b), medida 1.2.1) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 e con cargo á aplicación que se estableza na Lei de orzamentos xerais paro o ano 2018.

O importe global máximo das subvencións que se concedan na convocatoria de 2017 será de 3.447.770 € e distribuiranse nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2017: 1.727.770 €.

– Anualidade 2018: 1.720.000 €.

De conformidade co disposto no artigo 3.4 da orde de bases reguladoras xerais, os importes consignados para esta convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % pola Comunidade Autónoma.

Disposición transitoria primeira

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2017, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xullo de 2017 e o 30 de xuño de 2018. Nembargante, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde atenderase ao disposto nas bases reguladoras xerais aprobadas mediante a dita Orde da Consellería do Mar, do 1 de agosto de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 157, do 22 de agosto), así como na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira primeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar