Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2017 Páx. 31994

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 17 xuño de 2017 pola que se regulan os intercambios provisionais de prazas do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes desta consellería (código ED002A).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece na súa disposición adicional sexta.2 que as comunidades autónomas ordenarán a súa función pública docente no marco das súas competencias, respectando, en todo caso, as normas básicas que resulten de aplicación.

O artigo 99 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que se poden autorizar permutas de postos de traballo entre persoal funcionario de carreira da mesma Administración pública.

Así mesmo, o Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, polo que se regula o concurso de traslados de ámbito estatal entre persoal funcionario dos corpos docentes recollidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e outros procedementos de provisión de prazas a cubrir polos mesmos, establece na disposición adicional sexta que poderán autorizarse, excepcionalmente permutas entre persoal funcionario en activo dos corpos docentes cando concorran determinadas condicións, disposición que resultaría de aplicación ás permutas que puideran solicitarse entre persoal funcionario docente pertencente a diferentes administracións públicas.

Non obstante, é frecuente que o profesorado teña interese en realizar intercambios provisionais dos seus destinos cuxa concesión axudaría, dun xeito eficaz e eficiente, á consecución dos obxectivos de conciliación da vida laboral e familiar que aparecen formulados no artigo 29 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia en Galicia.

De acordo coa cláusula 4 do Acordo marco sobre o traballo de duración determinada, que figura no anexo da Directiva 1999/70/CE do Consello, sobre o traballo de duración determinada, resulta razoable que tamén o persoal funcionario docente interino teña a posibilidade de intercambiar provisionalmente os seus destinos.

Por isto,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o intercambio provisional de prazas entre o persoal funcionario docente e o persoal laboral dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (código ED002A).

Artigo 2. Requisitos

1. Poderán solicitar o intercambio provisional de prazas dúas ou máis persoas funcionarias de carreira, en prácticas ou interinas, en servizo activo dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que pertenzan ao mesmo corpo.

b) Que a praza corresponda a mesma especialidade.

c) Que vaian desempeñar a súa función docente no centro educativo durante o curso académico para o que se solicita o intercambio provisional.

2. Non poderá concederse un intercambio provisional de postos de traballo ao persoal funcionario docente que desempeñe o posto de traballo en réxime de comisión de servizos.

3. Para os efectos deste artigo, considérase o mesmo corpo:

a) O corpo de catedráticos/as de ensino secundario e o corpo de profesores/as de ensino secundario.

b) O corpo de catedráticos/as de escolas oficiais de idiomas e o corpo de profesores/as de escolas oficiais de idiomas.

c) O corpo de catedráticos/as de artes plásticas e deseño e os profesores/as de artes plásticas e deseño.

Artigo 3. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do modelo oficial de solicitude segundo o anexo I que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiríraselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data da presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Non deberá presentarse ningunha documentación complementaria para a tramitación deste procedemento.

3 Cada unha das persoas interesadas en solicitar o intercambio provisional da praza terá que cubrir unha solicitude.

Na solicitude deberán constar os datos da persoa coa que queira solicitar o intercambio de praza, de xeito que haberá tantas solicitudes como persoas interesadas en intercambiar a praza.

Artigo 4. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da resolución de adxudicación definitiva de destinos provisionais para o curso académico correspondente e ata o 2 de setembro de cada ano. Cando a publicación na páxina web da resolución de adxudicación definitiva de destinos provisionais para o curso académico correspondente sexa posterior ao 2 de setembro, o prazo será de catro días desde o día seguinte ao da publicación da dita resolución.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comisión de valoración

1. Unha vez recibidas as solicitudes emitiranse, cando proceda, os correspondentes informes da comisión de valoración que se constituirá para o efecto como órgano consultivo na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, integrada por:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

b) Ata un máximo de tres persoas funcionarias da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos con rango de xefatura de servizo ou xefatura de sección.

c) Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que actuará como secretario ou secretaria.

2. As organizacións sindicais integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un representante por sindicato para asistir ás sesións da comisión.

3. Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. Corresponde a esta comisión tamén emitir informe previo á resolución do expediente de revogación da autorización de intercambio provisional de prazas.

Artigo 7. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, con carácter xeral, resolverá favorablemente as solicitudes de intercambio provisional de postos de traballo que non excedan de tres anos, e non causen graves prexuízos a terceiras persoas interesadas, entre os colectivos que se citan:

a) Entre o persoal funcionario de carreira con destino definitivo.

b) Entre o persoal funcionario con destino provisional.

c) Entre o persoal funcionario de carreira con destino definitivo e o persoal funcionario con destino provisional.

2. As solicitudes de persoas que xa gozaron de tres anos de intercambio provisional das prazas de destino e aquelas que impliquen a máis de dúas persoas resolveranse pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos, logo do informe da comisión de valoración.

3. No caso de que o intercambio provisional de prazas de destino causase graves prexuízos a terceiras persoas, poderá ser revogada.

4. A resolución, que porá fin á vía administrativa, será motivada cando rexeite a petición das persoas interesadas.

5. A resolución autorizando o intercambio provisional de prazas terá efectividade ata a data do remate do correspondente curso académico.

Artigo 8. Vixencia

A vixencia do intercambio provisional de prazas de destino será ata o remate do curso académico correspondente, sen prexuízo das prórrogas que se poidan conceder, logo de solicitude das persoas interesadas, de acordo co disposto no artigo anterior.

Artigo 9. Toma de posesión

A data dos efectos da toma de posesión será a que determine a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nas súas normas reguladoras de comezo de curso ou, se fose o caso, a da toma de posesión cando esta sexa distinta da anterior.

Artigo 10. Notificación e publicidade

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá as persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As resolucións dos intercambios provisionais de prazas comunicaranse, así mesmo por correo electrónico aos centros educativos e á xefatura ou xefaturas territoriais afectadas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Unha relación dos intercambios provisionais de prazas publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 11. Recursos

Contra a resolución dos intercambios provisionais de prazas, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo que sexa competente de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional primeira. Adscrición provisional

Para os efectos desta orde serán tratadas como comisións de servizo os intercambios provisionais de prazas.

Disposición adicional segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Profesorado co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxp@edu.xunta.es

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorízase á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria