A Orde do 2 de marzo de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 14 de marzo, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento no medio rural e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN201I).
No artigo 1.4 da orde e artigo 2.1 do seu anexo I -Bases reguladoras-, precísase que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente á aplicación orzamentaria 09.30.751-A.761.3, «Transferencias de capital. Corporacións locais. Espazos comerciais municipais. Mercados excelentes e emprendemento», por un importe total de 600.000,00 euros.
No artigo 1 da orde tamén se sinala que se poderán incrementar as contías previstas en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións dada a existencia de remanentes doutras convocatorias de axudas.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único. Financiamento
1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde do 2 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento no medio rural e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN201I).
2. O incremento da dotación será de 206.944,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751-A.761.3, «Transferencias de capital. Corporacións locais. Espazos comerciais municipais. Mercados excelentes e emprendemento», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.
Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria previsto ascende a 806.944,00 euros.
3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2017
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria