Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 24 de maio de 2017 Páx. 25063

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 12 de maio de 2017 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Contar cunha educación infantil accesible e de calidade non só mellora os resultados educativos posteriores dos nenos e nenas, senón que tamén facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a participación feminina no mercado de traballo. A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo. Dentro da área de conciliación deste programa atópase o Bono concilia, unha axuda económica directa ás familias para colaborar no pagamento dunha praza nunha escola infantil privada da súa elección naqueles casos de nenos ou nenas que queden en lista de espera nas escolas infantís públicas ou financiadas con fondos públicos, ou residan en localidades en que non existen prazas públicas.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúeselle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), e ao regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo). Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e proceder á súa convocatoria para o curso 2017/18.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns catrocentos oitenta e nove mil douscentos euros (3.489.200 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1 distribuído en dúas anualidades; corresponden 1.268.800 euros á parte do curso 2017/18 que se desenvolve en 2017 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2018.

2. O crédito dispoñible desconcentrarase entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do que resulte da aplicación dos criterios de adxudicación establecidos no artigo 12.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter un fillo ou filla nacida ou nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2014.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2017/18 e non a ter obtido, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.

2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2017/18 exercendo a opción do programa Bono concilia e, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos os dous proxenitores traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

3º. Ter obtido praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2017/18 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2016/17 e solicitala para a mesma nena ou neno.

5º. Ter un fillo ou filla que renove a axuda deste programa para o curso 2017/18 e obter praza nunha escola pública para un irmán ou irmá tendo marcado a opción do Bono concilia na súa solicitude.

6º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

c) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas ou entes privados que, en concorrencia coa regulada nesta orde, supere o custo da praza.

d) Escolarizar o neno ou nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

Artigo 4. Tipo de axuda e contía

1. A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses.

2. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo co cadro seguinte e non poderá superar en ningún caso o custo da praza:

Tramo de renda per cápita

Xornada completa

Media xornada

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Inferior ao 30 % do IPREM

De 0 a 159,74 €

180,00 €

250,00 €

90,00 €

125,00 €

Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM

De 159,75 a 266,25 €

180,00 €

233,00 €

90,00 €

116,50 €

Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM

De 266,26 a 399,37 €

147,00 €

200,00 €

73,50 €

100,00 €

Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM

De 399,38 a 532,50 €

115,00 €

159,00 €

57,50 €

79,50 €

Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM

De 532,51 a 665,63 €

75,00 €

109,00 €

37,50 €

54,50 €

Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM

De 665,64 a 798,76 €

55,00 €

74,00 €

27,50 €

37,00 €

Entre o 150 % do IPREM e 1.000 €

De 798,77 a 1.000 €

45,00 €

51,00 €

22,50 €

25,50 €

Superior a 1.000 €

45,00 €

45,00 €

22,50 €

22,50 €

3. Enténdese por servizo de comedor o definido no artigo 26 do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Este servizo comprenderá o xantar, que será prestado por persoal do propio centro ou contratado con tal fin (servizo de catering), e incluirá, en todo caso, os alimentos.

4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Artigo 5. Renda per cápita mensual

1. Para os efectos de determinación da contía da axuda, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes ou persoas con relación análoga e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2015.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2015, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a dita unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

2. Cando as circunstancias na data da devindicación do imposto sobre a renda das persoa físicas (IRPF) non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude da axuda teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo.

3. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 6. Vías de acceso ao Bono concilia e documentación necesaria

1. As persoas interesadas que se encontren nos supostos recollidos nos ordinais 1º, 2º e 3º da letra b) do artigo 3 optarán automaticamente ao programa do Bono concilia desde o momento en que formen parte das correspondentes listas de espera definitivas, sen ter que presentar a solicitude regulada nesta orde.

2. De non encontrarse nos supostos previstos no punto anterior, deberá presentarse unha solicitude, segundo o modelo oficial do anexo I indicando a opción de renovación da axuda ou de nova solicitude segundo corresponda e tamén o anexo II relativo á comprobación de datos da/do cónxuxe, parella ou outros membros da unidade familiar.

Os impresos de solicitude (BS403A) estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e http://www.politicasocial.xunta.gal.

3. Nos supostos de nova solicitude xuntarase ademais a seguinte documentación:

a) Copia do libro de familia ou, na súa falta, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

b) Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia do neno ou nena para quen se solicita a axuda, de ser o caso, cando non fose expedido pola Comunidade Autónoma galega.

c) Informe emitido polo equipo de valoración e orientación da xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social sobre a necesidade de integración na escola infantil, no caso dos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

d) Copia da resolución administrativa de acollemento, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.

e) Xustificación de ocupación ou de desemprego actualizada:

1º. No caso de persoas traballadoras por conta allea: copia da última nómina, certificación de empresa ou vida laboral.

2º. No caso de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas: copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos ou da correspondente mutualidade.

3º. No caso de persoas desempregadas, certificación de ser demandante de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

f) Se procede, os documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

1º. Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia da/do nai/ pai, do/da acolledor/a, do/da titor/a legal, ou outros membros da unidade familiar cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, no caso de familia monoparental.

3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia dela autenticada pola/o secretaria/o xudicial.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos os ditos documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo os presentou.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, de dispor del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia ou teña un formato non admitido pola dita sede, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Obrigas das escolas infantís sostidas con fondos públicos con lista de espera

1. As escolas infantís sostidas con fondos públicos que teñan en lista de espera de solicitudes que optasen polo Bono concilia dentro do prazo ordinario de solicitudes, deberán remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social con data límite do 20 de xuño a seguinte documentación:

a) Un arquivo informático coas solicitudes en lista de espera.

b) Unha certificación da puntuación acadada por estas solicitudes.

c) O anexo III da Resolución do 28 de febreiro de 2017 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, cuberto polas persoas solicitantes.

O arquivo informático e o modelo de certificación sinalados atópanse dispoñibles na páxina web http://www.politicasocial.xunta.gal

2. De non presentar a documentación sinalada no prazo establecido non se tramitarán estas solicitudes, agás que se esgote a lista do resto de persoas candidatas ao Bono concilia.

3. Poderanse tamén achegar ao longo do curso escolar as solicitudes admitidas fóra de prazo por tratarse dos supostos recollidos no artigo 3.2.b) da Resolución do 28 de febreiro de 2017, que non obtivesen praza e exercesen a opción do Bono concilia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) da persoa solicitante e do/a cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do (IRPF) da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso, correspondente ao ano 2015.

2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Discapacidade ou grao de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita a axuda recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou da nena para a cal se solicita praza formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Discapacidade ou grao de dependencia da/do nai/pai, do/da acolledor/a, do/da titor/a legal recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os correspondentes documentos acreditativos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación de solicitudes de axuda, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Con carácter excepcional poderán presentar solicitudes fóra do prazo establecido nesta orde aquelas familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde aos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria, agás os supostos establecidos no artigo 9.3.

Artigo 11. Comisión de valoración

Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular do Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da correspondente xefatura territorial da Consellería de Política Social, ou persoa que a substitúa.

b) Vogais: tres persoas empregadas públicas e as súas respectivas suplentes, nomeadas pola persoa titular da xefatura territorial competente na materia, unha das cales exercerá a secretaría da comisión.

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes

1. As comisións de valoración comprobarán que as persoas solicitantes reúnen os requisitos establecidos no artigo 3 e, unha vez valoradas as solicitudes, emitirán un informe en que conste a relación priorizada de persoas beneficiarias da súa provincia, a contía da axuda e a puntuación obtida, de ser o caso, segundo os seguintes criterios:

a) Solicitudes de renovación da axuda no curso 2017/18 e solicitudes relativas a irmáns ou irmás de nenos/as que renoven a axuda deste programa para o curso 2017/18.

b) Solicitudes de familias que residan en concellos nos cales non exista ningún recurso público de atención á infancia 0-3. Estas solicitudes serán avaliadas conforme o baremo publicado como anexo V só no caso de non existir crédito suficiente para atendelas na súa totalidade.

c) Resto de solicitudes, que serán valoradas de acordo co antedito baremo.

2. O Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da xefatura territorial correspondente elevará o informe xunto coas propostas de resolución ao órgano competente para resolver propoñendo a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola persoa interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. As solicitudes que non obtivesen axuda pasarán a formar parte dunha lista de espera segundo a orde de puntuación obtida en aplicación do baremo. Tamén formarán parte desta lista as solicitudes de praza nunha escola infantil 0-3 da rede pública autonómica presentadas fóra de prazo, ao abeiro do previsto no artigo 3.2.b) da Resolución do 28 de febreiro de 2017 que, non obtendo a dita praza, marcasen a opción do programa Bono concilia.

4. Con posterioridade á primeira proposta, poderanse realizar novas propostas de concesión de axudas, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e respectando a orde da lista de espera, sen necesidade de que se reúna de novo a comisión de avaliación.

5. A persoa que rexeite a axuda concedida polo procedemento establecido nesta orde, quedará excluída da lista de espera a que se refire o punto anterior, así como, da lista de espera da escola pública, agás neste último suposto cando a renuncia estea motivada polo cambio substancial das condicións en que se concedeu a dita praza.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación, ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses contados desde o día seguinte á data da publicación desta orde, transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas estean obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou se deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. En todo caso, dará lugar á modificación da resolución e á minoración da contía no importe correspondente a escolarización nunha praza de custo inferior á axuda concedida.

2. De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, tamén poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Unha vez concedida a subvención unicamente se pode variar o tipo de servizo subvencionado de acordo coas seguintes circunstancias, sobrevidas e xustificadas documentalmente:

a) Pasar á situación de desemprego ou outros motivos de carácter laboral.

b) Enfermidade grave das/os nais/pais ou representantes legais.

c) Situación de nulidade, separación ou divorcio.

Artigo 17. Pagamento e xustificación da axuda

1. Notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de quince días naturais para achegar á xefatura territorial correspondente:

a) Orixinal ou copia cotexada do xustificante de matrícula do centro onde vai acudir a nena ou neno (anexo IV), no cal deberán constar a data de comezo no centro, o horario de asistencia e o importe da mensualidade desagregada por conceptos.

b) Declaración de axudas para o mesmo concepto, coa indicación da súa contía no caso de percibir algunha (anexo III). No suposto de se ter producido algunha variación respecto do declarado deberá comunicarse á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato.

Así mesmo, de non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente en que se debe ingresar a axuda.

2. O importe da axuda aboarase ás familias con carácter mensual.

3. O pagamento, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden e das comprobacións necesarias por parte da xefatura territorial da Consellería de Política Social, realizarase logo da presentación orixinal ou copia cotexada, da factura mensual emitida polo centro con indicación da cota aboada e dos servizos a que corresponde. Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente entre os días 10 e 20 do mes a que se refire o servizo.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas quedan obrigadas a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e máis no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 19. Baixas

Será causa de baixa no programa do Bono concilia, o cal comportará a perda da axuda, calquera das circunstancias seguintes:

a) Non presentar o documento acreditativo de ter efectuada a matrícula no centro elixido.

b) Non presentar a documentación xustificativa relacionada no punto 3 do artigo 17.

c) A falta de asistencia continuada ao centro durante 15 días sen causa xustificada.

Artigo 20. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como dos compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 21. Protección de datos.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades». O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal.

Artigo 22. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Bono concilia para nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo

Poderá optar a axuda do Bono concilia o alumnado con NEAE que superando a idade máxima regulamentaria teña concedida a flexibilización da duración do período de escolarización.

Disposición adicional segunda. Límite orzamentario

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional cuarta. Publicidade

1. As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Non obstante o anterior, en cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file