Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2017 Páx. 19839

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 45/2017, do 27 de abril, polo que se convoca unha consulta popular no municipio de Silleda sobre o traslado da casa do concello.

Unha das formas reguladas normativamente para facilitar a participación dos cidadáns na vida pública dos seus municipios é a través das consultas populares. A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, regula no seu artigo 71 as consultas populares e dispón que os alcaldes, logo de acordo por maioría absoluta do pleno e autorización do Goberno da Nación, poderán someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, con excepción dos relativos á Facenda local.

Por outro lado, o artigo 257 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, dispón que corresponde aos municipios someter a consulta popular os asuntos da competencia propia municipal, cuxa celebración se axustará ás disposicións xerais e ao procedemento establecido pola lexislación do Estado en materia de referendo, determinando que, autorizada a convocatoria polo Goberno da Nación, o Consello da Xunta de Galicia, de conformidade coa resolución municipal, a efectuará mediante decreto, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O Concello de Silleda en Pleno acordou por maioría absoluta, o 28 de xullo de 2016, promover a consulta popular. Os termos exactos da consulta foron aprobados en sesión celebrada polo Pleno o 29 de setembro de 2016.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 16 de febreiro de 2017, autoriza a remisión ao Goberno do Estado da solicitude de consulta popular presentada polo Concello de Silleda, xunto co informe a que se refire o artigo 257 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O Consello de Ministros, en reunión do 24 de marzo de 2017, adoptou acordo mediante o cal se autoriza o Concello de Silleda a realizar unha consulta popular respecto do traslado da casa do concello.

O 5 de abril, o alcalde do Concello de Silleda comunica que a data elixida para a celebración da consulta popular é o día 4 de xuño de 2017.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 257 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de abril de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto convocar unha consulta popular, no municipio de Silleda, respecto do traslado da casa do concello.

2. A consulta consistirá na pregunta seguinte, coa súa correspondente resposta:

PREGUNTA

¿Está vostede de acordo co traslado da casa do concello –Rúa Trasdeza, nº 55– e demais servizos municipais situados noutras dependencias ao edificio actualmente destinado a Casa da Cultura?

RESPOSTA

 Si, estou de acordo co traslado  Non, estou en contra do traslado

Artigo 2. Convocatoria

1. A consulta terá lugar o día 4 de xuño de 2017.

2. O ámbito territorial da consulta é o municipio de Silleda.

3. A presente convocatoria será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra e, ademais, anunciarase nun dos xornais de maior difusión da Comunidade Autónoma e será fixado polo Concello de Silleda no seu taboleiro de anuncios.

Disposición derradeira primeira. Normativa de aplicación

A consulta convocada por este decreto rexerase, ademais de polo establecido no artigo 257 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, pola Lei orgánica 2/1980, do 18 de xaneiro, sobre regulación das distintas modalidades de referendo; pola Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, así como pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Deberán entenderse realizadas ao Concello de Silleda as referencias feitas á Administración do Estado e á Administración da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira segunda. Financiamento

O financiamento de todos os gastos relativos á consulta convocada polo presente decreto correspóndelle exclusivamente ao Concello de Silleda.

Disposición derradeira terceira. Disposicións e acordos de aplicación

O Concello de Silleda ditará as disposicións e os acordos necesarios para a celebración da consulta convocada por este decreto e deberá poñer á disposición da Xunta Electoral de Zona os medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das súas funcións, así como dispoñer os medios materiais e persoais necesarios para a celebración da presente consulta, incluíndo, se é o caso, a campaña de información.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de abril de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza