Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2017 Páx. 18717

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o formulario de presentación de documentación do procedemento dos convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas para a realización dos programas de promoción e desenvolvemento das súas modalidades deportivas para o ano 2017.

Conforme o establecido no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega asume a competencia exclusiva na materia da promoción do deporte e axeitada utilización do lecer.

Ao abeiro desta competencia aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, cuxo obxecto é promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional de acordo coas competencias legalmente atribuídas.

Para tal efecto, o Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2015, do 16 de abril, no seu artigo 5 configura a Secretaría Xeral para o Deporte coma o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia á que lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal e regulamentariamente atribuídas.

Para o mellor exercicio das súas competencias, a Lei 3/2012, do deporte de Galicia, habilita a Administración autonómica para subscribir convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades públicas e privadas vinculadas á actividade deportiva. Neste contexto sitúanse as federacións deportivas galegas, reguladas no artigo 51.1, que se configuran estas como entidades privadas sen ánimo de lucro con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, cuxo ámbito de actuación se estende ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 51.5 da Lei 3/2012, do 2 de abril, só se pode recoñecer unha federación deportiva por cada modalidade deportiva, e exerce cada unha delas en réxime de exclusividade, ademais das funcións que son propias do seu ámbito privado, as funcións públicas delegadas recollidas no artigo 56.4 da norma, actuando neste caso como axentes colaboradores da Administración como se establece no artigo 51.4 da referida lei.

Neste marco das funcións federativas, é pretensión da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, subscribir convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas para a realización do programa de promoción e desenvolvemento das súas modalidades deportivas para o ano 2017, co fin de fomentar o deporte e a actividade física saudable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, colaborando así no desenvolvemento do sistema deportivo galego. Preténdese incidir, ademais, na importancia que ten o deporte na sociedade actual como actividade cidadá voluntaria, como ferramenta educativa, como elemento crucial no desenvolvemento harmónico das persoas e no seu equilibro físico e psicolóxico e como elemento que contribúe ao establecemento de relacións plenas do individuo co grupo e dos grupos entre si.

Con esta resolución dáse cumprimento ao artigo 14 sobre o dereito e obrigación de relacionarse de xeito electrónico coas administracións públicas, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En virtude do exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é establecer o procedemento co código PR954A para a presentación da documentación requirida nos convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as federacións deportivas galegas para a realización dos programas de promoción e desenvolvemento das súas modalidades deportivas para o ano 2017.

Artigo 2. Requisitos dos/as solicitantes

Os/as solicitantes deberán figurar inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia como federación deportiva galega, de acordo co establecido na sección 3ª do capítulo II, do título IV, da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 3. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas entrega a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Artigo 4. Documentación complementaria e comprobación de datos no procedemento administrativo

1. Para a sinatura dos convenios obxecto da presente resolución as persoas representantes das federacións deportivas galegas non deberán presentar documentación adicional.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas entregan a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI o NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

e) Certificado de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación nos casos en que así o prevé a norma reguladora autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións informativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral para o Deporte. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral para o Deporte, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Subdirección Xeral de Plans e Programas, EGAP, rúa Madrid, 2-4, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: programas.deportes@xunta.gal.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia - Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos demais medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a esta disposición, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2017

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file