Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2017 Páx. 5167

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2017 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos Piloto Industria 4.0 (II Piloto Industria 4.0) en Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 22 de decembro de 2016, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos Piloto Industria 4.0 en Galicia (II Piloto Industria 4.0), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou a Dirección Xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras dos premios e axudas do Igape aos proxectos Piloto Industria 4.0 en Galicia (II Piloto Industria 4.0) e convocar, para o exercicio 2017, os ditos premios e axudas en réxime de concorrencia competitiva.

As axudas ás pemes da presente convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 1420, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, e compútase como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e da acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados, incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (…).

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Os premios financiaranse con cargo a fondos propios da Xunta de Galicia.

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 3 meses e comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. No caso de que o día final do prazo fose hábil no municipio ou comunidade autónoma en que resida o solicitante e inhábil en Santiago de Compostela, ou á inversa, considerarase inhábil en todo caso.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Orzamento 2017

Orzamento 2018

09.A1.741.A.7706

1.470.000 €

2.380.000 €

09.A1.741.A.7820

30.000 €

120.000 €

A Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a fin do prazo de presentación de solicitudes, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de xuño de 2018.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 31 de outubro de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 16 de novembro de 2017.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 31 de xullo de 2018.

Os organismos intermedios deberán presentar a solicitude de cobramento da parte variable do premio como máximo o 31 de xullo de 2018.

Sexto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO
Bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos Piloto Industria 4.0 en Galicia (II Piloto Industria 4.0), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A Axenda de Competitividade Industrial, Galicia: Industria 4.0 (en diante, a Axenda), aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas que vai desenvolver a Administración galega entre os anos 2015 e 2020.

Ademais, a Axenda aprobada prevé a posta en marcha dun número de actuacións de curto prazo, entre as cales está a acción de lanzamento Piloto Industria 4.0, encaixada no plan de impulso á innovación e no enfoque estratéxico de pemes innovadoras e, en concreto, despregando a medida 4.1.5: impulsar as innovacións en procesos e produtos das empresas galegas. Tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE), dixitalización e fábrica do futuro.

Os obxectivos estratéxicos e medidas que se recollen na Axenda, e esta actuación en particular, están totalmente aliñados coa Estratexia de especialización intelixente de Galicia, a RIS3, plenamente avalada polos axentes do Sistema galego de innovación, na procura de levar a un crecemento intelixente do actual tecido industrial de Galicia a través do aproveitamento de novas oportunidades, tanto as relacionadas co seu modelo de negocio actual como as non relacionadas, así como a través dun incremento do peso da innovación nos seus procesos actuais e futuros.

Trátase, deste xeito, de pór en marcha un programa piloto cara á «Fábrica Intelixente», que se desenvolverá mediante bases reguladoras do proceso, co fin de actuar como exemplo e demostración da virtualización da industria en ámbitos de actividade seleccionados, co apoio aos investimentos na implantación industrial dos proxectos seleccionados.

O obxectivo é seleccionar proxectos que, pola súa diversidade de tecnoloxías aplicadas, coherencia cos obxectivos das empresas implicadas e factibilidade técnica e económica, poidan servir como futuros puntos de arranque e impulso da diversificación e dixitalización de instalacións produtivas que se pretende acadar para Galicia.

Para conseguir esta selección, que permita a concentración de fondos nos proxectos máis adecuados, a axuda actúa en dúas fases: na primeira convócase un concurso de proxectos entre organismos intermedios asociativos que permitan reunir a vontade dun grupo de pemes interesadas; na segunda apóiase a posta en marcha dos mellores proxectos.

Esta iniciativa comezou a súa andaina no ano 2016, onde se concederon os primeiros catro premios e axudas por importe de 2,84 M€. A execución deste primeiro programa puxo de relevo que o esquema permite unha colaboración clara do tecido asociativo especializado na promoción de proxectos (clúster e asociacións orientadas á industria), concentra o esforzo investidor na modernización da industria dun conxunto coordenado de proxectos de investimento produtivo e permite un seguimento máis próximo dos proxectos por parte do Igape.

Nesta segunda edición dos premios faise especial fincapé en dúas categorías especialmente prometedoras da Industria 4.0: a Fábrica Virtual e a incorporación de TIC industrial. Para iso dótanse dous premios específicos adicionais aos sectoriais que xa existían na primeira edición.

O financiamento das axudas aos proxectos Piloto Industria 4.0 en Galicia (II Piloto Industria 4.0) conta con recursos económicos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de seis proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes, así como das axudas á devandita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.

A implantación consistirá na incorporación ás empresas de tecnoloxías relacionadas coas tres seguintes categorías:

a) Industria 4.0 sectorial, proxectos sectoriais de incorporación das seguintes tecnoloxías:

1º. Robotización e robotización colaborativa.

2º. Fabricación aditiva.

3º. Sensórica e actuadores mecatrónicos.

4º. Sistemas ciberfísicos.

5º. Automatización total ou estendida.

6º. Intercomunicación máquina-máquina.

7º. Conectividade total ou estendida.

8º. Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).

9º. Personalización de produtos.

10º. Internet das cousas, internet dos equipamentos e das máquinas.

11º. Dixitalización.

12º. Big data, cloud computing e ciberseguridade aplicadas á industria.

13º. Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministracións coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.

14º. Modelaxe e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

b) Fábrica Virtual: proxectos de simulación de procesos empresariais, que monitoricen a información procedente de todos os elementos das fábricas e recreen os procesos sobre contornas de simulación ou realidade virtual. Os proxectos presentados a esta categoría deben propor diversos estadios de integración (segundo a necesidade de cada empresa) de ferramentas para o deseño, simulación e optimización dunha factoría completa ou algunhas das súas liñas de produción. Tamén serán válidos investimentos en tecnoloxía ou asesoramento para a avaliación mediante simulación da viabilidade e optimización do produto, instalacións que realizan os procesos de manufactura, fluxos de produción, etc.

c) TIC industrial: proxectos de implantación de ferramentas para a mellora dos procesos de empresas industriais (nos termos de nova industria) baseadas nas seguintes tecnoloxías: intelixencia artificial (AI) e sistemas baseados na aprendizaxe automática; identificación, seguimento e control de produto mediante radio frecuencia (RFID) ou tecnoloxías afíns; internet das cousas industrial (I2oT); análise de negocio e modelos preditivos utilizando datos masivos (big data).

2. Os apoios aos proxectos Piloto Industria 4.0 terán dúas modalidades: premio ao proxecto, que corresponderá ao organismo intermedio, e subvencións individuais aos investimentos e gastos das súas pemes integrantes:

a) Premios aos catro proxectos sectoriais máis representativos na categoría de Industria 4.0 sectorial, premio ao mellor proxecto na categoría Fábrica Virtual e premio ao mellor proxecto na categoría TIC industrial:

1º. Por cada categoría, que deberá ser elixida pola agrupación na súa solicitude, cualificaranse os proxectos segundo a súa definición, desenvolvemento, características e condicións de execución, e que integrarán a implementación de diversas solucións en todas e cada unha das pemes individuais participantes.

2º. Poderanse premiar un máximo de catro proxectos de sectores ou ámbito de negocio diferentes na categoría Industria 4.0 sectorial, un proxecto na categoría Fábrica Virtual e un proxecto na categoría TIC industrial. A contía máxima do premio será de 25.000 € cada un e placa conmemorativa. O premio outorgaráselle ao organismo intermedio líder da agrupación. En caso de que os premios dalgunha categoría quedasen desertos, poderán asignarse máis premios nas restantes categorías.

3º. O premio dividirase en dous tramos: un fixo de 5.000 € e placa conmemorativa, que se entregará en acto público convocado para o efecto unha vez decididos os premios. Despois de executados os proxectos, os organismos intermedios premiados percibirán unha cantidade variable de ata 20.000 €, que se modulará en función da porcentaxe de execución dos proxectos de pemes subvencionados, unha vez xustificadas e aboadas as correspondentes axudas. Os premios son acumulativos entre categorías, de xeito que un mesmo organismo poderá resultar premiado por unha o máis categorías.

4º. O premio incardínase no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro). Ao estar o premio suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir o organismo intermedio outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Para tal efecto, solicitarase do organismo intermedio unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

b) Subvencións aos investimentos e gastos en que consista a execución dos proxectos premiados:

1º. As subvencións serán individualizadas para cada peme participante integrante dos proxectos premiados.

2º. A subvención ás pemes participantes incardínanse no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño), e será do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas e do 25 % para as medianas. Excepto a subvención sobre os gastos de colaboracións externas que se incardinan no artigo 18 do devandito Regulamento (UE) nº 651/2014 e que será do 50 %.

3º. A subvención total concedida ao conxunto de pemes que participen ao abeiro de cada proxecto premiado non superará 1.000.000 de euros, incluíndo o premio e a cantidade variable correspondente ao organismo intermedio premiado.

4º. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no ordinal 2º. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

5º. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

i) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, relacionados coa temática da categoría do premio que se define no artigo 1.1 destas bases. Exclúese a adquisición e o acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina, agás elementos informáticos. A adquisición e adaptación de software considerarase investimento subvencionable.

ii) Colaboracións externas: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

6º. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

7º. Os investimentos e gastos subvencionables das pemes participantes non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude por parte da agrupación no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderán incorrerse con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Para acreditar o cumprimento desta condición, cada peme participante na agrupación deberá cubrir, no propio formulario electrónico de solicitude, unha declaración responsable de non ter iniciados os traballos na data de presentación da solicitude. Os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

8º. O período de execución dos investimentos e gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

9º. Os investimentos e gastos previstos por cada peme participante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente a cada peme os investimentos e gastos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

10º. Cando o importe do investimento ou do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á adquisición do ben ou á prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos e dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

11º. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto e neste momento deberá constar o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

12º. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

13º. No caso de investimento en activos intanxibles, para seren considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

14º. Os provedores non poderán estar vinculados co beneficiario da axuda nin cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso o beneficiario poderá concertar a execución total ou parcial das actividades.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán obter os premios os organismos intermedios incardinados nalgunha das seguintes definicións:

a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsaren e orientaren os proxectos.

b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á competitividade das pemes e promovan proxectos nos cales non persigan a obtención de beneficios.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas as pemes que desenvolvan a súa actividade no ámbito da nova industria.

Para os efectos destas bases, entenderase por:

a) Pemes galegas:

As pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto e que desenvolvan a súa actividade empresarial nalgún dos ámbitos de actividade subvencionables.

b) Ámbito da nova industria:

As actividades da industria manufactureira e as dos servizos á industria, segundo o concepto de «nova industria» definido na Axenda de Competitividade Industrial de Galicia: «ampliando o tradicional concepto de industria para abarcar os servizos á produción, complementarios e interdependentes desta».

Establécense as seguintes excepcións, segundo o artigo 13 do Regulamento (UE) nº 651/2014: empresas pertencentes ao sector do aceiro, o sector do carbón, o sector da construción naval, o sector das fibras sintéticas, o sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

3. Para poderen optar aos premios e subvencións, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007). A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e polo menos tres pemes galegas. Deberanse facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, o organismo intermedio será nomeado representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez decidido o premio e concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da axuda.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller como mínimo o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do organismo intermedio como representante seu ante a Administración, para os efectos de interlocutor con ela.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta a concurso descrito no cuestionario de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para solicitar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude.

g) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. Un organismo intermedio só poderá participar nunha agrupación para cada unha das categorías definidas no artigo 1.2.a). As pemes poderán participar en máis dunha agrupación, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos e se refiran a conceptos distintos de Fábrica 4.0.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) Entidades ou empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

b) Entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE nº 651/2014).

c) Entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

3. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, entón debe presentar a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

4. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro.

Artigo 4. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, as agrupacións interesadas en presentar unha candidatura ao premio deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto que concorra ao premio e dos gastos subvencionables das pemes participantes, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A solicitude será presentada a través do organismo intermedio que lidere a dita agrupación.

2. Para tal fin, con carácter previo á presentación da candidatura, deberá terse constituído a agrupación das pemes participantes a que fai referencia o artigo 2.3 destas bases.

3. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras isto a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits, a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

4. As solicitudes presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido este, daranse por desistidos da súa petición logo de resolución de arquivamento.

5. Xunto co formulario de solicitude presentarase o DNI da persoa representante da entidade solicitante e o NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta, o documento contractual que regule o funcionamento interno da agrupación, segundo o establecido no artigo 2.3, e a seguinte documentación relativa a cada partícipe da agrupación:

a) DNI da persoa representante legal, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo IV.

b) Copia do NIF, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo IV.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado as pemes participantes, de acordo co establecido no artigo 1.2.b) 10º destas bases reguladoras.

e) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6.4.b) destas bases e que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude.

f) Declaración responsable do representante legal de cada membro da agrupación de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

6. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 4.5. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o cal se poderá requirir a exhibición do documento orixinal.

8. Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a Norma X.509 V3, válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da alínea b) anterior tamén empregarán a vía electrónica para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace de tramitación telemática para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

g) Todos os trámites administrativos que as agrupacións interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

9. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante de recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 5. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Igape a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 6. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. O incumprimento dos requisitos para ser beneficiario por parte dalgunha das pemes participantes levará á avaliación do proxecto sen ter en conta a participación desa peme en particular, ou á denegación do proxecto no seu conxunto no caso de incumprimento do organismo intermedio. O incumprimento do número mínimo de tres pemes, unha vez aplicada esta condición, dará lugar á denegación do proxecto no seu conxunto.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos de emenda citados realizaranse preferentemente mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.

4. Xurado.

a) Unha vez rematado o expediente, a Área de Competitividade trasladará os proxectos presentados que cumpran coas condicións necesarias, para a súa avaliación técnica, a un xurado composto por dúas persoas designadas polo Dirección Xeral do Igape entre o seu persoal, dúas persoas designadas pola Dirección Xeral da Axencia Galega de Innovación entre o seu persoal, e tres persoas designadas pola Dirección Xeral do Igape entre expertos nacionais e internacionais de recoñecido prestixio nos ámbitos en que se desenvolven os proxectos. Na primeira reunión constitutiva do xurado, os seus membros designarán de entre eles a quen faga de presidente e tamén a persoa que faga funcións de secretaria, que pode non ser membro do xurado. Nese caso, non terá voz nin voto. O funcionamento do xurado axustarase ás normas contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) O xurado avaliará os proxectos tendo en conta os seguintes criterios, que deberán estar especificados na memoria que se xunte á solicitude de forma clara e explícita:

1º. Dimensión do proxecto: 20 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Número de pemes participantes: 0,5 puntos por peme, ata un máximo de 8 puntos.

ii) Intensidade do investimento medio das pemes participantes: 1 punto por cada 25.000 € de gasto subvencionable, ata un máximo de 12 puntos.

2º. Calidade técnica do proxecto: 20 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros, en orde de maior a menor importancia:

i) Aplicabilidade das tecnoloxías ao sector concreto.

ii) Experiencias previas no sector (non necesariamente en Galicia).

iii) Mellora de resultados esperada.

iv) Accións previstas no proxecto que faciliten a aplicación efectiva da tecnoloxía na peme.

v) Grao de elaboración e concreción da proposta, en canto á súa claridade expositiva e á asunción de compromisos concretos.

3º. Diversidade das solucións para implementar nas empresas participantes: 20 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros, en orde de maior a menor importancia:

i) Número de ámbitos Industria 4.0 dos enumerados no artigo 1 que se incorporan ás empresas.

ii) Intensidade da incorporación en cada empresa.

iii) Número de empresas que incorporan cada tecnoloxía.

4º. Sector ou ámbito de negocio en que se desenvolva o proxecto: 15 puntos, que se outorgarán a proxectos onde participen maioritariamente empresas pertencentes a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade de Galicia Industria 4.0 e actividades referenciadas no reto 2 (o modelo industrial da Galicia do futuro) da Estratexia RIS3 de Galicia. En particular:

i) Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii) Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

5º. Participación de centros e institucións tecnolóxicas como colaboradores externos: 15 puntos, un punto por cada 1 % da previsión de gasto en colaboracións externas do proxecto.

6º. Efecto demostrador no sector. Interese e atractivo para a súa implementación por outras empresas: ata 10 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros, en orde de maior a menor importancia:

i) Compromisos concretos de colaboración coa Administración na difusión do proxecto, máis aló dos mínimos fixados nestas bases reguladoras.

ii) Relevancia das empresas que forman parte da agrupación no sector concreto de aplicación.

iii) Variedade na posición destas empresas na cadea de valor do sector.

c) O xurado puntuará os proxectos e establecerá unha lista, ordenada por puntuación, na cal se indique a categoría de cada proxecto, que poderá ser Industria 4.0 sectorial, coa indicación do sector ou ámbito de negocio a que pertence; Fábrica Virtual ou TIC Industrial. En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 1º dos descritos na alínea b) deste mesmo artigo 6. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio 2º e así sucesivamente. Os proxectos deberán acadar unha puntuación mínima de 50 puntos para seren considerados con mérito suficiente para poderen optar aos premios.

5. Para a adxudicación dos premios, partirase desta lista establecida polo xurado e procederase da seguinte forma:

a) Adxudicarase un premio ao proxecto máis valorado dentro de cada categoría específica (Fábrica Virtual e TIC Industrial).

b) Adxudicarase un premio ao proxecto máis valorado dentro de cada categoría sectorial ata completar as catro posibles ganadoras de Industria 4.0 sectorial.

c) No caso de que non for posible adxudicar os seis premios porque nalgunha categoría ningún proxecto acadase a puntuación mínima, adxudicarase o premio ao seguinte proxecto de maior puntuación aínda que corresponda a unha categoría xa premiada.

d) No caso de que non se puideren asignar os seis premios mediante este procedemento, un ou varios deles declararanse desertos.

6. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

7. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á Dirección Xeral do Igape, que resolverá a adxudicación dos correspondentes premios. A resolución de concesión do premio incluirá a concesión das subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes participantes nos proxectos premiados, e da parte variable da subvención correspondente ao organismo intermedio.

A resolución fará constar o importe subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape e as condicións da axuda (DECA).

8. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poderán descargar a súa resolución individual introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). Sen prexuízo de que a concesión se anuncie no acto público de entrega do premio ao organismo intermedio líder da agrupación.

9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 7. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 8. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao orzamento subvencionable á baixa, ao traspaso orzamentario entre partidas de gasto, á modificación á baixa do prazo de execución do proxecto, ao cronograma de execución, á tipoloxía de proxecto/s que se van acometer, ao cambio de provedores e á tipoloxía de gasto, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto.

2. O beneficiario deberá solicitar a modificación co formulario sinalado no artigo 4 e presentar a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 9. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e, de ser o caso, manter os investimentos durante polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento ou o cesamento da actividade. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Colaborar co Igape nas actividades de demostración do concepto Fábrica 4.0: xeración de casos de éxito, material promocional, participación en presentacións, reportaxes audiovisuais, visitas demostrativas e calquera outra similar.

c) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello. Para tal fin, deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como da documentación xustificativa da realización e do aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 1 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario ou as que resulten da normativa aplicable ás axudas concorrentes.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto por parte do Igape, a Xunta de Galicia e o Feder, segundo o establecido no anexo III destas bases.

h) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

k) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 10. Xustificación da subvención

1. Cada peme beneficiaria deberá presentar a súa solicitude de cobramento da subvención nos prazos establecidos na resolución de convocatoria, ben persoalmente ou ben a través do organismo intermedio líder da agrupación, no caso de que o beneficiario sexa unha persoa física.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, deberase cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras isto a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II destas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento,

A. Se o beneficiario é unha persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015 e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 4.8 das bases reguladoras.

De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 10.6. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Exceptúanse do anterior os documentos que, de conformidade co artigo 10.6, deban ser orixinais. No caso de que o documento orixinal estivese en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo á súa presentación electrónica.

B. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa física, a súa solicitude de cobramento será tramitada polo organismo intermedio líder da agrupación que seguise o procedemento establecido nos puntos 2 e 3 anteriores por conta da peme.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, presentarase:

a) Orixinal das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) Documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispor dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva deste.

iii) Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supor unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) A memoria de execución do proxecto incluída no formulario de liquidación.

d) A copia -que permita a súa lectura- de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 9.h) destas bases.

e) As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 1.2.b) 10º das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

7. Deberanse cubrir na ficha resumo das facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade, nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 9.g): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 8 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 12. Aboamento da parte variable do premio

Os organismos intermedios presentarán a solicitude de cobramento da parte variable do premio a que fai referencia o artigo 1 destas bases, no prazo establecido na resolución de convocatoria, a cal será atendida unha vez xustificada a subvención correspondente ás pemes participantes.

A dita parte variable será aboada proporcionalmente á porcentaxe da correcta execución de cada proxecto subvencionado.

Artigo 13. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes. En particular, procederá o reintegro do premio por parte do organismo intermedio no caso de que non se produza ningunha execución efectiva da axuda por parte de ningunha das pemes participantes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables; se é o caso, as cantidades percibidas deberán reintegrarse na dita proporción. Se a execución amosa unha desviación sobre o proxecto inicial de xeito tal que o desvirtuase e non se puidese considerar un proxecto para incluír na categoría en que foi premiado, o incumprimento considerarase total. En particular, unha execución por baixo do 20 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

4. Incumprimento total, coa perda do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

b) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 9 destas bases.

c) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

d) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

5. Incumprimentos en fase de mantemento do investimento, posteriores ao pagamento da axuda, que constituirán causa de reintegro co alcance que se indica a seguir:

a) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 9 destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non colaborar co Igape nas actividades demostrativas en relación co proxecto suporá o reintegro dun 4 % da subvención concedida.

c) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

6. Cada peme participante no proxecto é a responsable da execución e xustificación da subvención individual concedida. O incumprimento total ou parcial da parte dunha peme non afectará nin será causa de incumprimento para as restantes pemes participantes.

Artigo 14. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

Artigo 16. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen imporse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia, expresará a norma reguladora, o/a beneficiario/a, o crédito orzamentario, a contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do/da beneficiario/a e a súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia debe realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do/da beneficiario/a. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no apartado 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Beneficiarios-Terceiros, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable desde ficheiro é o Igape que, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios para achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a: dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Artigo 19. Remisión normativa

1. Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

f) Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

g) Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

h) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

i) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

2. En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Requisitos de comunicación do financiamento público
Premios e axudas do Igape aos proxectos Piloto Industria 4.0 en Galicia (II Piloto Industria 4.0), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020

– Responsabilidade do beneficiario.

Ao se tratar de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e amosando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

2. Durante a realización do proxecto e mentres dure o compromiso de mantemento dos investimentos ou postos de traballo subvencionados:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión;

b) Para os proxectos subvencionados por importe inferior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio. Para proxectos subvencionados por importe igual ou superior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público durante o prazo de execución do proxecto.

3. Para proxectos cunha subvención superior a 500.000 €, ademais, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente, de tamaño significativo, nun prazo de tres meses a partir da data de finalización do proxecto. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Prepararanse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión, de conformidade co artigo 115, número 4, do Regulamento 1303/2013.

– Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo.

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014, da Comisión, do 28 de xullo:

1. O emblema da Unión deberá figurar en color nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao fondo correspondente se presenten nun sitio web, serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: Arial, Auto, Calibri, Garamond, Trebuchet, Tahoma, Verdana ou Ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul réflex, negro ou branco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e anchura, ca o maior dos demais logotipos.

– Características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais.

De acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 821/2014, da Comisión, do 28 de xullo:

1. O nome do proxecto, o principal obxectivo deste e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao fondo deben figurar no cartel temporal a que se refire o anexo XII, sección 2.2, punto 4, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e ocupar polo menos o 25 % do cartel.

2. O nome do proxecto e o principal obxectivo da actividade apoiada por aquel, e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao fondo, que deben figurar na placa ou cartel permanentes a que se refire o punto 5 da sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, ocupará polo menos o 25 % da dita placa ou cartel.

– Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo deste.

missing image file

Ben que, en toda comunicación relativa a fondos europeos, se deberá incorporar ademais unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».

missing image file