Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2017 Páx. 2119

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o 2017.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

Tendo en conta o Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta de Galicia, quen, a través do Programa de Apoio á Natalidade (PAN), traballa no desenvolvemento dos mecanismos precisos para facilitar a conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar e laboral.

Neste sentido, o obxectivo da área de conciliación do Programa PAN (PAN-Concilia) é crear un ambiente social favorable no que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta a disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos, como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial.

Unha das liñas de acción do PAN-Concilia diríxese á constitución dunha rede galega de centros de educación infantil 0-3 sostidos con fondos públicos articulada e de calidade, como recurso educativo e de prestación de servizo ás familias galegas, na que o papel das entidades privadas de iniciativa social é fundamental.

Esta orde de axudas ten como finalidade materializar a contribución da administración galega ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e fomentar a mellora da súa calidade.

O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recolle, no seu artigo 25, as circunstancias que deben concorrer para a tramitación anticipada de expedientes de gasto, así como os requisitos que se deben cumprir.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 2 de decembro de 2016.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva de axudas económicas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, coa finalidade de consolidar a oferta existente e de ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral no que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por nenas/os de 0 a 3 anos, as/os nacidas/os con posterioridade a 31 de decembro de 2014.

Artigo 2. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 3.160.152,00 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 12.02.312B.481.3.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 para a que se solicita a axuda cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.

Artigo 4. Gastos subvencionables e contía da axuda

1. As axudas convocadas teñen como finalidade compensar os gastos que se produzan e/ou se abonen desde o primeiro de xaneiro de 2017 ata a data de xustificación nos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal (non se subvencionarán aqueles importes que excedan dos salarios e complementos establecidos para cada categoría profesional no último convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil).

b) Gastos de alimentación.

c) Outros gastos xerais de mantemento do centro.

2. A contía da axuda establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3 autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes e da prestación do servizo de comedor, segundo os seguintes módulos para os efectos do previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei:

Centros con servizo de comedor

Centros sen servizo de comedor

De 1 a 3 unidades

De 4 a 6 unidades

Con 7 ou máis unidades

Contía total por unidade en funcionamento

19.372 €

18.496 €

17.609 €

15.638 €

En ningún caso a axuda poderá ter un importe superior á diferenza resultante entre os gastos e os ingresos da actividade previstos para o exercicio 2017, segundo os datos económicos consignados na solicitude (anexo II).

De non estar en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo no que non se prestou o servizo.

3. Para os efectos desta orde enténdese por servizo de comedor o prestado ben por persoal do propio centro, ben por persoal alleo a el contratado con tal fin (servizo de catering), e que inclúe os alimentos. Este servizo comprenderá en todo caso o xantar e opcionalmente o almorzo e merenda e/ou cea.

Artigo 5. Procedemento e réxime de aplicación

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial, dentro dos prazos previstos, na forma prevista no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. Documentación

1. Con cada solicitude (anexo I) é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) NIF da entidade solicitante, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

b) Acreditación da personalidade e representación da persoa que solicita a axuda.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter débedas coa Comunidade Autónoma, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Datos do/s centro/s para os que se solicita a subvención (anexo II).

e) Resumo da memoria do centro do curso escolar 2015/2016 (máximo de 10 páxinas), onde se aborden os seguintes contidos:

1º. Horarios e servizos que presta.

2º. Unidades en funcionamento (grupos de idade, ocupación, adscrición do persoal educativo ás unidades).

3º. Persoal adscrito ao centro diferenciado por categorías profesionais e xornada laboral.

4º. Descrición xeral das actividades realizadas co alumnado.

5º. Relación de protocolos cos que conta.

6º. Mención ás actividades de formación do persoal, de ser o caso.

f) Proxecto lingüístico do centro.

g) Tarifa de prezos vixente, adaptada ao disposto no artigo 21.

2. As entidades que soliciten por primeira vez estas axudas dispoñen dun prazo de dous meses desde a notificación da resolución favorable para enviar a documentación prevista na letra g) do punto anterior.

3. No suposto de que a tarifa de prezos da escola infantil sufra modificacións durante o ano 2017, deberase informar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica no prazo dun mes desde que estas modificacións teñan lugar.

Todos os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal, copia cotexada ou dixitalizada.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 40 e 45 da indicada Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e portal de Benestar (http://benestar.xunta.es/web/portal/portada-de-familia), a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social sobre as condicións actuais dos centros solicitantes, para os efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais e a data do permiso de inicio de actividades e do previsto na letra a) do artigo 12. Feita esta comprobación, as que cumpran este estremo serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 11.

7. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

8. Os expedientes que, logo do trámite de subsanación previsto no artigo 10.3, no caso de ser procedente, non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme ao establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, as avaliará e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polas seguintes persoas:

Presidenta/e: a persoa titular do Servizo de Conciliación Familiar.

Vogais: tres traballadoras/es designadas/os pola presidencia da comisión, actuando un/unha deles/as como secretario/a.

2. No informe da comisión figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obter a axuda, especificándose a puntuación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

Artigo 12. Criterios de valoración de solicitudes

As solicitudes presentadas avaliaranse cun máximo de 50 puntos conforme aos seguintes criterios:

a) Escolas infantís 0-3 que nalgún dos dous anos anteriores recibiron subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto prestando o servizo a satisfacción da Administración, o que se apreciará con base na xustificación axeitada da dita subvención e na inexistencia de expediente de reintegro ou informe negativo da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais: 25 puntos.

b) Tempo de funcionamento do centro desde a data do permiso de inicio de actividades:

1º. Inferior a 3 anos: 15 puntos.

2º. Entre 3 e 5 anos: 20 puntos.

3º. Superior a 5 anos: 25 puntos.

Para estes efectos, cando se produza un cambio de emprazamento dentro do mesmo concello entenderase que se trata do mesmo centro e, polo tanto, dun traslado da actividade, sempre que se manteñan a titularidade, o cadro de persoal e o alumnado do centro que se traslada.

2. Para ter dereito á subvención en primeira adxudicación será preciso ter un mínimo de 40 puntos. No caso de non existir crédito suficiente para atender os importes solicitados polas entidades que obteñan esta puntuación, non se subvencionarán as unidades de nova creación respecto ao curso 2015-2016. Se aínda así, fose insuficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as entidades que resulten beneficiarias.

3. Unha vez atendidas, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, todas as solicitudes que acaden o limiar establecido no punto anterior, teranse en conta as solicitudes que acadasen unha puntuación inferior, determinándose a preferencia, no suposto de empate, en función da puntuación obtida en cada criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados; no caso de persistir o dito empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación do conselleiro de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de cinco meses contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Consellería de Política Social publicarase con posterioridade unha relación na que constará a persoa beneficiaria, a contía e a finalidade da axuda, segundo indica o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

4. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a ela, a Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación poderá, co importe dispoñible, formular proposta de resolución complementaria relativa ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa puntuación obtida.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como o acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación sen que se accedese ao seu contido, entenderase que esta foi rexeitada, terase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

A notificación da resolución de concesión de axuda realizarase conforme ao disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

a) Asegurar o cumprimento do proxecto educativo na/s escola/s subvencionadas.

b) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

c) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social respecto dos centros subvencionados.

d) Adaptar a tarifa de prezos da escola infantil 0-3 ao establecido no artigo 21 desta orde.

e) Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas na escola infantil 0-3 de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo VI.

f) Prestar servizo cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral ou salvo causa xustificada, logo da autorización da Consellería de Política Social.

g) Asegurar na prestación do servizo de comedor que se proporciona unha dieta equilibrada e axeitada á idade dos nenos e nenas e poñer a disposición dos pais e das nais a relación semanal de menús.

h) Cumprir cos contidos exixidos para o proxecto lingüístico, de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

i) Enviar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte a documentación que consta nos seguintes dous puntos:

1º. Un certificado de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme ao modelo establecido no anexo III.

2º. Unha relación do alumnado do centro no curso 2016/2017, onde se indique a seguinte información:

– Nome do pai, nai ou representante legal.

– Nome da/do nena/o.

– Meses de asistencia ao centro.

– Importe da cota mensual.

j) En relación coas solicitudes de novo ingreso para o curso 2017/2018:

1º. Facilitar unha copia do modelo de solicitude de axudas que figura como anexo IV a esta orde ás persoas que lles soliciten praza, co obxecto de que poidan exercer a opción por unha axuda do Bono Concilia no caso de figurar en lista de espera no centro.

2º. Remitir á Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da súa provincia, antes do 10 de xuño de 2017, a relación de solicitantes de prazas do centro que se encontren en lista de espera para o curso 2017/2018 e que, pola súa vez, optan polo Bono Concilia. A esta relación xuntaranse todas as solicitudes de axuda do Bono Concilia (anexo IV).

k) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

l) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

m) Dar adecuada publicidade ao número de solicitudes de praza recibidas e ao baremo aplicado para a súa selección a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

3. As entidades que resulten beneficiarias destas axudas por primeira vez, disporán dun prazo de 2 meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda para adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 21.

Artigo 17. Xustificación das subvencións

1. Con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as entidades beneficiarias, deberán achegar coa solicitude final de pagamento, (anexo V), que en todo caso se presentará coa data límite do 5 de decembro de 2017, a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa na que se explicará como se empregou a subvención concedida.

b) Certificación de gastos e ingresos da/s escola/s subvencionadas durante o ano 2017 (anexo III).

c) Certificado de estar ao día nas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de denegar a súa consulta.

2. A Consellería de Política Social poderá comprobar, mediante técnicas de mostraxe, os xustificantes que considere oportunos respecto do importe total da actividade subvencionada e que permitan obter unha evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, podendo requirir á entidade beneficiaria a entrega dos xustificantes non achegados inicialmente.

Artigo 18. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das axudas percibirán ata o 80 % da cantidade concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á súa xustificación, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. O 20 % restante librarase unha vez xustificada a realización da actividade para a que se concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde.

2. En todo caso, o importe da axuda non poderá ser superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos do exercicio 2017.

Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención ou non se achegue a documentación prevista na letra i) do artigo 16.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano no que se producise o incumprimento.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 16, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas contempladas no artigo 16, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e o alumnado afectado.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Determinación da renda per cápita mensual

1. As entidades subvencionadas adxudicarán as prazas segundo o baremo que se recolle no anexo VI. Para estes efectos na valoración da situación económica seguiranse as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e a formada por unha soa persoa proxenitora e:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de acollemento familiar.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente o 31 de decembro do ano 2015.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2015, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles ás que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de unidades familiares formadas por unha soa persoa proxenitora (familias monoparentais) incrementarase o número real de membros que a compoñen nun 0,8 sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe resultante por doce.

2. Cando as circunstancias á data da devindicación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente.

Artigo 21. Prezos

1. As entidades beneficiarias destas axudas estarán suxeitas ao réxime de prezos públicos regulado polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, coas actualizacións derivadas da variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos ao consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos seguintes termos:

a) Atención educativa. Poderán percibir das persoas usuarias o importe dos prezos máximos establecidos, aos que deberán aplicar as reducións, descontos e exencións que se recollen no dito decreto en función da renda e das circunstancias da unidade familiar. Entenderase que cumpren con este réxime de prezos, cando as cantidades cobradas ás/aos usuarias/os non superen, en cómputo anual, a contía que lle corresponda aboar en función da renda da unidade familiar.

b) Servizo de comedor. Poderán percibir das persoas usuarias o importe do prezo máximo unitario establecido no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, quedando eximidas da aplicación das reducións, descontos e exencións recollidos nel.

2. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto dos regulados no decreto indicado no punto anterior, só poderá establecer un prezo polos relacionados a continuación e coas condicións e contías máximas indicadas para cada un deles, agás que se trate do servizo de transporte, polo que poderán seguir percibindo o importe correspondente.

a) Matrícula: prezo máximo por curso 100,00 €.

b) Material: prezo máximo por curso 58,00 €.

c) Cociña, entendida como o servizo de quentar os alimentos que levan as familias: prezo máximo por mes 25,00 €. Este servizo non poderá cobrarse simultaneamente ao de comedor.

d) Actividades complementarias, que deberán ter carácter voluntario e garantir a atención educativa na aula dos nenos e nenas que non as realicen desenvolvendo outra actividade incluída na programación didáctica. Só se considerarán actividades complementarias as seguintes:

1º. Natación.

2º. Lingua estranxeira, entendida coma a impartida por persoal con formación específica e titulación oficial e nunha aula diferente.

Calquera outra actividade distinta das anteriores non se considera actividade complementaria, senón que forma parte do currículo.

Artigo 22. Subcontratación

1. Poderase autorizar a subcontratación total ou parcial (polo importe do 100 %) da actividade subvencionada. A dita subcontratación axustarase, en todo caso, ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Cando a actividade concertada con terceiras persoas exceda do 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación deberá realizarse por escrito e a súa subscrición deberá ser previamente autorizada pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica nos termos do número 3 deste artigo. En todo caso, a solicitude de autorización, que deberá estar debidamente xustificada, deberá formularse antes da resolución da subvención.

Xunto coa citada solicitude deberase presentar documentación acreditativa da especialización da entidade con que se contrata a realización da actividade, así como a acreditación de que esta entidade se encontra ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

3. A resolución de autorización de subcontratación será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e notificarase no prazo dun mes contado desde a data de presentación da solicitude de subcontratación. Esta resolución porá fin á vía administrativa, contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a: sxt.politicasocial@xunta.gal.

Artigo 26. Publicidade

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideran impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde e no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición adicional segunda. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2017.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI
Baremo

As prazas adxudicaranse segundo os seguintes criterios preferentes:

A) Solicitudes de renovación de praza das/os nenas/os matriculadas/os no curso 2016/2017.

B) Solicitantes cunha/cun irmá/n con praza adxudicada (renovada ou de novo ingreso para o curso 2017/2018).

C) O resto de solicitudes adxudicaranse segundo a puntuación obtida pola aplicación do seguinte baremo:

1. Situación socio-familiar.

1.1. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

1.2. Por cada persoa que non formando parte da unidade familiar estea ao seu cargo: 1 punto.

1.3. No caso de que o/a neno/a para o que se solicita a praza nacera nun parto múltiple: 1 punto.

1.4. Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.

1.5. Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

1.6. No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 6 puntos.

1.7. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

1.8. Outras circunstancias familiares debidamente acreditadas: ata 3 puntos.

2. Situación laboral familiar.

2.1. Situación laboral de ocupación:

– Nai: 7 puntos.

– Pai: 7 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego (1):

– Nai: 2 puntos.

– Pai: 2 puntos.

2.3. Persoas que desenvolvan e perciban o tramo de inserción (Risga):

– Nai: 3 puntos.

– Pai: 3 puntos.

– (1) Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

– No caso de familias monoparentais ou naquelas en que o neno ou a nena conviva cun só proxenitor adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

– Só se poderá obter puntuación por unha das epígrafes anteriores.

3º. Situación económica.

R.P.C. mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

– Inferior ao 30 % do IPREM: +4 puntos.

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM: +3 puntos.

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: +2 puntos.

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: +1 punto.

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM: -1 punto.

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM: -2 puntos.

– Entre o 150 % e o 200 % do IPREM: -3 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM: -4 puntos.

• En caso de obter igual puntuación, terán preferencia en primeiro lugar as solicitudes de xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes de media xornada, e despois a renda per cápita máis baixa.

• Para os efectos desta orde están a cargo da unidade familiar as persoas que convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

• No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes 2 e 3 do baremo.

• No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.