Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2017 Páx. 1046

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de decembro de 2016 pola que se regula o recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico destinados a promover o estudo, difusión, formación ou especialización das ciencias e técnicas relacionadas coa saúde.

A divulgación dos feitos científicos pódese realizar a través das canles académicas e dos medios de comunicación, e a súa presentación nos eventos científicos contribúe á socialización dos resultados derivados das investigacións.

Coa declaración de interese sanitario para actos que tendan a promover a ampliación e difusión das ciencias e técnicas relacionadas coa saúde preténdese que os ditos actos supoñan un elemento que contribúa a facilitar a actualización permanente de coñecementos, así como a súa correspondente aplicación na mellora da calidade dos servizos que o sistema sanitario de Galicia presta ás persoas usuarias.

O artigo 104 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece que as actividades de investigación deberán ser fomentadas en todo o sistema sanitario como elemento fundamental para o progreso deste.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle no seu artigo 125.3 que a consellería competente en materia de sanidade promoverá a formación continuada dos/as profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, co obxectivo de adecuar os seus coñecementos e habilidades ás súas necesidades.

Tamén a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, no artigo 34, establece como principio xeral que «a formación e o desenvolvemento da competencia técnica dos profesionais deben orientarse á mellora da calidade do Sistema nacional de saúde», requirindo para iso «a actualización permanente de coñecementos, orientada a mellorar a calidade do proceso asistencial e garantir a seguridade do usuario».

Coa finalidade de levar a cabo na Comunidade Autónoma galega a promoción e desenvolvemento deses estudos e investigacións científicos de ámbito sanitario aprobouse a Orde do 17 de novembro de 1986 pola que se regulaba o recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico.

Foi substituída posteriormente pola Orde do 7 de maio de 1992, que establecía como obxecto principal a atribución ás delegacións provinciais da consellería con competencia en materia de sanidade da capacidade de resolución sobre o recoñecemento de interese sanitario e establecía un modelo normalizado de solicitude para tal efecto.

Coa entrada en vigor do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, suprimíronse as delegacións provinciais e territoriais das distintas consellerías, que foron substituídas polas xefaturas territoriais.

É así que a capacidade de recoñecer o interese sanitario desas actividades (sexan estas actos, reunións, congresos ou xornadas) lle corresponderá á xefatura territorial da consellería con competencia en materia de sanidade que corresponda, segundo a provincia en que teña lugar a actividade ou, no caso de cursos impartidos exclusivamente por medios telemáticos, a correspondente á sede física da entidade organizadora.

O Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, completa máis polo miúdo o anterior ao recoller no artigo 19.2.2.d) como función do Servizo de Xestión da respectiva xefatura territorial as propostas de recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico.

Ademais, coa actualización do marco normativo que se pretende abordar coa aprobación desta orde dáse cumprimento á obriga da transformación da Administración en electrónica, rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103 da Constitución. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, foi consciente do impacto das novas tecnoloxías nas relacións administrativas, e a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos é a que lles deu carta de natureza legal ao establecer o dereito da cidadanía a se relacionaren electronicamente coas administracións públicas, así como a obriga destas de se dotaren dos medios e sistemas necesarios para que ese dereito se poida exercer. Este singular punto de partida, que pon o/a cidadán/cidadá e os seus dereitos na base de toda actuación administrativa, trouxo consigo a asunción do compromiso xurídico de incorporar as tecnoloxías da información á totalidade das funcións administrativas.

Porén, na actualidade, a tramitación electrónica non pode ser aínda unha forma especial de xestión dos procedementos, senón que debe constituír a actuación habitual das administracións públicas.

Coa entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, prevese unha Administración sen papel baseada nun funcionamento integramente electrónico que serve mellor os principios de eficacia e eficiencia, ao aforrar custos á cidadanía e ás empresas, reforzando as garantías das persoas interesadas. A constancia de documentos e actuacións nun arquivo electrónico facilita o cumprimento das obrigas de transparencia, pois permite ofrecer información puntual, áxil e actualizada a aquelas.

Coa nova lei de procedemento administrativo búscase afondar na axilización dos procedementos cun pleno funcionamento electrónico, pretendendo acadar un mellor cumprimento dos principios constitucionais de eficacia e seguranza xurídica que deben rexer a actuación das administracións públicas.

Nesta liña, xa o artigo 9 do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, establecía a previsión de que as administracións públicas manterán actualizado un inventario de información administrativa, que incluirá os procedementos administrativos e servizos que prestan de forma clasificada e estruturados en familias, con indicación do seu nivel de informatización.

A nivel autonómico, o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, establece o marco estable en materia de Administración electrónica en Galicia, co fin de dar cumprimento ás prescricións legais en vigor e alcanzar unha Administración pública galega coordinada, cohesionada, interrelacionada e interoperable que sexa eficiente e útil á cidadanía.

Así pois, coa aprobación desta orde preténdese regular o procedemento de recoñecemento do interese sanitario de actos, reunións, cursos, congresos e xornadas que pretendan promover o estudo, difusión, formación ou especialización das ciencias e técnicas relacionadas coa saúde, dando así cumprimento ás previsións xerais contidas na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, prevese que a presentación das solicitudes se realizará unicamente por medios electrónicos, ao ir dirixida esta orde ás asociacións, fundacións, corporacións e outras entidades de natureza pública ou privada que acrediten ter personalidade xurídica e estar legalmente constituídas.

Por outro lado, a fundación pública Escola Galega de Administración Sanitaria, cuxa constitución foi autorizada polo Consello da Xunta de Galicia o 19 de decembro de 1997 e que foi recoñecida como de interese sanitario pola Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 27 de xaneiro de 1998, veu realizando ata o pasado ano un importante labor formativo do persoal do Sistema galego de saúde, labor que agora pasa a ser desempeñada pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, ao abeiro do disposto na disposición adicional quinta do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, no artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

A constitución e posta en funcionamento desta nova axencia pública autonómica, encargada de desenvolver todas as competencias da consellería competente en materia de sanidade en materia de xestión da formación e acreditación dos profesionais do sistema galego de saúde, a investigación sanitaria e a avaliación de tecnoloxías sanitarias, levou consigo a extinción da fundación pública Escola Galega de Administración Sanitaria.

Á vista do recoñecemento do interese sanitario outorgado de modo xenérico pola orde comunicada do 6 de maio de 1998 a todas as actividades nas cales, dun modo ou doutro, estivese presente a fundación pública Escola Galega de Administración Sanitaria, o cal dispensaba da necesidade de instar, por cada actividade, a intervención da delegación provincial respectiva, semella agora tamén necesario e consecuente exceptuar a todos os actos, actividades, reunións, cursos, congresos e xornadas que organice a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde da necesidade da resolución administrativa de recoñecemento, tendo todos eles implicitamente recoñecido o carácter de interese sanitario.

Deste xeito, os cambios na realidade administrativa producidos durante a vixencia da anterior orde, a experiencia da xestión do recoñecemento como de interese sanitario e as modificacións normativas operadas fan aconsellable a actualización do marco normativo nesta materia.

En consecuencia, de conformidade coas competencias recoñecidas no artigo 33.1 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, de Estatuto de autonomía para Galicia, e de acordo coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta orde é regular o procedemento para o recoñecemento do interese sanitario das reunións, cursos, congresos, xornadas e demais actos de carácter científico que pretendan promover o estudo, difusión, formación ou especialización das ciencias e técnicas relacionadas coa saúde.

2. Esta orde será de aplicación a aqueles actos, reunións, cursos, congresos e xornadas organizadas no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Quedan excluídas do procedemento para o recoñecemento de interese sanitario as actividades de formación continuada acreditadas, dirixidas a profesionais sanitarios, de conformidade co disposto no capítulo IV do título II da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.

Artigo 2. Beneficiarias

Poderán solicitar o recoñecemento de interese sanitario aquelas asociacións, fundacións, corporacións e outras entidades de natureza pública ou privada que acrediten ter personalidade xurídica e estar legalmente constituídas.

Artigo 3. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de conformidade co establecido nos artigos 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A dita solicitude, dirixida á xefatura territorial da consellería con competencia en materia de sanidade que corresponda en función da provincia en que teña lugar a actividade ou, no caso de cursos impartidos exclusivamente por medios telemáticos, a correspondente á sede física da entidade organizadora, será subscrita polas persoas organizadoras do acto ou os/as seus/súas representantes legais, axustándose ao modelo que figura no anexo I. Esta solicitude deberá presentarse, polo menos, con tres meses de antelación ao inicio da actividade de que se trate.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 4. Notificacións

1. Notificaránselles ás entidades interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Entenderase cumprida a obriga a que se refire o artigo 40.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, coa posta á disposición da notificación na sede electrónica da Administración ou organismo actuante ou no enderezo electrónico habilitado único.

Artigo 5. Documentación

1. Xunto coa solicitude, incorporarase a seguinte documentación:

a) Copia do NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

b) Número de membros e composición da xunta directiva.

c) Publicacións que edita a entidade organizadora.

d) Actos científicos organizados pola entidade nos dous últimos anos.

e) Memoria en que se expoña o lugar e data previstos de realización da actividade, tipo de actividade que se vai desenvolver, obxectivos que se perseguen con esta, número de participantes previsto e linguas oficiais do procedemento.

f) Programa científico que inclúa un avance das conferencias, charlas, relatorios ou comunicacións que en cada caso vaian ter lugar, así como a relación dos/das conferenciantes ou profesorado e a súa cualificación profesional.

g) Declaración responsable de que a entidade dispón de orzamento económico suficiente para o desenvolvemento da actividade.

h) Declaración responsable de que a actividade será desenvolvida con pleno cumprimento da normativa laboral, da Seguridade Social, de prevención de riscos laborais, de protección de datos persoais e demais normativa aplicable que estea vixente en cada momento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes das entidades interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 5, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 7. Resolución

1. Correspóndelle á persoa titular da xefatura territorial da consellería con competencia en materia de sanidade da provincia onde se pretenda realizar o acto, reunión, congreso ou actividade, ou no caso de cursos impartidos exclusivamente por medios telemáticos, á correspondente ao lugar onde estea a sede física da entidade organizadora, cos informes e asesoramento previos que considere necesarios, resolver, conceder ou denegar o recoñecemento do interese sanitario, logo de proposta do Servizo de Xestión.

2. A resolución en que se declare o recoñecemento de interese sanitario non implicará ningunha identificación por parte da consellería competente en materia de sanidade co contido da actividade recoñecida.

No caso de actividades periódicas, a resolución terá validez unicamente para as edicións solicitadas dentro do mesmo ano natural. Para tal fin, cada edición deberá cumprir os requisitos previstos no artigo 5 e resultar autorizadas expresamente na mesma resolución.

3. O recoñecemento deberá ser notificado conforme os artigos 40 a 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

A solicitude entenderase estimada se non se dite resolución expresa no prazo máximo dun mes desde a data de presentación pola entidade interesada da documentación completa mencionada no artigo 5 ou da que, de ser o caso, lle fose requirida.

4. As xefaturas territoriais remitirán mensualmente á Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencia en materia de sanidade unha relación de todos os recoñecementos de interese sanitario outorgados.

5. Contra a resolución denegatoria poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería con competencia en materia de sanidade no prazo dun mes desde a súa notificación.

Artigo 8. Efectos do recoñecemento

O recoñecemento de interese sanitario dará lugar ás seguintes facultades:

a) Utilizar o dito recoñecemento en toda clase de documentación do acto.

b) Desfrutar das exencións que legalmente se establezan a favor deses actos.

Artigo 9. Conclusións ou acordos dos actos recoñecidos

No prazo de dous meses, contados a partir da data do remate do acto recoñecido como de interese sanitario, os organizadores ou, en todo caso, os órganos de dirección da entidade organizadora do acto estarán obrigados a remitirlle á xefatura territorial da consellería con competencia en materia de sanidade que corresponda as conclusións ou acordos adoptados.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizar as persoas ou entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Usuarios e profesionais do Sistema sanitario, cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas ou entidades interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Artigo 11. Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

1. Todos aqueles actos, actividades, reunións, cursos, congresos e xornadas de carácter científico que organice a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia levarán implicitamente aparellado o recoñecemento de interese sanitario, sen necesidade de instar a oportuna resolución da xefatura territorial da consellería con competencia en materia de sanidade recollida no artigo 7.

Non obstante, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde informará semestralmente a Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencia en materia de sanidade de todos aqueles actos, actividades, reunións, cursos, congresos e xornadas referidos no parágrafo anterior.

2. Para os efectos do establecido no punto 1 do artigo 7, a respectiva xefatura territorial da consellería con competencia en materia de sanidade poderá solicitar, de ser o caso, se o considera conveniente, un informe da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde nos expedientes que tramite sobre o recoñecemento do interese sanitario.

3. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde queda exceptuada do cumprimento da obriga de remitir á xefatura territorial respectiva as conclusións ou acordos adoptados nos actos mencionados no punto 1.

Disposición adicional única. Modificación do formulario normalizado publicado no Diario Oficial de Galicia

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes.

Para presentar as solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas ou entidades interesadas.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

As solicitudes de recoñecemento de interese sanitario presentadas antes da entrada en vigor desta orde resolveranse conforme a norma vixente no momento da súa presentación.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Derrógase a Orde do 7 de maio de 1992 pola que se regula o recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición final única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2016

Jesús Vázquez Almuiña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file