Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2017 Páx. 825

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agrofoestal e agroalimentario, e de intercambios e visitas a explotacións agrícolas e forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural, englobando as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

O Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, establece para o período de programación 2014-2020 axudas a actividades de demostración e accións de información e ao apoio de intercambios con breves estadías noutras explotacións agrarias e forestais da Unión Europea ou visitas organizadas incluídas no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Unión Europea mediante a Decisión comunitaria do 18 de novembro de 2015: C (2015) 8144.

Ademais, publicouse o Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e da Comisión, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias, e o Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que establece disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que foi modificado polo Regulamento de execución (UE) 669/2016, do 28 de abril de 2016, da Comisión.

Por outra parte, publicouse o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agraria común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 164/94, (CE) nº 2799/98, (CE) 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello e as normativas que o detallan en maior profundidade: o Regulamento delegado (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que establece disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

As axudas establecidas na presente orde teñen por obxecto fomentar e impulsar unha mellor aprendizaxe e mellorar a capacitación profesional de agricultores, gandeiros e silvicultores que mellore a competitividade e rendibilidade das súas explotacións para obter produtos de calidade, o emprego de métodos de produción compatibles co ambiente e a conservación e mellora da paisaxe, á vez que se fomenta a iniciativa empresarial de mocidade e mulleres para potenciar o asentamento da poboación e a substitución xeracional, a mellora da xestión das explotacións para aumentar a súa competitividade, o respecto das normas de condicionalidade, así como a diversificación das actividades no medio rural e a igualdade entre homes e mulleres.

Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea con fondos Feader, o Estado Español e a Comunidade Autónoma de Galicia, e desenvolvidas na submedida 1.2 de actividades de demostración e accións de información e a submedida 1.3 de intercambios e visitas a explotacións agrícolas e forestais do PDR de Galicia 2014-2020.

O artigo 1, 1.1, da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións poderán iniciarse sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, aínda cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3, 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas da Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2017 de subvencións destinadas a financiar actividades de demostración e accións de información orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, á mocidade e mulleres do medio rural, e tamén financiar intercambios de breve duración referentes á xestión das explotacións agrícolas e silvícolas, así como visitas a explotacións agrícolas e silvícolas, orientadas a persoas en idade laboral, en activo ou con expectativa de incorporación en sectores produtivos relacionados coa agricultura e a silvicultura.

2. Para o apoio a estas actividades de demostración, accións de información, intercambios e visitas recolleranse dúas modalidades de axudas:

a) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2 (anexo I).

b) Axudas para intercambios e visitas a explotacións agrarias e forestais baixo a submedida 1.3 (anexo II).

3. Non se financiará ningunha actividade de investigación nin campos de ensaio.

Artigo 2. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación Forestal e presentaraas a entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no número 1 do anexo 1 e do anexo 2 da presente orde (segundo proceda), no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes deberanse presentar por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica, por parte da persoa solicitante ou representante, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A través da carpeta do cidadán dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia os interesados poderán relacionarse electronicamente coa Administración competente e realizar os trámites necesarios para a tramitación do procedemento, consultar o seu estado de tramitación e coñecer os actos de trámite realizados con indicación do seu contido, así como da data en que foron ditados.

3. Se a documentación achegada estivese incompleta, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, terase por desistido da súa petición, e procederase ao arquivamento das actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 3. Contía das axudas e participación

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización que se establecen no número 9 dos anexos 1 e 2. Ademais, teranse en conta os importes seguintes por liña de axuda:

1. As actividades de demostración e accións de información terán unha duración mínima de 5 horas e unha duración máxima de 20 horas. Ademais, será necesario un número mínimo de 10 participantes (e en casos excepcionais de 7 participantes debidamente xustificado) para a aprobación destas accións e actividades. O cálculo das axudas efectuarase en función destes parámetros: número de horas e número de participantes.

Concederase unha axuda de ata un máximo de 8.000 euros por entidade e ano para actividades de demostración e accións de información.

A prima básica máxima será de 1.000 euros por organización da actividade para un máximo de 20 horas (se a duración é menor aplicarase a redución correspondente). Por cada participante suplementario concederase un máximo de 50 euros. O máximo da axuda será de 2.150 euros para unha actividade de 20 horas (1.000 euros de prima básica á cal se poderá sumar ata un máximo de 1.150 euros no caso da admisión de participantes suplementarios).

No suposto de organización de visitas para as actividades de demostración e accións de información, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo; estas visitas terán unha duración máxima de 2 días, a razón de máximo un día por cada dez horas de actividade, e deberá xustificarse a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto nos termos establecidos no punto 2.c deste artigo.

2. Os intercambios e visitas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais:

a) Gastos por organización:

As visitas terán unha duración máxima de 5 días, mentres que a duración máxima das actividades de intercambio será de 1 mes.

O importe básico máximo para a prima única será de 1.000 € para a organización da actividade.

Para as actividades de visitas contarase cun número mínimo de 10 participantes e un máximo de 30.

Para os intercambios, dado que son actividades unipersoais, non se establece número mínimo de participantes, mentres que o número máximo estará en función do orzamento subvencionable.

b) Gastos de aloxamento e manutención:

No caso das visitas a manutención será dun máximo de 40 € por axuda de custo completa e de 20 € por media axuda de custo, segundo proceda, e o aloxamento terá un importe máximo de 60 € por pernoita.

Polo que respecta aos intercambios a explotacións, o beneficiario recibe unha axuda en concepto de aloxamento e manutención para completar os gastos que tería en destino; as dotacións económicas da axuda por país (en €) detállanse na táboa que aparece no anexo X.

c) Gastos por desprazamento: no suposto de organización de visitas a explotacións, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, debidamente xustificada a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

No caso dos intercambios, debido á variabilidade dos prezos segundo a época do ano e lugar de destino, non se fixa un máximo para os gastos de desprazamento, que serán financiados ao 100 %, sempre e cando sexan debidamente xustificados; deberá ser xustificada a elección do medio de transporte tendo en conta os prezos do mercado máis vantaxosos. Establécese a seguinte orde de prioridade do uso dos distintos medios de transporte:

– Tipo 1. Transportes colectivos con tarifas públicas.

– Tipo 2. Transportes colectivos sen tarifas públicas. Neste caso deberase asegurar a moderación de gasto escollendo o prezo de mercado máis vantaxoso (deberanse presentar como mínimo tres orzamentos).

– Tipo 3. Transporte particular.

O uso dun medio de transporte comprendido no tipo 2 implica a xustificación de non dispoñibilidade dun transporte do tipo 1 ou a presentación dun orzamento máis vantaxoso. Así mesmo, o uso dun transporte de tipo 3 implicará a xustificación da non dispoñibilidade dun transporte dos tipos 1 e 2 ou a presentación dun orzamento máis vantaxoso. De non seren xustificados nestes termos os gastos de desprazamentos non se considerarán elixibles.

3. Seguro:

3.1. No caso de actividades de demostración e accións de información o beneficiario deberá contratar unha póliza de seguro, que deberá estar a nome da entidade beneficiaria, que cubra os accidentes dos asistentes e, de ser o caso, póliza de responsabilidade civil para afrontar os riscos que para os bens ou persoas poidan derivar da realización das ditas actividades.

3.2. No caso de intercambios e visitas a explotacións, o beneficiario deberá estar dado de alta nunha póliza de seguros que cubra os seguros sanitario dos participantes, de accidentes, de responsabilidade civil e de asistencia en viaxes, estará contratada ao nome da entidade beneficiaria e incluirá unha relación nominal de cada un dos participantes, antes do inicio da visita. Independentemente da subscrición da dita póliza, para as estadías na Unión Europea (fora de España), cada participante da visita solicitará a tarxeta sanitaria europea, sempre que saian do territorio español.

A contía máxima subvencionada para intercambios e visitas a explotacións será de 12.000 euros por entidade e ano.

Artigo 4. Financiamento das axudas

1. As axudas económicas para actividades de demostración e información faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.422L.770.0, o código de proxecto 201600214, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. A contía total máxima para esta liña de axuda alcanza o total de 273.111,43 €, que se repartirá en dúas anualidades: no ano 2017 o crédito destinado á subvención é de cento sesenta mil seiscentos cincuenta e tres euros con setenta e oito céntimos (160.653,78 euros), e para o ano 2018 é de cento doce mil catrocentos cincuenta e sete euros con sesenta e cinco céntimos (112.457,65 euros).

2. As axudas económicas para intercambios e visitas a explotacións agrícolas e forestais faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.422L.770.0, código do proxecto 201600215, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. A contía total máxima para esta liña de axuda alcanza o total de 613.229,10 €, que se repartirá en dúas anualidades: no ano 2017 o crédito destinado á subvención é de trescentos sesenta mil setecentos vinte e tres euros (360.723,00 euros), e para o ano 2018 é de douscentos cincuenta e dous mil cincocentos seis euros con dez céntimos (252.506,10 euros).

3. A contía indicada poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo as exixencias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O aludido incremento débese publicarse no DOG e na páxina web da Consellería do Medio Rural (www.mediorural.xunta.gal).

4. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

Artigo 5. Órgano responsable da tramitación

O órgano responsable da instrución dos expedientes das axudas recollidas nesta orde será a Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal.

Artigo 6. Resolución e notificacións

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao director xeral de Ordenación Forestal, por delegación da conselleira do Medio Rural, logo da avaliación das solicitudes por unha comisión. A dita avaliación conterá unha relación priorizada das solicitudes que se propoñen para ser financiadas co seu correspondente orzamento, xunto cunha relación coas solicitudes avaliadas positivamente en lista de espera e a relación de solicitudes que se consideran non financiables. Conforme o artigo 21.3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o informe de avaliación debe incluír o resultado da avaliación das solicitudes efectuada de conformidade cos criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras e convocatoria.

A avaliación das solicitudes e determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión. Para avaliar as solicitudes a comisión aplicará os criterios expostos no punto 8 do anexo 1 e do anexo 2. Para determinar a contía da axuda a cada beneficiario, a comisión aplicará a metodoloxía que se recolle no artigo 3 desta orde. A dita comisión actuará como un órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidente: a subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal ou a persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, nomeado polo director xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios nomeados, respectivamente, polo mesmo director xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria será de 2 meses desde o día seguinte que remate o prazo de presentación das solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. A notificación das resolucións deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, medida 1, submedidas 1.2 e 1.3, prioridades 1A e 1C, e tamén a obriga do beneficiario en cuestión de publicidade, establecida no anexo III do Regulamento (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que foi modificado polo Regulamento de execución (UE) 669/2016, do 28 de abril de 2016, da Comisión. A notificación deberase realizar nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común

As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como o de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderalles remitir ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

A notificación da resolución de concesión de axuda realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin se pagarán subvencións a persoas solicitantes ou beneficiarias que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento, deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións. A acreditación de non estar incurso nas prohibicións que impiden obter a condición de beneficiario comprobarase antes de resolver as solicitudes de subvención.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigo 7. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación das actividades obxecto de subvención, que nestas axudas coincide co prazo para a súa realización, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral de Ordenación Forestal por delegación da conselleira do Medio Rural logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 8. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, a persoa interesada comunicará expresamente a súa aceptación ou renuncia á subvención no prazo de dez días desde a notificación desta, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o director xeral de Ordenación Forestal por delegación da conselleira ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 9. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Facer constar en todos os documentos e publicidade da actividade o anagrama da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), o emblema da Unión Europea e unha referencia á axuda do Feader. Así mesmo, no desenvolvemento da dita actividade, infórmaselles aos participantes que está financiada pola Consellería do Medio Rural, polo MAPAMA e polo Feader.

Nos locais de impartición das accións deberá figurar, sempre en lugar visible, a publicidade da actividade e o cartel da cofinanciación (anexo IX), e permanecerán expostos ao longo da realización da dita actividade.

En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

– O emblema da Unión.

– Unha referencia á axuda do Feader.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, e presentará no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda presentada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión.

Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará como mínimo o 25  % do cartel, da placa ou da páxina web.

b) Comunicarlle á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade.

c) Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) 1305/2013, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

d) Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal tanto no relativo ao desenvolvemento da actividade como á súa xestión e tramitación administrativa.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) nº 809/2014.

f) O Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, establece no seu artigo 71 o compromiso por parte dos beneficiarios de proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización destas tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

2. Dez días antes do inicio das actividades, as entidades beneficiarias remitiranlle á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal e adiantarán a dita comunicación por correo electrónico (transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal) ou fax (981 54 66 99), na cal se consignen os seguintes datos:

a) Planificación temporal e horaria do programa das actividades que se vaian realizar, datas exactas de inicio e remate e enderezo completo do lugar en que se desenvolverán.

b) A confirmación do persoal técnico que vai impartir a actividade.

c) Datos persoais, enderezo e teléfono da persoa responsable da coordinación e xestión directa da actividade.

d) Solicitude de asistencia de cada alumno, segundo o modelo que se xunta como anexo V.

3. Ao rematar a actividade formativa, as entidades beneficiarias terán a obriga de remitirlle á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal a seguinte documentación:

a) Xustificantes detallados do gasto segundo se indica nos puntos 10 dos anexos I e II.

b) Copia dos controis de presenza nas horas lectivas dos asistentes, segundo o modelo que se xunta como anexo VI, que serán asinados por quen imparta cada actividade de demostración ou de información e polo persoal coordinador das accións subvencionables.

c) Un exemplar da publicidade empregada no curso cos anagramas correspondentes de cada publicación que se realice e do material didáctico utilizado ou distribuído entre os asistentes.

d) Seguimento das actividades subvencionables segundo o modelo que se xunta como anexo VII, debidamente cuberto.

e) Unha enquisa acreditativa da avaliación da calidade da formación impartida, segundo o anexo VIII.

Artigo 10. Controis administrativos e in situ

1. A Consellería do Medio Rural poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. O cumprimento de todos os compromisos contraídos e das obrigas legais estará sometido a control. As actividades de control consistirán tanto en controis administrativos como en inspeccións in situ, segundo o Regulamento (UE) nº 809/2014.

2. O expediente correspondente a cada beneficiario das axudas conterá toda a información relativa aos resultados dos controis administrativos e, de ser o caso, das inspeccións in situ que xustifiquen que a concesión destas axudas se axustou ao que establece a normativa comunitaria que os regula.

3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

A contía da subvención que se pagará calcularase con base no que resulte subvencionable durante os controis administrativos da xustificación e a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario.

O organismo competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables de acordo co seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras os controis da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre os dous importes citados, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

Non obstante, non se aplicará ningunha sanción se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 11. Recursos

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non fose expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Cando o acto non é expreso, de acordo coa STC 52/2014, a interposición do recurso contencioso- administrativo non está previsto ao prazo de caducidade previsto no artigo 46.1 LXCA.

Artigo 12. Compatibilidade das subvencións

O importe das axudas reguladas na presente orde en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou de entes privados, nacionais ou internacionais, o orzamento solicitado e serán incompatibles coa percepción de axudas comunitarias para o mesmo fin en virtude do Regulamento nº (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ás axudas de Desenvolvemento Rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ou de outros fondos comunitarios.

Artigo 13. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou dos obxectivos da actividade subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra Administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención polo beneficiario, xunto cos xuros de demora.

2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007. Así mesmo, seralles aplicable o procedemento de reintegro de acordo co Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión.

3. En caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se lle engadirán, de ser o caso, os xuros calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de sesenta días, e a data de reembolso ou dedución.

4. Para a aplicación de controis, reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado do período 2014-2020, ditou o Fondo Español de Garantía Agraria a Circular de coordinación 23/2015. Recórdase tamén a aplicación neste ámbito da Circular de coordinación 22/2015, relativa ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidos no ámbito do sistema integrado do período 2014-2020.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas farán constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 15. Lexislación de aplicación

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Feader, e nos regulamentos (UE) 809/2014, (CE) 1303/2013 e (UE) 807/2014.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Artigo 17. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas

Ás axudas reguladas nesta orde seranlles de aplicación os artigos 14 e 81 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Igualmente, aplicaránselles os artigos 42, 107, 108 e 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

As axudas de transferencia de coñecementos e actividades de información e intercambios de breve duración no sector forestal están comunicadas polo Estado español e concedidas de conformidade co artigo 38 do Regulamento UE nº 702/2014 da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.

Disposición adicional primeira. Marco programático da orde

As axudas reguladas na presente orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, polo que a presente convocatoria e as súas bases se deben axustar ao contido do programa.

Disposición adicional segunda

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvención (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a aplicación

Autorízase o director xeral de Ordenación Forestal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en efecto

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file