Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 15 de decembro de 2016 Páx. 54646

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2016 pola que se modifican os prazos de xustificación establecidos no artigo 24.1.A) da Resolución do 23 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de axudas ás aceleradoras privadas de apoio ao emprendemento innovador, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN856A).

O 10 de outubro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de axudas ás aceleradoras privadas de apoio ao emprendemento innovador, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O artigo 24 da dita resolución establecía o 15 de decembro de 2016 como data límite para a presentación da xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2016 (realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016).

Tendo en conta a data de publicación da convocatoria e a complexidade de análise das solicitudes presentadas, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación para o ano 2016 establecido no artigo 24.1.A) da Resolución do 23 de setembro de 2016.

En consecuencia, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

RESOLVO:

Artigo único

Modificación do artigo 24.1.A) da Resolución do 23 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de axudas ás aceleradoras privadas de apoio ao emprendemento innovador, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O artigo 24.1.A da citada resolución queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 24. Pagamento

1. O aboamento das axudas para cada anualidade farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedido, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación dentro dos prazos que se relacionan, sen necesidade de achegar ningún tipo de garantías.

A. Prazos:

Anualidade 2016: ata o 26 de decembro de 2016 (gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016).

Anualidade 2017: ata o 15 de decembro de 2017 (gastos realizados entre o 1 de decembro e o 30 de novembro de 2017)».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2016

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación