Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 14 de decembro de 2016 Páx. 54490

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2016, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas.

En cumprimento do disposto na Resolución do 22 de agosto de 2016, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas (DOG núm. 163, do 30 de agosto), procédese á convocatoria das ditas subvencións para o ano 2017.

En virtude do exposto e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1.1. A presente resolución ten por obxecto convocar as subvencións para clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas.

1.2. O réxime xurídico destas subvencións está constituído pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións e as bases aprobadas por Resolución do 22 de agosto de 2016. No que respecta ás sociedades anónimas deportivas, este réxime de axudas queda suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE núm. L352/1, do 24 de decembro).

1.3. As subvencións concedidas outorgaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva, conforme o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

2.1. Poderán ser beneficiarios das subvencións os clubs deportivos, as sociedades anónimas deportivas e as agrupacións deportivas escolares de Galicia, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas da Secretaría Xeral para o Deporte.

2.2. De igual forma, para ser beneficiario destas axudas, é necesario que a entidade estea dada de alta como xestor externo nas seguintes aplicacións tecnolóxicas de «promoción dunha vida activa e saudable» vinculadas co plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia:

– Galicia Activa: aplicación de recursos, servizos e instalacións deportivas en Galicia (http://galiciactiva.xunta.es/xestor.php).

– Plataforma de xestión de plans, programas, actividades e eventos de Galicia Saudable (https://galiciasaudable.xunta.es/actividades/).

2.3. Non poderán obter a condición de beneficiarios destas subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia en que concorra algunha das circunstancias sinaladas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.4. As entidades solicitantes deberán ter adaptados os seus estatutos conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia e teñen como prazo límite o momento da xustificación da subvención concedida.

Artigo 3. Prazo de solicitudes e documentación

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no DOG. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3.2. As solicitudes, conforme o modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, dirixiranse aos servizos provinciais de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365). Alternativamente, tamén se poderán presentar en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3.3. Xunto coa solicitude, as entidades solicitantes deberán presentar as fotocopias do NIF da entidade (só no caso de denegar expresamente a súa consulta) e do DNI do seu representante (só no caso de non autorizar a súa consulta), declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados incluída no impreso de solicitude e, no caso das sociedades anónimas deportivas, declaración de axudas, amparadas pola cláusula de minimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado, tamén incluída no impreso de solicitude.

Se é o caso, nos clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas, certificación acreditativa da realización da actividade denominada «Coñece o meu club» (programa Xogade), expedida polo secretario do centro educativo onde se desenvolveu, así como a declaración de adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte (anexo II) e a certificación de se a entidade ten algunha muller nalgún dos cargos directivos obxecto de valoración recollidos nas bases reguladoras das subvencións (anexo III).

3.4 A documentación complementaria poderá presentarse por vía electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixital do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitais presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3.5. As fotocopias achegadas deben estar compulsadas ou debidamente cotexadas por un funcionario da Xunta de Galicia ou un funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional.

3.6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados por vía electrónica accedendo á «Carpeta do cidadán» da persoa interesada ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.7. Unha vez recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polos servizos provinciais de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte, co obxecto de comprobar que se atopan debidamente cubertas e suficientemente documentadas. En caso contrario, requirirase o solicitante para que, no prazo improrrogable de dez días, proceda a emendar as deficiencias observadas, coa advertencia de que, se non o fixer así, se considerará que desiste da súa petición, logo da adopción da oportuna resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Este requirimento realizarase mediante a publicación no DOG da lista de solicitudes admitidas, as excluídas e a súa causa, e as que están pendentes de achegar algunha documentación ou realizar emendas.

Esta lista tamén será publicada nos taboleiros de anuncios da Secretaría Xeral para o Deporte e dos servizos provinciais de Deportes, así como na páxina web http://deporte.xunta.gal/. Poderá tamén requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento en calquera da súas fases.

3.8. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral para o Deporte. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral para o Deporte, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral para o Deporte, rúa Madrid 2-4, 2º andar (As Fontiñas), 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.deporte@xunta.gal.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

4.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras das subvencións e do contido na presente convocatoria.

4.2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento. No caso de que o/a interesado/a non prestase o dito consentimento de comprobación de datos, poderáselle exixir que presente a fotocopia do documento de identidade correspondente.

4.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4.4. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4.5. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral para o Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 5. Financiamento

5.1. A concesión das subvencións reguladas nesta resolución será atendida con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.481.0 do exercicio orzamentario do ano 2017, ata un importe máximo de 2.080.000 € (dous millóns oitenta mil euros). Este importe poderá ser ampliado no caso de existencia de crédito na aplicación orzamentaria no momento da resolución segundo o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

A contía referida distribuirase da seguinte forma:

a) A clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas: 1.950.000 € (un millón novecentos cincuenta mil euros), cunha axuda máxima por beneficiario que se establece en 29.999 €.

b) Ás agrupacións deportivas escolares: 130.000 € (cento trinta mil euros), cunha axuda máxima por beneficiario que se establece en 15.000 €.

5.2. A concesión destas subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión e a súa tramitación configúrase como un suposto de tramitación anticipada dos regulados no artigo 25.1 letra a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e axústase igualmente á Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

5.3. No que respecta ás sociedades anónimas deportivas, este réxime de axudas queda suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE núm. L352/1, do 24 de decembro).

De acordo co establecido neste regulamento comunitario, a axuda total de minimis concedida a unha sociedade anónima deportiva determinada non será superior a 200.000 € durante calquera dos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido, e indistintamente de se a axuda concedida polo Estado membro está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitaria. O período determinarase tomando como referencia os exercicios fiscais empregados pola sociedade anónima deportiva no Estado membro correspondente. O regulamento de minimis citado aplicarase ás axudas concedidas ás empresas de todos os sectores, coas excepcións previstas no seu artigo 1.

Artigo 6. Órganos competentes e instrución do procedemento

6.1. O titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas será o órgano instrutor do procedemento e elevará proposta de resolución, conforme todo o actuado, ao secretario xeral para o Deporte, quen adoptará a resolución en virtude da cal se outorgarán ou denegarán as subvencións solicitadas, en exercicio das competencias desconcentradas nos secretarios xerais dependentes da Presidencia, en virtude da disposición transitoria terceira do Decreto 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, posto en relación co Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2015, do 13 abril (DOG nº 77, do 24 de abril).

6.2. Revisados os expedientes coa documentación presentada no momento da solicitude, así como no prazo de emenda, o órgano instrutor remitirá a cada federación deportiva galega unha lista coas solicitudes correspondentes a cada unha delas.

O secretario de cada federación deportiva galega certificará, co visto e prace do presidente, os datos deportivos sinalados no punto 4 do artigo 6 da Resolución do 22 de agosto de 2016, pola que se establecen as bases reguladoras destas subvencións, de cada unha das solicitudes correspondentes á súa federación, e remitirá estas certificacións ao órgano instrutor no prazo de 15 días desde a data de recepción da listaxe remitida. Estes datos corresponderán á última tempada deportiva rematada.

Os datos das agrupacións deportivas escolares serán certificados polos correspondentes servizos provinciais de Deportes.

6.3. No caso de solicitudes de clubs de modalidades deportivas non adscritas a ningunha federación deportiva galega, o órgano instrutor poderá solicitar a certificación destes datos á federación deportiva española correspondente. No caso de non estar adscritas a ningunha federación deportiva española, solicitarase, por esta orde de prelación, á asociación galega de clubs ou á asociación española de clubs correspondente á modalidade deportiva indicada na solicitude.

6.4. Recibidas polo órgano instrutor as certificacións sinaladas no punto anterior, este publicaraas na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (http://deporte.xunta.gal/) para que os interesados poidan presentar alegacións aos datos contidos nas referidas certificacións, nun prazo improrrogable de dez días contados a partir do día seguinte ao da súa publicación. Rematado o prazo de alegacións, o órgano instrutor remitirá as alegacións recibidas ás respectivas federacións para que, de ser o caso, modifiquen as certificacións emitidas en primeira instancia, nun prazo non superior a tres (3) días contados desde a data de recepción da notificación.

Nesta mesma publicación de datos incluiranse os datos fornecidos pola propia entidade no momento da solicitude e que se refiren aos criterios f), g) e h) das bases reguladoras. As alegacións contra estes datos serán atendidas directamente polos correspondentes servizos provinciais de deportes, igual que no caso das alegacións das agrupacións deportivas escolares.

6.5. Recibidas polo órgano instrutor as certificacións definitivas, este remitiraas, xunto coa documentación que cumpra as exixencias contidas nas bases reguladoras das subvencións e na presente convocatoria, á comisión encargada de aplicar os criterios de determinación do importe da subvención.

6.6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras destas subvencións ou na normativa que lles sexa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 7. Criterios de determinación do importe da subvención

A valoración das solicitudes será efectuada pola comisión de valoración atendendo aos criterios establecidos no artigo 7 da Resolución do 22 de agosto de 2016, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas.

Artigo 8. Comisión de valoración

A comisión encargada de aplicar os criterios de determinación do importe da subvención estará presidida polo/a titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa en quen delegue, actuando como vogais os xefes dos servizos provinciais de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte e un técnico deportivo da mesma Secretaría Xeral designado polo/a presidente/a da comisión. Será secretario da comisión o titular da xefatura do Servizo de Deporte Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa que o substitúa.

Artigo 9. Prazo de resolución e notificación

9.1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución desta convocatoria non poderá exceder os cinco meses, contado desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente por silencio administrativo.

9.2. De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

A resolución publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.1 da Lei Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, con expresión da convocatoria, beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

9.3. No caso das sociedades anónimas deportivas, e conforme o establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE núm. L352/1, do 24 de decembro), informarase por escrito o posible beneficiario sobre o importe da axuda (expresado en equivalente bruto de subvención) e sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao regulamento citado.

9.4. Notificada a resolución polo órgano concedente, o beneficiario disporá dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 10. Pagamento e xustificación da subvención

10.1. Os beneficiarios das subvencións deberán solicitar o aboamento da axuda concedida conforme o modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución.

10.2. Esta solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, actualizada na data da xustificación (anexo V).

b) De conformidade co disposto no artigo 51 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios presentarán unha conta xustificativa simplificada que conterá a seguinte documentación:

1. Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos (anexo VI).

2. Relación clasificada dos gastos efectuados e pagados por un importe equivalente, polo menos, ao da subvención concedida. Esta relación deberá conter a identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (anexo VII).

10.3. No caso das S.A.D., certificacións acreditativas de que a entidade está ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia (só no caso de que se denegue a súa consulta).

10.4. O prazo para presentar a solicitude de aboamento e a documentación xustificativa será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución das axudas concedidas.

10.5. Os gastos que se subvencionen corresponderán ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro do mesmo ano, debendo terse efectuado e pagado nese período.

Artigo 11. Incumprimento, reintegros e sancións

11.1. O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras das subvencións ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver totalmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

11.2. Para facer efectiva a devolución que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11.3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta convocatoria seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o secretario xeral para o Deporte no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2016

O/a secretario/a xeral para o Deporte
P.S. (Orde do 18.11.2016; DOG nº 222, do 21 de novembro)
Manuel Galdo Pérez
Secretario xeral da Presidencia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file