Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 10 de outubro de 2016 Páx. 46383

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de axudas ás aceleradoras privadas de apoio ao emprendemento innovador, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN856A).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promoveren a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1º.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) establece o marco xeral de actuación cara ao cal deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea e fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: desenvolvemento intelixente (favorecer unha economía baseada no coñecemento e a innovación), desenvolvemento sustentable (promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva) e desenvolvemento integrador (fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial). A EE2020 fixa cinco obxectivos para seren cumpridos a nivel europeo con fitos específicos para cada país.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, e atribúelle no seu artigo 15.3 a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O primeiro plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan é o antecedente inmediato da vixente Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013 e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 e prevé, entre os seus instrumentos de desenvolvemento, o programa de aceleración da innovación. Este instrumento pretende dedicar un apoio intensivo nas primeiras etapas de nacemento empresarial prestando soporte específico á evolución desde ideas incipientes a prototipos, ou desde os prototipos ata produtos listos para o mercado a través de unha programación temporal inferior ao habitual nestes procesos, que inclúe un conxunto de instrumentos baseada en tres piares principais: servizos especializados de formación, circulación de talento, asesoramento, mentoring e brokerage con investidores; infraestrutura de hospedaxe temporal en centros de coworking e competencia empresarial e financiamento a través de produtos de capital semente. Os seus obxectivos son potenciar a investigación, o desenvolvemento e a innovación (transferencia de tecnoloxía) e mellorar a competitividade das pemes, a través da promoción do espírito empresarial, en particular facilitando o aproveitamento económico de novas ideas e impulsando a creación de novas empresas.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; e favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O procedemento de concesión das axudas reguladas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Estas axudas axustaranse ao réxime de axudas de minimis segundo o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. No entanto, as que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Consecuentemente con todo o anterior, o director da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas dirixidas ás aceleradoras privadas de innovación, co obxecto de fomentar o servizo que prestan aos emprendedores, pemes, start ups ou spin offs innovadoras en Galicia, mediante un programa de aceleración nas etapas temperás, proporcionando formación a través dunha rede de titorización de expertos, infraestruturas, asesoramento intensivo e capital semente.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN856A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia que realicen as actividades descritas no artigo seguinte e que conten con experiencia previa en procesos de aceleración de proxectos de innovación.

2. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Actividades subvencionables

Serán actividades subvencionables aquelas incluídas nun programa de aceleración de proxectos empresariais innovadores que deberá reunir, cando menos, as seguintes características:

1. Obxectivo: axudar aos proxectos innovadores a crear a primeira versión do produto, validar a proposta de valor a través de entrevistas e contactos con clientes e provedores e implementar un modelo de negocio con maior potencial de crecemento.

2. Servizos: independentemente da metodoloxía empregada, deberán ofrecerse servizos de formación especializados, titorizaxe e mentoring, posibilidade de espazos de coworking e presentación dos proxectos a potenciais investidores.

3. Temporalización: o programa de aceleración deberá estar baseado nunha convocatoria externa publicada e realizada de xeito periódico (anual, semestral...).

4. Especialización: o programa de aceleración deberá estar especializado nun sector ou temática concreta que estea aliñada cos retos e prioridades da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia).

Artigo 4. Contía da axuda e gastos subvencionables

1. A axuda terá unha contía máxima de 125.000 euros por aceleradora que se distribuirá, de acordo co plan de aceleración presentado, entre gastos de funcionamento da aceleradora e gastos de desenvolvemento dos proxectos empresariais innovadores.

2. Dentro dos gastos de funcionamento da aceleradora só serán subvencionables aqueles que, de xeito inequívoco, se correspondan co financiamento das diferentes fases de aceleración dos proxectos innovadores, como:

a) Custos do persoal necesario para desenvolver o plan de aceleración.

b) Gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal. Gastos de inscrición en feiras e eventos.

c) Gastos de publicidade e difusión do programa de aceleración.

d) Adquisición de equipamento para o espazo de coworking.

e) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación, mentoring, plataformas de seguimento ou preparación dos proxectos, respectando o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total da actividade subvencionada.

f) Gastos xerais, materiais e técnicos. Estes gastos inclúen os seguintes:

– Gastos de execución de material técnico (guías, material soporte para as actividades de aceleración...).

– Gastos xerais necesarios para a execución das actividades de aceleración (arrendamentos, subministracións e comunicacións).

O importe máximo da axuda para o financiamento destes gastos será de 50.000 euros.

3. Dentro dos gastos de desenvolvemento dos proxectos empresariais innovadores só serán subvencionables aqueles destinados ao desenvolvemento dun mínimo de 3 e un máximo de 7 proxectos por aceleradora, previamente validados consonte o procedemento regulado no artigo 22 desta resolución, como:

a) Adquisición de equipamento e material instrumental.

b) Subcontratación con organismos de investigación, respectando o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total final da actividade subvencionada.

c) Gastos de asesoramento no rexistro de patentes.

d) Gastos de elaboración do plan de negocio.

e) Outros que se consideren relevantes para a viabilidade do proxecto empresarial.

O importe máximo da axuda para o financiamento destes gastos será de 75.000 euros.

4. Con respecto aos custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición, se a súa vida útil se esgota ao termo do período subvencionable, considerarase como gasto o custo de adquisición. En caso contrario só serán imputables os custos de amortización que correspondan ao período subvencionable, calculados sobre a base das boas prácticas contables.

5. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. Para a anualidade de 2016 só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016. Para a anualidade de 2017, admitiranse os gastos realizados entre o 1 de decembro de 2016 e o 30 de novembro de 2017.

En calquera caso, o importe da anualidade de 2016 non superará a contía correspondente ao 80 por cento da axuda concedida para cada tipo de gastos.

7. Non serán subvencionables:

– O imposto sobre o valor engadido (IVE).

– Os descontos e similares que se inclúan na factura, que suporán, por tanto, un importe menor do valor do gasto.

8. A axuda en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionable.

Artigo 5. Financiamento

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, na cal existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o que poderá dar lugar á concesión de máis incentivos de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Procedemento IN856A

Beneficiarios

Aplicación

Código do proxecto

2016

2017

Total

Empresas

09.A3.561A.770.0

2016 4

100.000 €

400.000 €

500.000 €

Total

100.000 €

400.000 €

500.000 €

Artigo 6. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. A documentación complementaria, relacionada no artigo 7 desta resolución, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación das solicitudes

1. Xunto coa solicitude (anexo I) presentada polo representante legal da entidade solicitante, deberá achegarse na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da documentación que a seguir se relaciona distinguindo a documentación xurídico-administrativa e a documentación técnica.

2. Documentación xurídico-administrativa:

a) No caso de non autorizar a verificación de datos de identidade, deberá presentar copia do DNI/NIE do representante legal.

b) No caso de que se denegue expresamente a verificación, certificación da entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

c) No caso de denegar expresamente a verificación, deberá presentar copia do NIF en vigor da entidade que solicita a axuda.

d) No caso de que non se autorice a verificación da capacidade no rexistro mercantil, deberá presentar a escritura de constitución da entidade e do poder bastante do representante legal.

3. Documentación técnica:

a) Memoria técnica e programa de aceleración, segundo o modelo que se inclúe como anexo II.

Artigo 8. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código o indicado no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 73 93/881 99 91 60 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 9. Prazo das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou o representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá deberá achegar coa solicitude estas certificacións, que deberán estar en vigor.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta feita polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data da consulta do órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta resolución, salvo que xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

5. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas o órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

6. Consonte o disposto no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos que debe efectuarse á Intervención Xeral do Estado para a súa inclusión na Base nacional de subvencións non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado «Axudas aceleradoras de innovación 2016», cuxo obxecto é xestionar os presentes procedementos, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Europa, nº 10 A, 6º, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a gain@xunta.gal.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 12. Notificacións e publicación

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, co cal seguirá o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Por tratarse de procedementos de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, as notificacións das resolucións correspondentes realizaranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 13. Prazo de duración dos procedementos de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nesta convocatoria e non poderá ter unha duración superior a dous meses.

Artigo 14. Órganos competentes

A unidade competente en materia de xestión de axudas da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderá ao director da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

Artigo 15. Instrución

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras, ou non se acompaña da documentación exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992. Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da solicitude de axuda e/ou da memoria.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. O órgano instrutor formulará proposta de resolución de inadmisión daquelas solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, indicando as causas.

4. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 16. Comisión de avaliación

1. A comisión de avaliación será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e estará composto por:

a) Un director de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un xefe de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, un dos cales actuará como secretario, con voz e sen voto.

2. A Comisión realizará a súa avaliación mediante a comparación de cada solicitude de contratación individual de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo seguinte e emitirá un informe final en que se concretará o resultado da avaliación efectuada, que remitirá ao órgano instrutor.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. A concesión das subvencións previstas na presente resolución realizarase conforme os seguintes criterios sobre un total de 100 puntos, que serán aplicados e avaliados pola comisión de valoración prevista no artigo anterior:

a) Metodoloxía do programa de aceleración: ata 20 puntos.

1º. Obxectivos do programa: concreción e exposición do programa (ata 5 puntos).

2º. Planificación temporal proposta para o desenvolvemento do programa. Idoneidade e viabilidade (ata 5 puntos).

3º. Variedade e calidade dos servizos postos á disposición para os proxectos (ata 10 puntos).

b) Equipo humano: ata 15 puntos.

1º. Adecuación do número de membros do equipo da empresa que desenvolverá o programa de aceleración (ata 3 puntos).

2º. Formación específica e experiencia do antedito equipo en programas de aceleración (ata 10 puntos): outorgaranse 4 puntos por cada membro do equipo que acredite a posesión dunha titulación axeitada e, polo menos, 2 anos de experiencia en servizos especializados de formación, circulación de talento, asesoramento, mentoring e brokerage ou competencia empresarial.

Para a acreditación deste punto, a entidade deberá achegar, xunto coa memoria técnica (anexo II) a seguinte documentación para cada un dos membros do equipo:

– Fotocopia da súa titulación e CV.

– Acreditación dos anos de experiencia profesional a través de certificados emitidos polas empresas en que traballou, nos cales, xunto coas datas, deberán incluírse as funcións desenvolvidas. No caso de profesionais autónomos, a experiencia deberá acreditarse con certificados de clientes, facturas ou contratos.

c) Experiencia: ata 20 puntos.

Outorgaranse 5 puntos por cada 5 proxectos de innovación acelerados no ámbito dos últimos 5 anos.

Para a acreditación deste punto, a entidade/equipo deberá presentar certificados de clientes que xustifiquen a realización das actividades comprendidas no programa de aceleración, xunto coa memoria técnica (anexo II).

d) Especialización: ata 15 puntos.

O programa de aceleración proposto debe estar destinado a proxectos empresariais de carácter innovador e especializado nun sector ou temática aliñada cos retos e prioridade da RIS3 para Galicia (incluídas no anexo III). De acordo con isto, a especialización e a adecuación valorarase de acordo coa seguinte escala:

– Pouco adecuada: máis de 1 e ata 5 puntos.

– Adecuada: máis de 5 e ata 10 puntos.

– Moi adecuada: máis de 10 e ata 15 puntos.

e) Potencial de coinvestimento privado: ata 15 puntos.

Outorgaranse 5 puntos por cada fondo ou entidade diferenciada de investimento privado que colabore no programa de aceleración.

Para a acreditación deste punto, a entidade deberá presentar certificación do compromiso de coinvestimento dos ditos fondos ou entidades, xunto coa memoria técnica (anexo II).

f) Internacionalización: ata 15 puntos.

Valorarase a capacidade de internacionalización do programa de aceleración proposto de acordo coa seguinte escala:

– Pouca capacidade: máis de 1 e ata 5 puntos.

– Capacidade media: máis de 5 e ata 10 puntos.

– Capacidade alta: máis de 10 e ata 15 puntos.

2. Será requisito necesario para ser subvencionado acadar un mínimo de 50 puntos.

Artigo 18. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 19. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración ao director da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a axuda e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe do incentivo para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, polo menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade, informando expresamente do seu carácter de minimis, en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda, no cal deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Prazo para a validación dos proxectos empresariais innovadores.

b) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir.

c) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

d) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de 5 anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase o beneficiario da data de comezo deste prazo.

5. Tal e como se recolle no artigo 13 desta resolución, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de dous meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo para a presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 20. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión e débese obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no proxecto.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificarse ao interesado.

Artigo 21. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas, e por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O director da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos dos artigos 42.1, 90 e 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Validación dos proxectos empresariais innovadores

1. Unha vez recibida a notificación da resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá remitir, dentro do/dos prazo/s fixado/s na resolución de concesión, á Axencia Galega as propostas de proxectos empresariais innovadores para os cales se destinarán os gastos relacionados no artigo 4.3.

2. As propostas remitiranse no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), tendo en conta que o número mínimo de proxectos empresarias innovadores que desenvolverá cada aceleradora ao abeiro desta orde será de 3 e o máximo de 7. Ademais, deberá garantirse a proporcionalidade do apoio aos ditos proxectos, de tal xeito que non poderán propoñerse importes con diferenzas superiores ao 50 por cento.

3. Recibidas as propostas, a Axencia Galega de Innovación convocará un comité técnico de validación de proxectos que estará integrado:

a) Polo director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Polo director de XesGalicia, Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado, S.A.U., ou persoa en quen delegue.

c) Por dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, actuando un deles como secretario, con voz e sen voto.

4. O comité decidirá sobre a validación ou non validación dos proxectos propostos e notificará o resultado á entidade beneficiaria. No caso de non validación dalgún proxecto, esta última deberá remitir unha nova proposta alternativa no prazo de 15 días naturais contados desde o seguinte á recepción da antedita notificación.

5. Non se admitirán gastos subvencionables relativos ao desenvolvemento de proxectos que non estean validados de acordo co procedemento regulado neste artigo.

6. Os proxectos empresariais innovadores validados que así o desexen poderán solicitar financiamento adicional a través dos fondos de capital risco vinculados á innovación xestionados por XesGalicia.

Artigo 23. Rede galega de aceleradoras de innovación

1. As entidades beneficiarias das axudas previstas nesta orde terán o dereito e a obriga de empregar, na súa publicidade e no desenvolvemento das actividades do programa de aceleración, o distintivo Rede Galega de Aceleradoras de Innovación, que se lles facilitará, xunto coas normas de uso, coa resolución de concesión.

2. Así mesmo, a aceptación da axuda suporá a autorización para que a Axencia Galega de Innovación inclúa as entidades beneficiarias das axudas dentro da lista de entidades adscritas á Rede Galega de Aceleradoras de Innovación que se publicará na páxina web http://gain.xunta.gal.

Artigo 24. Pagamento

1. O aboamento das axudas para cada anualidade farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedido, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación dentro dos prazos que se relacionan, sen necesidade de achegar ningún tipo de garantías.

A. Prazos:

Anualidade 2016: ata o 15 de decembro de 2016 (gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016).

Anualidade 2017: ata o 15 de decembro de 2017 (gastos realizados entre o 1 de decembro e o 30 de novembro de 2017).

B. Documentación:

a) Solicitude, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), no cal constarán as seguintes declaracións responsables:

– Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

– Conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

– A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) A acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvencionables realizarase presentando a seguinte documentación:

b.1) Retribucións de persoal:

Copia cotexada do TC1 e TC2 correspondentes aos meses imputados.

Copia cotexada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

Copia cotexada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

Todos os documentos anteriores deberán ir acompañados pola transferencia ou cargo bancario correspondente que acredite a realización do seu pagamento.

b.2) Gastos imputables ás restantes actividades subvencionables: facturas correspondentes, que deberán observar os requisitos formais establecidos no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, orixinais, formato electrónico admisible legalmente ou copias cotexadas, e xustificación do pagamento destas a través de transferencia ou cargo bancario, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención.

b.3) Se procede, declaración asinada polo representante legal da empresa en que se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como un informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da entidade.

c) Só no caso de denegar expresamente a súa consulta, declaración responsable ou certificación, segundo os casos, da entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

d) Exclusivamente na xustificación correspondente á anualidade 2017, memoria final, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), onde se faga constar unha descrición do desenvolvemento do programa de aceleración e a relación de proxectos acelerados especificando as accións realizadas con cada un deles.

2. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias deberanse axustar ao disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obteren axuda por medio desta convocatoria.

g) Solicitar á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas. A realización de modificacións non autorizadas suporá a non admisión das cantidades desviadas. No prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.

h) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público das actividades obxecto da axuda, facendo referencia expresa nas publicacións, relatorios, accións de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coas actividades de aceleración, de acordo co disposto no artigo 23 desta resolución. O mesmo tipo de publicidade se realizará nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.

i) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao día das súas obrigacións coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro, se non se tivese aboado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 27. Causas de reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe para reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de graduación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro total da axuda.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro total da axuda.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 24.1: reintegro do 2 % da axuda.

d) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas na resolución de concesión: reintegro do 2 % da axuda.

e) Incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade: reintegro do 10 % da axuda.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 28. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acontecesen os motivos que se indican no artigo 26 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do interese de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución de procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 29. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante, DL 1/1999), e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 30. Publicidade

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 31. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, perante o director da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992.

Artigo 32. Normativa aplicable

1. As axudas obxecto desta convocatoria seralles de aplicación o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. Será de aplicación supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións que resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2016

O director da Axencia Galega de Innovación
P.S. (Orde do 8.7.2016; DOG núm. 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file