Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 3 de agosto de 2016 Páx. 34417

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 2 de agosto de 2016 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o día 25 de setembro de 2016.

O Decreto 92/2016, do 1 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, no seu artigo 2 establece a convocatoria dos devanditos comicios para o próximo vinte e cinco de setembro.

A Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, refírese nos seus artigos 16 a 20 ás subvencións da Comunidade Autónoma para gastos electorais.

O artigo 19 fixa unhas contías por escano, por voto e polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou de publicidade electoral, sempre que a candidatura de referencia obtivese algún escano.

A disposición adicional segunda da devandita lei indica que as contías que fixa para as subvencións para gastos electorais refírense a euros constantes e que a Consellería de Facenda fixará as contías actualizadas nos cinco días seguintes á convocatoria das eleccións.

Para o cálculo das contías previstas para o ano 2016 partirase pois das contías fixadas no indicado artigo 19 da Lei 9/2015.

Na medida en que a referida subvención trata de financiar unha parte dos custos de concorrencia ás eleccións autonómicas e que o artigo 5 da Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española, permite, no que atinxe ás revisións non periódicas de valores monetarios realizadas polo sector público, o emprego excepcional de índices específicos de prezos que mellor reflictan a evolución dos custos.

Tendo en conta a heteroxeneidade dos custos financiables recollidos no artigo 14 da devandita Lei 9/2015, así como a posibilidade de diferentes intensidades de cada un, optouse por empregar como factor de actualización a variación interanual de prezos da Comunidade Autónoma.

Por isto, a partir dos datos máis actuais dispoñibles, o resultado supón unha variación do -0,6 %, índice que se aplicará ás contías do artigo 19.

Na súa virtude

DISPOÑO:

Artigo único

As cantidades a que se refire o artigo 19 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes, unha vez actualizadas, serán as seguintes:

1. Subvención de vinte mil setecentos sesenta e tres euros e setenta e sete céntimos (20.763,77 €) por cada escano obtido.

2. Subvención de setenta e sete céntimos de euro (0,77 €) por cada un dos votos conseguidos por cada candidatura se, polo menos, un dos membros dela obtivo escano de deputado.

3. Ademais das subvencións a que se refiren os números anteriores, a Comunidade Autónoma subvencionará aos partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores polos gastos ocasionados polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral, a razón de vinte e dous céntimos de euro (0,22 €) por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

4. O límite dos gastos electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por sesenta e dous céntimos de euro (0,62 €) o número de habitantes correspondentes á poboación de dereito da circunscrición onde presente as súas candidaturas cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores.

Para o cálculo do devandito límite non se incluirán as contías subvencionadas de acordo co disposto no número 3 anterior.

Disposición derradeira

A presente orde terá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda