Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 12 de xullo de 2016 Páx. 29816

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 1 de xuño de 2016 pola que se aproba e se dá publicidade do modelo de comunicación de apertura ou recomezo da actividade centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1 atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, atribúelle á Secretaría Xeral de Emprego as competencias e funcións, entre outras materias, relativas ás relacións laborais e á seguridade e saúde laboral.

Ao abeiro do establecido no artigo 6.2 e 6.3 e na disposición adicional do Real decreto lei 1/1986, do 14 de marzo, de medidas urxentes administrativas, financeiras, fiscais e laborais, relativo á simplificación e racionalización de trámites que realizarán ante a autoridade laboral os suxeitos que interveñen no proceso de execución de obras de construción, así como na disposición derradeira segunda do Real decreto 337/2010, do 19 de marzo, polo que se modifican diversas normas en materia de prevención e de seguridade e saúde laboral, ditouse a Orde TIN/1071/2010, do 27 de abril, sobre os requisitos e datos que deben reunir as comunicacións de apetura ou de recomezo de actividades nos centros de traballo.

Por outra banda, á vista do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar os modelos de comunicación e de recomezo de actividade de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia ás novas exixencias, establecendo a súa presentación a través de modelos telemáticos, para facilitar, así, unha maior comunicación e unha relación máis áxil e simple entre a Administración galega e aquelas empresas que realicen unha apertura de centro de traballo ou a continuación da súa actividade.

O artigo 4 da Orde TIN/1071/2010, do 27 de abril, establece que, de acordo co disposto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, as administracións públicas disporán o necesario para que as persoas interesadas utilicen medios electrónicos ao presentar a comunicación de apertura e documentación complementaria a que se refire esta orde. Para tal fin as comunidades autónomas poderán realizar as adaptacións precisas, respectando o seu contido, no modelo oficial que figura como anexo I para a súa presentación en formato electrónico.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 2.2 da Orde TIN/1071/2010, do 27 de abril, engádese un novo punto na parte A do anexo I de comunicación ou recomezo da actividade de centros de traballo, polo que, no caso de que se produzan cambios no centro de traballo, comunicaranse os ditos cambios por medios electrónicos.

De conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o proxecto foi obxecto de informe por parte dos órganos competentes en materia de impacto de xénero, tecnolóxico e funcional, previamente consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e publicado na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar e dar publicidade aos modelos normalizados de comunicación de apertura ou recomezo de actividade de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa presentación por medios electrónicos.

Artigo 2. Presentación

A presentación das comunicacións realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Comunicación de modificación de datos

De conformidade co artigo 2.2 da Orde TIN/1071/2010, do 27 abril, sobre os requisitos e datos que deben reunir as comunicacións de apertura ou de recomezo de actividades nos centros de traballo, en relación coas obras de construción, os cambios non identificados inicialmente comunicaranse na epígrafe denominada modificación de datos do anexo I, parte A. As modificacións deberán ser comunicadas tamén de forma electrónica.

Artigo 4. Documentación

1. As comunicacións deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

No caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade da persoa representante da empresa no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, DNI ou NIE.

2. Documentación específica no caso de obras de construción:

a) Plan de seguridade e saúde no traballo, cando sexa de aplicación o Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen disposicións mínimas de seguridade e de saúde nas obras de construción e, en concreto, cando a empresa realice algunha das actividades que se relacionan no anexo I do dito real decreto. Se non fose exixible o plan de seguridade e saúde, achegarase a correspondente avaliación de riscos.

b) Acta de aprobación do plan de seguridade, se este for exixible.

3. Documentación específica no caso das actividades detalladas no Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental:

Proxecto técnico redactado por técnico competente na materia e memoria descritiva en que se detallen os aspectos básicos relativos á actividade, á súa localidade e repercusións no ambiente.

4. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

7. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de comunicación inclúen autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As comunicacións das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es.

Disposición adicional única. Modificación dos formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das comunicacións será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia de 2016.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file