Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 15 de xuño de 2016 Páx. 24347

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 9 de xuño de 2016 pola que se adaptan e se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

O 27 de febreiro de 2014 o Consello da Xunta aprobou o Plan de axilización administrativa 2014-2016 (Plan Achega) co obxectivo de acadar unha Administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía.

Este plan recolle unha serie de medidas concretas destinadas a revisar no período 2014-2016 os procedementos administrativos que a Administración galega pon á disposición dos cidadáns na Guía de procedementos e servizos, para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica, como garantía do principio de celeridade que a Administración galega asume dentro dos seus compromisos de actuación.

Como primeira actuación contida no Plan Achega, o 2 de maio de 2014 (DOG núm. 83) publicouse o Decreto 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Neste decreto estableceuse, ademais, que mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza se adaptarán os procedementos administrativos, previamente revisados e simplificados, ao disposto nas guías para a habilitación de procedementos aprobadas polo Consello da Xunta do 25 de abril de 2013, actualizadas con posterioridade e, se for o caso, habilitarase a súa presentación electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta medida foi configurada como unha liña prioritaria de actuación polo Goberno galego, posto que existen procedementos administrativos que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (Orde do 15 de setembro de 2011, DOG núm. 138, do 23 de setembro) aínda recollían a presentación exclusivamente presencial por parte das súas persoas destinatarias. Ademais, tamén se requiría determinada documentación que a lexislación vixente xa non permite solicitar e á a cal a Administración galega xa pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Neste marco, e desde o inicio do Plan Achega, os traballos de revisión e habilitación na sede electrónica foron as seguintes:

– Mediante a Orde do 2 de xullo de 2014 (DOG núm. 132, do 14 de xullo), foron adaptados e incorporados á sede electrónica da Xunta de Galicia 58 procedementos de prazo aberto da Presidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de revisar un total de 99.

– A través da Orde do 22 de abril de 2015 (DOG núm. 77, do 24 de abril), 109 procedementos da Consellería de Medio Rural e do Mar habilitáronse electronicamente logo de revisar un total de 145.

– A través da Orde do 31 de xullo de 2015 (DOG núm. 146, do 4 de agosto), 42 procedementos da Consellería de Traballo e Benestar dun total de 88 foron incorporados para a súa presentación electrónica.

– A través da Orde do 22 de outubro de 2015 (DOG núm. 204, do 26 de outubro), 51 procedementos da Consellería de Economía, Emprego e Industria foron incorporados á sede electrónica dun total de 225.

– A través da Orde do 7 de abril de 2016 (DOG núm. 69, do 12 de abril), 48 procedementos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda foron incorporados á sede electrónica dun total de 95.

A seguir, e continuando a planificación establecida, levouse a cabo a revisión de todos os procedementos, tanto de prazo aberto como de prazo pechado correspondentes á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia aínda non lles foron aplicadas as pautas de simplificación existentes na actualidade.

En concreto, foron revisados un total de 86 procedementos, o que deu como resultado o seguinte:

– 39 procedementos foron dados de baixa por non seren utilizados ou por estaren obsoletos. En concreto, 21 corresponden a procedementos de prazo aberto e 18 a procedementos de prazo pechado.

– 46 procedementos foron preparados para admitir a súa dispoñibilidade electrónica a través da presente orde. Ademais, cómpre destacar que 15 destes procedementos son novos e derivan de 4 xa existentes que foron desagregados coa finalidade de clarificar e facilitar o seu uso e tramitación polos cidadáns.

– 1 procedemento xa foi incorporado á sede electrónica a través da súa propia regulación normativa específica.

Así pois, a partir da entrada en vigor desta orde, un total de 46 procedementos novos estarán dispoñibles electronicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto dos cidadáns.

Como alternativa, en 40 deles tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Nos 6 restantes, a sede electrónica configúrase como a canle de uso obrigatorio para a presentación das solicitudes por teren como únicas destinatarias as entidades locais, onde a súa capacidade profesional está garantida.

Ademais, a Xunta de Galicia puxo recentemente á disposición das unidades tramitadoras de procedementos administrativos un sistema para realizar o envío e a xestión de notificacións electrónicas, con xeración de comprobantes da entrega pola persoa emisora e da recepción pola persoa destinataria, conforme a normativa vixente.

Deste xeito, nos 46 procedementos habilitados coa presente orde as persoas interesadas poderán manifestar a súa vontade de que as notificacións que se practiquen sexan realizadas de forma electrónica.

Á vista do exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no Decreto 48/2014, do 30 de abril,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto adaptar e habilitar a presentación electrónica de solicitudes dos procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que figuran no anexo desta orde.

2. Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que, de acordo coa lexislación vixente, non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Naqueles procedementos que teñan como destinatarias as entidades locais, a presentación de solicitudes será exclusivamente electrónica.

Artigo 3. Documentación.

1. A documentación complementaria, que figura no anexo de solicitude de cada procedemento, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.

3. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para isto, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 4. Información do estado da tramitación.

A información personalizada sobre o estado de tramitación dos procedementos, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido, así como a data en que foron ditados, estará á disposición no cartafol do cidadán, con independencia da canle de presentación de solicitudes, en cumprimento do artigo 23 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións que se practiquen nos procedementos habilitados nesta orde deberán realizarse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, co cal continuará o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 6. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro dado de alta na Axencia de Protección de Datos cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Disposición adicional única

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios dos procedementos administrativos de prazo aberto que figuran no anexo da presente orde, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Procedementos habilitados electronicamente a través desta orde: (46)

• Xa existentes (31):

Código

Denominación

Presentación

AU113A

Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.

Presencial/electrónica

AU114A

Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).

Presencial/electrónica

AU208A

Concesión de augas.

Presencial/electrónica

AU209A

Autorización para usos privativos de augas por disposición legal.

Presencial/electrónica

AU211A

Constitución de comunidade de usuarios.

Presencial/electrónica

AU214A

Exercicio da navegación e flotación.

Presencial/electrónica

AU219A

Cambio de titularidade de aproveitamentos hidráulicos.

Presencial/electrónica

AU220A

Derivación de augas de carácter temporal.

Presencial/electrónica

AU221A

Imposición de servidume de acueduto.

Presencial/electrónica

MT101A

Informe de instrumentos de planeamento urbanístico.

Electrónica

MT105B

Autorización autonómica de usos en solo rústico, previa á obtención do título habilitante municipal.

Electrónica

MT106A

Certificación de datos do rexistro de entidades urbanísticas colaboradoras.

Presencial/electrónica

MT107A

Protección da legalidade urbanística.

Presencial/electrónica

MT117A

Aprobación definitiva de instrumentos de planeamento.

Electrónica

MT404C

Autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro, consideración como IBE e solicitude de exclusión para o período 2013-2020.

Presencial/electrónica

MT701A

Autorización de obras na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Presencial/electrónica

MT804A

Inclusión no catálogo galego de árbores senlleiras.

Presencial/electrónica

MT806A

Primeira licenza de pesca fluvial.

Presencial/electrónica

MT807A

Inscrición nas probas para obter a primeira licenza de caza.

Presencial/electrónica

MT810A

Excepción do réxime xurídico das zonas húmidas protexidas.

Presencial/electrónica

MT813A

Catalogación, descatalogación ou cambio de categoría de especies ameazadas.

Presencial/electrónica

MT813B

Excepción ás normas de protección de especies catalogadas.

Presencial/electrónica

MT818A

Declaración de espazo natural de interese local.

Electrónica

MT818B

Declaración de espazo privado de interese natural.

Presencial/electrónica

MT970A

Inscrición no rexistro galego de centros adheridos ao sistema de xestión e auditoría medioambiental.

Presencial/electrónica

MT975B

Autorización para o tratamento de residuos.

Presencial/electrónica

MT975F

Transmisión da autorización.

Presencial/electrónica

MT980A

Rexistro de entidades de carácter ambiental da comunidade autónoma de Galicia.

Presencial/electrónica

MT982A

Autorización de admisión de residuos valoralizables en vertedoiros.

Presencial/electrónica

MT982B

Autorización de admisión de residuos procedentes doutras comunidades autónomas para a súa eliminación en vertedoiros de Galicia.

Presencial/electrónica

MT982C

Autorización de utilización de códigos 99 para residuos que se eliminarán en vertedoiros.

Presencial/electrónica

• Procedementos novos (15):

Código

Denominación

Presentación

MT101D

Resolución de instrumentos de planeamento urbanístico. Aprobación definitiva.

Electrónica

MT101E

Trámite posterior á aprobación inicial do planeamento xeral.

Electrónica

MT701B

Realización de obras na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Presencial/electrónica

MT975G

Autorización de planta móbil para o tratamento de residuos.

Presencial/electrónica

MT975H

Modificación da autorización no rexistro xeral de produtores e xestores de residuos de Galicia.

Presencial/electrónica

MT986A

Comunicación de actividade de negociante de residuos non perigosos.

Presencial/electrónica

MT986B

Modificación da inscrición no rexistro xeral de produtores e xestores de residuos de Galicia.

Presencial/electrónica

MT986C

Comunicación de actividade de negociante de residuos perigosos.

Presencial/electrónica

MT986D

Comunicación de actividade de axente de residuos non perigosos.

Presencial/electrónica

MT986E

Comunicación de actividade de axente de residuos perigosos.

Presencial/electrónica

MT986F

Comunicación de transporte profesional de residuos non perigosos.

Presencial/electrónica

MT986G

Comunicación de transporte profesional de residuos perigosos.

Presencial/electrónica

MT986H

Comunicación de produción de residuos perigosos en cantidade inferior a 10 t/ano.

Presencial/electrónica

MT986I

Comunicación de actividades de produción de residuos non perigosos en cantidade superior a 1.000 t/ano.

Presencial/electrónica

MT986J

Comunicación de actividade de produción de residuos perigosos en cantidade igual ou superior a 10 t/ano.

Presencial/electrónica