Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 6 de outubro de 2015 Páx. 38968

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2015 pola que se convoca un curso monográfico sobre comunicación efectiva para xestores de equipos: negociación e traballo en equipo.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso monográfico sobre comunicación efectiva para xestores de equipos: negociación e traballo en equipo, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Os obxectivos xerais deste curso son:

• Introducir aspectos básicos relacionados coa xestión de persoas, o liderado e a resolución de conflitos.

• Traballar con ferramentas básicas da comunicación que permitan unha mellor xestión do traballo en equipo e dos conflitos no contorno laboral no eido da Administración local.

• Achegar, a través do autocoñecemento e da comunicación, as competencias fundamentais para xestionar un equipo e negociar con efectividade.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

1. Que tipo de líder son? Autocoñecemento e liderado persoal.

• Estilos de liderado.

• Autocoñecemento e liderado persoal.

• A xestión de persoas e a observación.

• Como me comunico.

2. A comunicación no equipo.

• Aptitudes emocionais intrapersoais e interpersoais.

• Habilidades sociais para o traballo en equipo.

• A escoita activa, a empatía e a asertividade.

3. Como facer que o noso equipo funcione?

• Como se configura un equipo? As fases.

• Motivación.

• Definición de obxectivos.

• Algunhas técnicas de traballo en equipo.

4. Como resolver conflitos? A Negociación.

• Tipos de conflitos: descrición, emocións asociadas, a solución e a avaliación.

• Actitudes proactivas e reactivas: a flexibilidade como ferramenta para a xestión dos conflitos.

• Estratexias para a negociación.

5. Caso práctico: o traballo en equipo desde dentro.

• Estudo de ferramentas específicas para o liderado persoal, o traballo en equipo e a negociación e xestión de conflitos.

• Dinámicas dirixidas para o caso práctico: o traballo en equipo desde dentro.

• Conclusións e valoración da formación.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: os mércores 14, 21 e 28 de outubro, e 4 e 11 de novembro de 2015.

Horario: das 17.00 ás 20.00 horas.

Duración: 15 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Número de prazas: 30.

O orden de admisión virá determinado pola data de presentación das solicitudes.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 9 de outubro de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización deste curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública