Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 21 de xuño de 2002 Páx. 9.544

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 208/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal do Grove.

1. As vixentes normas subsidiarias de planeamento municipal do Grove (Pontevedra) foron aprobadas definitivamente polo Pleno da Corporación con data do 25 de abril de 1996, en exercicio das competencias delegadas pola Comunidade Autónoma segundo a Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo. O acordo plenario de aprobación definitiva foi publicado no DOG nº 172, do 3 de setembro de 1996 e o texto normativo no BOP nº 158, do 16 de agosto de 1996.

Transcorridos máis de seis anos desde a aprobación das normas subsidiarias de planeamento do Grove, constátase que as súas determinacións están a producir efectos indesexables e problemas urbanísticos graves que pugnan cos fins e obxectivos establecidos inicialmente polo propio planeamento municipal e que están a afectar os intereses públicos supralocais e as competencias da Comunidade Autónoma en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo, vivenda, medio ambiente, estradas e patrimonio cultural, o que demanda unha intervención inmediata da Xunta de Galicia para dete-lo proceso de degradación do medio urbano e natural e garanti-la viabilidade dunha próxima solución razoable desta problemática mediante a aprobación do futuro Plan xeral de ordenación municipal.

As normas subsidiarias de planeamento municipal do Grove foron elaboradas e aprobadas ó abeiro da lexislación urbanística vixente no ano 1995, en particular, a Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia e o texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño. O ordenamento xurídico que no seu momento deu cobertura ó planeamento municipal sufriu unha profunda transformación como consecuencia da sentencia do Tribunal Constitucional do 20 de marzo de 1997 que declarou a inconstitucionalidade de gran parte dos preceptos do texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana de 1992, e da última reforma lexislativa operada pola Lei 6/1998, de 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, modificada polo Real decreto-lei 4/2000, do 23 de xuño, de medidas urxentes de liberalización no sector inmobiliario. Tamén a lexislación urbanística autonómica que daba cobertura ó planeamento do

Grove -a Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia- foi derrogada e substituída pola nova Lei 1/1997, do 24 de marzo,

do solo de Galicia, e o Regulamento de disciplina urbanística, aprobado por Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro.

2. A peculiaridade do territorio municipal do Grove que constitúe un tómbolo situado na entrada da ría de Arousa, formado por un núcleo granítico rodeado de mar que está unida a terra por unha barra de area, e a fermosa Illa da Toxa situada na entrada da enseada do Grove, encerra singulares valores paisaxísticos, medioambientais, ecolóxicos e culturais que condicionan e limitan o desenvolvemento urbanístico e demandan unha singular protección e preservación desta área especialmente sensible do territorio de Galicia.

De aquí que resulte máis necesario e urxente a revisión da clasificación do solo do termo municipal do Grove para adecuarse ós novos criterios de clasificación que establecen os artigos 7 a 10 da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións, e os artigos 63 a 68 da Lei 1/1997, do solo de Galicia, en particular nos seguintes ámbitos:

a) A clasificación do solo urbano debe ser revisada para excluí-las áreas vacantes situadas nos bordes do perímetro urbano que non reúnen os requisitos esixido polo artigo 64 da Lei do solo de Galicia.

b) A delimitación do espacio natural Ons-O Grove debe ser revisada e ampliada para axustarse á nova delimitación establecida pola Orde do 7 de xuño de 2001, da Consellería de Medio Ambiente, pola que se determinan as zonas propostas para a súa inclusión na Rede europea Natura 2000 e se declara como espacio natural en réxime de protección xeral.

c) A clasificación do solo non urbanizable e do solo apto para urbanizar precisa unha revisión completa e rigorosa que debe fundamentarse no preceptivo estudio do medio rural co contido e alcance que determinan os artigos 10.d) e 17.b) da Lei do solo de Galicia.

d) A zona litoral e afectada polas limitacións e servidumes establecidas pola Lei 22/1988, de costas e polas normas de aplicación directa da Lei do solo de Galicia (artigo 59), tamén deben ser revisadas en atención ós seus singulares valores e coa finalidade de preservalas do proceso urbanizador e edificatorio.

3. Dentro do perímetro do solo urbano as normas subsidiarias de planeamento municipal non diferenciaron entre o solo urbano consolidado e o non consolidado dado que estas categorías de solo foron introducidas por vez primeira no ordenamento urbanístico pola Lei 1/1997, do solo de Galicia e posteriormente incorporadas á lexislación estatal pola Lei 6/1998, de réxime do solo e valoracións. A categoría de solo urbano consolidado comprende os terreos que merecen a cualificación de soares ou que só precisan dalgunha obra complementaria e accesoria de urbanización para acada-la condición de soar. Na categoría de solo urbano non consolidado deben incluírse os terreos que é necesario someter a un proceso de execución integral coa finalidade de levar á realidade física a ordenación urbanística proxectada polo plan, así como os terreos urbanizados á marxe do planeamento.

En todo caso, os terreos hoxe incluídos en unidades de execución (polígonos), así como os ámbitos de transformación urbanística (estudios de detalle)

delimitados polas normas subsidiarias de planeamento do Grove, deben someterse ó réxime do solo urbano non consolidado por imperativo da disposición transitoria primeira da Lei do solo de Galicia.

A ordenación do solo urbano debe adecuarse ós límites de densidade e de edificabilidade máximos establecidos pola Lei do solo de Galicia que, no seu artigo 11, limita a intensidade edificatoria a 100 vivendas por hectárea cunha superficie edificada máxima de 8.250 m por hectárea, no solo urbano non consolidado, e impón a conxelación do incremento edificatorio nos ámbitos de solo urbano consolidado que excedan o antedito límite.

As normas subsidiarias de planeamento do Grove estableceron unha ordenación para o solo urbano que non respecta os límites establecidos pola Lei do solo de Galicia, como é o caso, entre outros, da maioría das unidades de execución delimitadas (solo urbano non consolidado), para as que se prevé aplica-la ordenanza núm. 2, de edificación aberta, cunha edificabilidade de 1,5 m/m; os ámbitos dos estudios de detalle para os que se establecen condicións de edificación que implican unha intensidade de uso non inferior a 2 m/m.

3. A memoria das vixentes Normas subsidiarias de planeamento sinala a insuficiencia das infraestructuras, servicios, zonas verdes e equipamentos públicos existentes para atende-las necesidades da poboación do municipio (10.878 habitantes no momento da aprobación do planeamento). Cabe destaca-la insuficiencia do trazado e da sección da rede viaria sobre a que se apoia a edificación, a inexistencia de aparcamentos organizados, a insuficiencia das redes xerais de abastecemento de auga potable e de saneamento, así como dos equipamentos comunitarios e do sistema xeral de espacios libres destinados a parques e zonas verdes públicas.

A situación resulta máis grave durante os meses de verán cando a poboación se multiplica pola chegada de residentes de temporada, dos ocupantes dos numerosos aloxamentos turísticos existentes e dos usuarios das praias.

Para atende-las necesidades xeradas polo proceso urbanizador e edificatorio, as normas subsidiarias previron especificamente ata doce actuacións que se van desenvolver durante os catro primeiros anos de vixencia do planeamento municipal, entre as que cabe destaca-lo o saneamento integral do municipio, a ampliación e mellora da rede de abastecemento de augas, a mellora da rede viaria municipal, a creación de instalacións deportivas, de equipamentos e servicios municipais, a recuperación do contorno das canteiras e outras. A maioría das actuacións previstas non chegaron a executarse polo que a situación de déficit de infraestructuras, servicios e dotacións públicas lonxe de ser paliado agravouse coa proliferación da edificación ó abeiro das normas subsidiarias de planeamento.

4. As urbanizacións de Balea, Montemar, San Vicente, Pedras Negras, O Carreiro, O Sineiro e A Toxa son obxecto dun tratamento específico polas vixentes normas subsidiarias de planeamento que, ante a gravidade dos problemas urbanísticos diagnosticados, optaron por impoñe-la redacción de plans especiais no prazo de seis meses desde a entrada en vigor do planeamento municipal.

A memoria das normas subsidiarias sinala que a localización destas urbanizacións se realizou con criterios comerciais, con escaso respecto ás condicións naturais do territorio, situándose sobre a primeira líña de costa, ocupando areais, pechando o acceso ás praias e invadindo incluso a zona marítimoterrestre, con infraestructuras e servicios deficientes e incompletos, escasos espacios libres públicos, insuficientes para atende-las demandas orixinadas tanto pola edificación existente como polos fluxos de visitantes.

Os problemas detectados polo planificador municipal poden resumirse en: situación xurídico-administrativa dubidosa, incumprimento das cesións de dotacións e equipamentos previstos, inadecuación e obsolescencia dos servicios urbanísticos pola deficiente execución ou falla de mantemento, desaparición da sociedade ou empresa que xestionou a súa promoción e execución, incumprimento da normativa urbanística do plan, con edificacións excesivas e apertura de rúas non previstas e aparición de actuacións de parcelación clandestinas.

En particular con respecto á Illa da Toxa destácase a existencia de varios contenciosos que poñen en dúbida o cumprimento da normativa urbanística, a falla de cumprimento das obrigacións derivadas da xestión do planeamento, a insuficiencia de aparcamentos, a falla de servicios de abastecemento e a subministración para os novos asentamentos, o exceso de tráfico e conflicto cos itinerarios peonís, a insuficiencia dos accesos co núcleo do Grove e a rede viaria comarcal, a insuficiencia e a inadecuación das edificacións de servicio de praias.

A conclusión do diagnóstico realizado é a existencia de distorsións urbanísticas importantes, edificacións desproporcionadas dentro e fóra dos núcleos de poboación, falla de servicios, insuficiencia da rede viaria, a falla de equipamentos e a insuficiencia das áreas de esparexemento.

Pese ó tempo transcorrido desde a aprobación das normas subsidiarias de planeamento, que obrigaban a tramitación dos plans especiais do Carreiro, San Vicente, Pedras Negras, Balea, Montemar, O Sineiro e A Toxa no prazo de seis meses, non se ten tramitado nin un só dos plans especiais previstos e o proceso de degradación continúa ó abeiro dunha normativa transitoria que xa tería que ter desaparecido.

A normativa transitoria que se vén aplicando é a que establecían os plans parciais aprobados ó abeiro da Lei do solo de 1956 ou da Lei de centros de interese turístico nacional (A Illa da Toxa), segundo se recolle no tomo 3 das normas subsidiarias de planeamento do Grove.

Esta normativa transitoria non se recolle de modo completo polas normas subsidiarias de planeamento, presenta gravísimas indeterminacións e contradiccións internas, e ademais foi notoriamente incumprida durante os anos transcorridos desde a aprobación dos plans parciais (numerosas edificacións con exceso de volume e de altura sobre os máximos permitidos, apertura de novas rúas non previstas no plan parcial, inexecución de servicios urbanísticos, construccións sobre zonas verdes, etc.).

En definitiva, o mantemento da ordenación transitoria establecida polas vixentes normas subsidiarias de planeamento está a causar un agravamento

da problemática situación diagnosticada en 1996 e xustifica cumpridamente a urxente intervención da Comunidade Autónoma.

5. Como xa se indicou anteriormente, a clasificación do solo non se acomoda ó disposto pola Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións e a Lei 1/1997, do solo de Galicia, polo que resulta imprescindible a revisión do planeamento e a súa adaptación ós novos criterios de clasificación do solo que, no que afecta ó solo non urbanizable ou rústico, debe partir necesariamente dun rigoroso estudio do medio rural que sirva de base para o establecemento das medidas tendentes á conservación e mellora das súas potencialidades intrínsecas nos termos esixidos polos artigos 10 d) e 14 da Lei do solo de Galicia e incorporar como solo rústico protexido o ámbito do espacio natural Ons-O Grove, segundo a delimitación establecida pola Orde do 7 de xuño de 2001, da Consellería de Medio Ambiente.

Ademais, a regulación do solo non urbanizable establecida polas vixentes normas subsidiarias de planeamento do Grove resulta incompatible coa lexislación urbanística vixente na actualidade en aspectos tan esenciais como son, entre outras, a previsión de vivendas en solo non urbanizable de especial protección, determinación esta que é contraria ó disposto pola Lei 1/1997, do solo de Galicia que, no seu artigo 77.5º, prohíbe expresamente as vivendas e os usos residenciais en solo rústico.

En definitiva, a proliferación de edificacións no medio rural propiciada polas normas subsidiarias de planeamento é contraria ó réxime do solo rústico ou non urbanizable que ten por finalidade preservar esta clase de solo do proceso edificatorio.

6. O artigo 52 da Lei do solo de Galicia faculta o Consello da Xunta de Galicia, por instancia do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para acorda-la suspensión para a súa revisión, en todo ou en parte do ámbito a que se refiran, a vixencia dos instrumentos de ordenación urbanística.

En atención a estas circunstancias excepcionais procede ordena-la urxente revisión do planeamento urbanístico municipal e a súa conseguinte adaptación á lexislación urbanística vixente. En tanto esta revisión non se produce resulta necesario adopta-las medidas urxentes encamiñadas a evitar que continúe a caótica expansión urbanística derivada da aplicación das determinacións do planeamento vixente e que resulte inviable no futuro calquera solución razoable para os graves problemas causados.

A suspensión da vixencia das normas subsidiarias de planeamento determina a entrada en vigor da ordenación provisional que se elaborou tendo en conta o seu carácter eminentemente transitorio e cautelar para garantir que a edificación que poida realizarse durante o período transitorio non faga inviables as posibles solucións urbanísticas que lle corresponde adoptar ó futuro Plan xeral de ordenación municipal que é o instrumento de ordenación urbanística integral do termo municipal que debe defini-lo modelo de convivencia e establece-la ordenación urbanística definitiva.

7. O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e o alcalde do Concello do Grove, en data 30 de maio de 2002, asinaron un acordo

no que se manifesta a necesidade e conveniencia de suspensión do planeamento municipal vixente nos seguintes termos:

«De non adoptarse a medida de suspensión imposibilitaríase a futura ordenación racional e adecuada das ditas zonas, que por outra banda xa están a ser estudiadas no avance do plan coa finalidade de soluciona-los problemas que motivan a citada suspensión.

En consecuencia, o Concello do Grove acepta o requirimento da consellería e manifesta a súa conformidade co contido do proxecto de Decreto de suspensión da vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal do Grove que será elevado á aprobación do Consello da Xunta de Galicia e que estará vixente ata a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal».

No citado acordo artéllase a colaboración da Administración autonómica e municipal mediante a creación dunha comisión mixta que será a encargada de axilizar e consensua-los parámetros do novo plan, actuará baixo os principios de colaboración e coordinación e velará para que o procedemento de aprobación do planeamento se produza dentro da legalidade vixente e no tempo máis breve posible.

Con posterioridade presentáronse varios acordos adoptados polo Pleno da Corporación, en sesión do 10 de xuño de 2002, nos que se formulan diversas alegacións. En realidade, non existe un pronunciamento único e coherente, senón que o Pleno aprobou tódalas alegacións elaboradas por cada grupo municipal que en ocasións resultan opostas e contradictorias entre si. Baste indicar que mentres unha das alegacións manifesta a oposición máis absoluta ó proxecto de Decreto (I. de G.), outra das alegacións aprobadas manifesta que «estamos convencidos de que é unha medida que había que tomar».

A institución da suspensión do planeamento regulada polo artigo 52 da Lei do solo de Galicia é unha medida cautelar de carácter excepcional aplicable nos supostos en que resulta necesario proceder á revisión do planeamento en vigor polas consecuencias indesexables que produciría a súa conservación.

Os singulares valores paisaxísticos, naturais, ecolóxicos, ambientais, científicos e culturais que concorren no territorio da península do Grove motivaron a inclusión, nos últimos anos, de boa parte do termo municipal nos seguintes instrumentos de protección: Espacio natural en réxime de protección xeral; Zona húmida de importancia internacional (RAMSAR); Zona de especial protección para as aves (ZEPAS); Lugar de interese comunitario (Rede europea natura 2000). Aínda debe engadirse o alto valor de todo o litoral costeiro do Grove, e das súas numerosas e fermosas praias.

A suspensión do planeamento vixente é unha medida cautelar dirixida a preserva-los valores do territorio fronte á crecente presión urbanizadora e edificatoria que ameaza coa degradación do medio natural e da paisaxe.

A ordenación provisional non ten vocación de permanencia, senón que será o imprescindible Plan xeral de ordenación municipal, o que deberá reordenar adecuadamente o proceso de expansión urbana, freando as tendencias á urbanización difusa e a proliferación de edificacións e asentamentos dis

persos e adopta-las medidas necesarias para evita-los fortes impactos producidos na paisaxe, na estructura dos asentamentos e na capacidade das infraestructuras.

Neste senso, é urxente a revisión do planeamento municipal que deberá revisar integramente a clasificación do solo de todo o termo municipal para adaptalo ós novos criterios establecidos pola Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións e a Lei 1/1997, do solo de Galicia, establecer unha nova estructura xeral e orgánica do territorio que realice as previsións de infraestructuras e equipamentos suficientes para atende-las necesidades derivadas do potencial crecemento urbanístico, unha nova regulación dos usos do solo e das condicións de edificación para garanti-la preservación dos valores do medio natural e do patrimonio cultural.

Malia o anterior, e atendendo en parte as alegacións presentadas pola Corporación Municipal, a ordenación provisional que se establece para o solo urbano consolidado e para os núcleos rurais recolle en gran medida as determinacións das normas subsidiarias de planeamento municipal, coas especificacións imprescindibles para garanti-la adecuación das edificacións ó ambiente (artigo 59 da Lei 1/1997, do solo de Galicia).

Non cabe excluír da suspensión o ámbito das unidades de execución nin dos estudios de detalle dado que é necesaria a revisión da clasificación do solo e da ordenación establecida para estes terreos, tendo en conta que algúns están afectados polas afeccións ambientais anteriormente indicadas (lugares de interese comunitario, servidume de protección e zona de afección de costas, e outras afeccións), en algún caso tratase de terreos completamente vacantes e sen transformar polo que non merecen a clasificación como urbanos, superan a edificabilidade máxima establecida imperativamente pola Lei do solo de Galicia, carecen de previsións de equipamentos e infraestructuras suficientes, e presentan outras deficiencias que motivaron a emisión de informes autonómicos desfavorables sobre estudios de detalle de varias unidades de execución.

Na súa virtude, de acordo co dictame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xuño de dous mil dous

DISPOÑO:

Artigo 1º

Conforme o disposto polo artigo 52 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, suspéndese, para a súa revisión, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal do Grove (Pontevedra), aprobadas definitivamente pola Corporación Municipal con data do 25 de abril de 1996.

Artigo 2º

Esta suspensión determina a entrada en vigor da ordenación provisional que se insire no anexo deste decreto.

A ordenación provisional terá carácter transitorio e manterá a súa vixencia ata a entrada en vigor do novo planeamento, que deberá ser aprobado polo Concello no prazo de nove meses.

Transcorrido o prazo indicado sen que se chegase a aproba-lo Plan xeral de ordenación municipal, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá formula-lo Proxecto de ordenación do medio rural, de acordo co disposto polo artigo 38 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Disposición adicional

Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións e resolucións sexan necesarias para a debida execución e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuiña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

ANEXO

Ordenanzas provisionais

1. Ordenanza de solo urbano.

1.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación exclusivamente ós terreos que están incluídos no ámbito de aplicación dalgunha das seguintes ordenanzas das normas subsidiarias de planeamento municipal:

a) Ordenanza núm. 1, de edificación en manzana pechada.

b) Ordenanza núm. 2, de edificación aberta.

c) Ordenanza núm. 3, de solo urbano de media densidade.

d) Ordenanza núm. 4, de unifamiliar extensiva.

e) Ordenanza núm. 5, de solo urbano mixto, comercial, residencial e industrial.

f) Ordenanza núm. 6, de conservación da estructura de actuacións de vivendas sociais.

g) Ordenanza núm. 8, de núcleo rural de recente formación.

Quedan excluídos os ámbitos das unidades de execución (polígonos) e dos estudios de detalle definidos polas Normas subsidiarias de planeamento.

1.3. Condicións de edificación.

Serán de aplicación as determinacións establecidas polas normas subsidiarias de planeamento municipal do Grove, na correspondente ordenanza de solo urbano, coas seguintes condicións de obrigado cumprimento:

a) As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións sinaladas nos artigos 15, 16, 17, 18 e 19, epígrafe 1, das vixentes Normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

b) Configuración da cuberta das edificacións: pendente máxima de 30º con altura máxima de cumieira de 3,60 metros. As cubertas estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras dos seus faldróns

e prohíbense os áticos, as mansardas, as bufardas e calquera outro volume sobre os faldróns de cuberta. O aproveitamento baixo cuberta computa edificabilidade.

c) Prohíbense os corpos voados sobre as vías e os espacios públicos.

2. Ordenanza de zonas verdes e espacios libres públicos.

2.1. Ámbito territorial de aplicación.

Quedan sometidos a esta ordenanza os terreos seguintes:

a) Os cualificados como espacios libres e zonas verdes polas Normas subsidiarias.

b) Os incluídos nos ámbitos dos estudios de detalle previstos polas normas subsidiarias de planeamento municipal (números 1 a 6).

c) Os terreos incluídos no ámbito das unidades de execución delimitadas polas Normas subsidiarias de planeamento municipal (números 1 a 17).

d) Os terreos ós que non lles sexa de aplicación calquera outra ordenanza prevista neste decreto.

2.2. Usos permitidos e prohibidos.

Permítese exclusivamente o uso de espacio libre, de esparexemento e lecer e prohíbese calquera outro uso.

No ámbito de aplicación desta ordenanza queda prohibida calquera clase de edificación.

3. Ordenanza de núcleos rurais.

Os terreos incluídos no ámbito de aplicación da ordenanza núm. 7, de núcleo rural tradicional, rexeranse polas determinacións establecidas polas Normas subsidiarias de planeamento do Grove, cumprindo ademais as seguintes condicións:

a) As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións sinaladas nos artigos 15, 16, 17, 18 e 19, epígrafe 2, das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

b) Configuración da cuberta das edificacións: pendente máxima de 30º con altura máxima de cumieira de 3,60 metros. As cubertas estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras dos seus faldróns e prohíbense os áticos, as mansardas, as bufardas e calquera outro volume sobre os faldróns de cuberta. O aproveitamento baixo cuberta computa edificabilidade.

c) Quedan prohibidos os corpos voados sobre as vías e os espacios públicos.

4. Ordenanza de solo rústico protexido.

4.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación ós terreos delimitados polas normas subsidiarias de planeamento municipal como:

a) Solo rústico ou non urbanizable, incluído o común e o protexido.

b) Solo apto para urbanizar ou solo urbanizable en calquera das súas categorías.

4.2. Condicións de uso e de edificación.

Os propietarios deste solo terán o dereito de usar, gozar e dispoñer da súa propiedade de conformidade coa natureza rústica dos terreos, debendo destinalos a fins agrícolas, forestais, gandeiros, cinexéticos ou outros vinculados á utilización racional dos recursos naturais.

Excepcionalmente, a través do procedemento previsto nos epígrafes 3 e 4, do artigo 77 da Lei 1/1997, do solo de Galicia, poderán autorizarse actuacións específicas de interese público que teñan que situarse necesariamente no medio rural, sempre que se trate de solo non urbanizable común segundo as normas subsidiarias de planeamento municipal.

Nos demais supostos queda prohibida a edificación.

4.3. Condicións de edificación.

No caso de obtención da previa e preceptiva autorización autonómica prevista no epígrafe anterior as condicións de edificación serán as seguintes:

a) Tipoloxía: edificación exenta con tratamento de fachada en tódolos seus ventos, sen que poidan construírse paramentos cegos.

b) Parcela mínima edificable: 5.000 m.

c) Recado mínimo a lindeiros de parcela: superior á altura da edificación, cunha separación mínima en todo caso de 5 metros ou a superior establecida pola lexislación sectorial de aplicación.

d) Ocupación máxima da parcela: 20%.

e) Altura máxima: planta baixa máis unha planta alta, sen supera-los 6,50 metros medidos no centro de tódalas fachadas desde a rasante natural do terreo ó arrinque inferior do faldrón de cuberta.

f) Prohíbense os sotos, semisotos e aproveitamento urbanístico dos espacios baixo cuberta.

g) Configuración da cuberta das edificacións: pendente máxima de 30º con altura máxima de cumieira de 3,60 metros. As cubertas estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras dos seus faldróns. Prohíbense as mansardas, bufardas e calquera outro volume sobre os faldróns de cuberta.

h) As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións sinaladas nos artigos 15, 16, 17, 18 e 19, punto 2, das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

5. Ordenanza de protección do patrimonio cultural.

5.1. Ámbito territorial de aplicación.

Será de aplicación esta ordenanza ós seguintes ámbitos:

a) Os inmobles incluídos no catálogo das normas subsidiarias de planeamento municipal.

b) Os elementos e as áreas de protección do patrimonio establecidas polos artigos 18 e 30 e polo anexo 3º das normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais, calquera que sexa a clase de solo na que se encontren.

5.2. Condicións de uso e de edificación.

Quedan prohibidas as obras de ampliación de edificios, de adición de novas plantas e as de demolición de construccións e edificacións existentes.

En todo caso, no ámbito de aplicación desta ordenanza será preceptivo obter, previamente á concesión da licencia municipal, o informe favorable do organismo autonómico competente en materia de patrimonio cultural (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural).

6. Ordenanza para os ámbitos de planeamento especial.

6.1. Ámbito territorial.

Os terreos situados no ámbito dos plans especiais previstos polas normas subsidiarias de planeamento núm. 1 (O Carreiro), 2 (San Vicente), 3 (Pedras Negras), 4 (Balea), 5 (Montemar), 6 (O Sineiro) e 7 (A Toxa).

6.2. Condicións de uso e de edificación.

Unicamente se permitirán as obras de conservación e mantemento das edificacións e construccións existentes e en uso no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional.

Quedan prohibidas as obras de ampliación, aumento de volume ou da altura, e modificación ou reforma que afecten á estructura dos edificios existentes. Así mesmo, quedan prohibidas as parcelacións urbanísticas.

As zonas verdes e espacios libres e os equipamentos públicos e privados existentes manterán o seu uso actual.

7. Equipamentos públicos.

Os espacios cualificados como equipamentos e dotacións de dominio público, agás as zonas verdes e espacios libres, rexeranse polas correspondentes ordenanzas establecidas polas normas subsidiarias de planeamento municipal.