Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 28 de xuño de 2001 Páx. 8.694

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia.

A Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica establece os principios xerais para a ordenación das oficinas de farmacia dada a súa condición de establecementos sanitarios de interese público e a necesidade de lle garantir á poboación da Comunidade Autónoma de Galicia unha atención farmacéutica conveniente, oportuna e eficiente.

Para a aplicación do establecido na dita lei, é necesario o desenvolvemento dos requisitos e condicións que permitan poder utiliza-la planificación das oficinas de farmacia como medio de aproxima-la atención farmacéutica á poboación e aumenta-la súa eficiencia, así como a dos diferentes procedementos de autorización administrativa previa ós que estarán suxeitas as oficinas de farmacia.

Este decreto estructúrase nun título preliminar no que se establece o obxecto e o réxime xurídico e cinco títulos comprensivos das seguintes materias: planificación, autorización e adxudicación de novas oficinas de farmacia, traslado, cerramento e transmisión.

No título I establécense os criterios de planificación coa finalidade de que esta se axuste ás características demográficas e xeográficas existentes na actualidade nesta Comunidade Autónoma. Así mesmo, prevense situacións de planificación que posibiliten a apertura de oficinas de farmacia en zonas e casos especiais e/ou excepcionais que así o aconsellen.

Neste mesmo título regúlanse as distancias que deberán garda-las oficinas de farmacia entre elas e cos centros sanitarios públicos, xa sexa por razón de nova apertura ou por traslado, fixándose as pautas para levar a cabo a medición das ditas distancias.

No título II desenvólvese o procedemento de autorización e adxudicación de novas oficinas de farmacia, establecéndose os órganos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que teñen atribuída a competencia nesta materia, así como o réxime xurídico ó que estará suxeito. No devandito procedemento faise efectivo, no que respecta ó acceso á titularidade de novas oficinas de farmacia, a realización dun concurso público baixo criterios de mérito e capacidade.

O procedemento para o traslado das oficinas de farmacia, as clases de traslados (voluntarios, forzoso definitivo ou forzoso provisional) e as súas causas establécense no título III.

O título IV ten por obxecto regula-lo procedemento de autorización administrativa para o cerramento das

oficinas de farmacia, así como a súa motivación e os seus efectos.

As formas, condicións, prazos e demais requisitos para a transmisión, sexa inter vivos ou mortis causa, das oficinas de farmacia recóllense no título V, no que se definen as oficinas de farmacia susceptibles de transmisión e aqueles supostos de limitación á transmisión delas.

Tendo en conta o anterior e ó abeiro do establecido na disposición derradeira primeira da Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, consultados os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e de acordo co dictame nº 131/01 do Consello Consultivo de Galicia do 10 de maio de 2001 e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil un,.

DISPOÑO:

TÍTULO PRELIMINAR

Obxecto e principios xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento da Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, nas seguintes materias:

a) A planificación farmacéutica das oficinas de farmacia na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O establecemento do procedemento para a autorización e adxudicación de novas oficinas de farmacia.

c) O procedemento de autorización administrativa e as condicións e os requisitos ós que se suxeita o traslado das oficinas de farmacia.

d) O procedemento de autorización administrativa para o cerramento das oficinas de farmacia, así como os motivos e os seus efectos.

e) As formas, prazos, condicións e demais requisitos ós que estará suxeita a transmisión das oficinas de farmacia.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

A planificación farmacéutica de Galicia, o procedemento para a autorización e adxudicación de novas oficinas de farmacia, así como o traslado, cerramento e transmisión das oficinas de farmacia axustaranse ó disposto na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, este decreto e normas de desenvolvemento e as normas xerais de procedemento administrativo e de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

TÍTULO I

Planificación das oficinas de farmacia

Capítulo I

Zonas farmacéuticas, módulos de poboación e distancias

Artigo 3º.-Bases de planificación.

1. A autorización de novas oficinas de farmacia estará sometida a planificación pola Consellería de

Sanidade e Servicios Sociais, dada a súa condición de establecementos sanitarios de interese público e co fin de garantir unha atención farmacéutica conveniente.

A planificación farmacéutica de Galicia ordénase de acordo coa planificación sanitaria, tomando como fundamento as unidades básicas de atención primaria, que se corresponden coas demarcacións municipais que compoñen o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas zonas farmacéuticas, que a lei clasifica en:

a) Zona farmacéutica urbana: municipios con máis de 30.000 habitantes.

b) Zona farmacéutica semiurbana: municipios cun número de habitantes comprendido entre 10.000 e 30.000 habitantes.

c) Zona farmacéutica rural: municipios con menos de 10.000 habitantes.

2. De acordo coa Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, os módulos para a apertura de novas oficinas de farmacia son os seguintes:

a) Zonas farmacéuticas urbanas: unha por cada 2.800 habitantes empadroados, agás que a dita proporción se supere en 1.500 habitantes, suposto no cal poderá establecerse unha nova oficina de farmacia.

b) Zonas farmacéuticas semiurbanas: unha por cada 2.500 habitantes empadroados, agás que a dita proporción se supere en 1.500 habitantes, suposto no cal poderá establecerse unha nova oficina de farmacia.

c) Zonas farmacéuticas rurais: unha por cada 2.000 habitantes empadroados, agás que a dita proporción se supere en 1.500 habitantes, suposto no cal poderá establecerse unha nova oficina de farmacia.

3. En cada municipio poderá haber, alomenos, unha oficina de farmacia.

4. Sen prexuízo da aplicación dos módulos poboacionais establecidos no punto 2 deste artigo, poderá autorizarse a apertura dunha nova oficina de farmacia nas entidades colectivas de poboación con 2.000 ou máis habitantes, de acordo co establecido polo Instituto Nacional de Estatística, que carezan de oficina de farmacia e a máis achegada estea a unha distancia superior a 400 metros, medida desde a liña perférica da entidade colectiva de poboación de que se trate.

5. Para o cómputo de habitantes, terase en conta a poboación que conste na última revisión do padrón municipal vixente no momento de se inicia-lo expediente de apertura.

Artigo 4º.-Delimitación territorial concreta.

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais fixará a delimitación territorial concreta na que poden establecerse as novas oficinas de farmacia en cada zona farmacéutica. Esta delimitación territorial concreta farase pública previamente á convocatoria do concurso público de adxudicación da nova oficina de farmacia.

2. A fixación da delimitación territorial concreta atenderá ós principios de cobertura de poboación e accesibilidade ó servicio farmacéutico, tendo en conta para a súa determinación:

a) A poboación total da zona farmacéutica e a súa dispersión.

b) Os núcleos de poboación existentes na zona farmacéutica.

c) A superficie da zona farmacéutica e a distancia existente entre os distintos núcleos de poboación.

d) O número de farmacias existentes na zona farmacéutica e a situación delas.

e) Os centros sanitarios públicos existentes na zona farmacéutica.

3. As novas oficinas de farmacia situaranse preferentemente nas entidades locais, parroquias ou lugares sen oficina de farmacia ou nas que dispoñendo desta, a proporción de habitantes por oficina de farmacia nese núcleo de poboación supere nun 25% a poboación existente no núcleo de maior poboación que non a teña.

4. A distancia e dificultade de comunicación entre os núcleos de poboación con oficina de farmacia e os que carezan da mesma, poderá ser motivo para que a nova oficina de farmacia se sitúe nun núcleo que careza dela.

Capítulo II

Supostos especiais de planificación

Artigo 5º.-Necesidades de atención farmacéutica. Zonas especiais.

1. Malia a anterior planificación farmacéutica establecida no capítulo primeiro e co obxecto de garanti-la satisfacción das necesidades de atención farmacéutica que se requiran, poderanse declarar determinadas zonas farmacéuticas como especiais por acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción dun expediente no que se dará audiencia ó Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia que corresponda á zona farmacéutica de que se trate.

2. Para os efectos da declaración destas zonas como especiais teranse en conta as diferentes características xeográficas, demográficas, turísticas e sanitarias, tales como a dispersión e a distancia entre os distintos núcleos de poboación, as dificultades de comunicación, o acceso ás oficinas de farmacia existentes e a poboación de feito existente con carácter permanente ou de tempada.

3. Co obxecto de garanti-la satisfacción das necesidades de atención farmacéutica que se requiran, os concellos correspondentes a cada zona farmacéutica poderán solicitar á Xunta de Galicia a declaración dunha determinada zona como especial.

4. A declaración dunha zona farmacéutica como especial deberá:

a) Determina-lo módulo de poboación inferior ó previsto no artigo 3º.2 deste decreto que corresponda e, polo tanto, establece-lo número de novas oficinas

de farmacia que procede autorizar, superando as correspondentes ós módulos poboacionais previstos no devandito artigo.

b) Cando a declaración como especial da zona farmacéutica obedeza á súa poboación de feito, flotante ou estable, o cómputo desta realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

-O 40 por cento do número das prazas turísticas hoteleiras e de acampada de toda a zona farmacéutica, acreditadas mediante certificación emitida polo órgano correspondente da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-O 30 por cento das vivendas construídas que non teñan a consideración de vivenda habitual, computando catro habitantes por vivenda, xustificadas mediante certificacións emitidas polo concello correspondente á zona farmacéutica de que se trate.

5. Entrementes non se declare unha zona farmacéutica como especial, poderá establecerse unha botica anexa, de acordo co disposto no artigo 26 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia.

Artigo 6º.-Circunstancias provocadas polo cerramento.

1. Consonte o disposto no artigo 22 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, en ningún momento poderá unha zona farmacéutica quedar desatendida como consecuencia do cerramento definitivo ou temporal dunha oficina de farmacia, correspondéndolle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, en todo caso, garanti-la atención farmacéutica á poboación.

2. Nestes supostos, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá autorizar con carácter de urxencia a instalación temporal dunha botica anexa co fin de garanti-la atención farmacéutica na zona de que se trate, de acordo co previsto no artigo 26 da Lei de ordención farmacéutica.

Capítulo III

Medida das distancias

Artigo 7º.-Distancias mínimas.

1. O establecemento dunha oficina de farmacia, sexa por razón de nova apertura ou de traslado, deberá gardar unha distancia non inferior a douscentos cincuenta metros con respecto á oficina de farmacia máis próxima da mesma ou de distinta zona farmacéutica.

2. Así mesmo, non poderá instalarse a unha distancia inferior a douscentos cincuenta metros dun centro, servicio ou establecemento sanitario público. A mesma distancia esixirase ata os soares ou locais nos que estea autorizada a construcción dun centro desta natureza.

No caso de existir, as ditas autorizacións de construcción serán acreditadas por certificación do órgano competente.

Artigo 8º.-Ruta para a medida de distancias.

A medida de distancias entre oficinas de farmacia ou entre estas e os centros, servicios ou establecementos sanitarios levarase a cabo polo camiño vial máis curto, seguíndose unha liña ideal de acordo co disposto nos puntos seguintes:

1. A ruta para a medida de distancias deberá transcorrer polas vías públicas usuais, excluíndo as de emerxencia ou artificiosas.

2. As circunstancias que hai que considerar para practica-la medida de distancias serán as existentes no momento no que se produza a solicitude de apertura da nova oficina de farmacia ou a de traslado.

3. Para os efectos da medida de distancias, enténdese por vía pública as rúas, calzadas, prazas e camiños de dominio público e, na falta destes, os terreos de uso público polos que transiten os peóns. A medida de distancias non poderá levarse a cabo por terreos que sexan privados, no momento da solicitude de apertura ou de traslado.

4. Na medida de distancias tomaranse en consideración os pasos elevados ou subterráneos e as escaleiras que se atopen na ruta que se leve a cabo.

5. Na medición de distancias non se terán en conta aqueles obstáculos como varandas, valados ou sebes que impidan o paso de peóns pola vía de que se trate, levándose á práctica a medida de distancias, se fose preciso, sobre plano ou a través do uso de medios técnicos adecuados, cando non poida realizarse directamente sobre o terreo.

6. En todo caso, as distancias existentes deberán acreditarse polo informe dun técnico competente, visado polo seu colexio profesional.

7. Por acceso enténdese a entrada desde a vía pública ó local no que se pretende establece-la oficina de farmacia que se quere instalar ou trasladar, ou ó daquela xa en funcionamento ou ó local no que estea situado o centro, servicio ou establecemento sanitario público.

8. Por chafrán enténdese o plano situado na esquina de dúas vías públicas, que constitúe unha fronte oblicua respecto á dirección de ámbalas dúas.

Artigo 9º.-Puntos iniciais e finais da medida de distancias.

1. O punto de partida da medida de distancias será o centro da fachada do local da oficina de farmacia xa instalada, non tendo en conta os accesos a esta.

2. A medida de distancias remata no centro da fachada do local proposto para a oficina de farmacia que se pretende instalar ou trasladar.

3. Con respecto ós centros, servicios ou establecementos sanitarios públicos, a medida de distancias realizarase desde o centro do acceso desde a vía pública ó centro, servicio ou establecemento e, de existir máis dun acceso, desde o que ofreza unha ruta máis curta ata o local no que se quere instala-la nova oficina de farmacia ou aquela que se traslade.

Artigo 10º.-Práctica da medida de distancias.

1. A partir do punto inicial, seguirase por unha liña perpendicular ó eixe da vía pública, á que dea fronte o centro da fachada do local da oficina de farmacia xa establecida. Continuarase por este eixe, calquera que sexan as características da vía pública, ata que se encontre o eixe da seguinte vía ou vías públicas. Prolongarase polo antedito eixe, ata o punto no que coincida coa intersección da liña perpendicular que se poida trazar, desde o punto final de medida ata o eixe da vía pública pola que se viña realizando esta. Continuarase pola dita liña perpendicular ata o punto final.

2. Ó practica-la medida das distancias existentes entre os centros das fachadas e os eixes das vías públicas ás que dean fronte os dous locais respecto dos que se practica aquela, só se terá en conta a liña perpendicular da distancia máis curta das dúas que se poidan trazar.

3. Se a ruta pola que se leva a cabo a medición tivese chafráns, a liña de medición non debe separarse da fachada do chafrán unha distancia maior da existente entre o eixe da vía pública de menor largura, das que conflúan no chafrán e a esquina deste.

4. Nos casos nos que os peóns poidan ir dun a outro local entre os que se leva a cabo a medida de distancias, sen necesidade de cruzar ningunha das vías públicas ás que dean fronte os centros das súas fachadas, a dita medida realizarase sen ter en conta a liña perpendicular que se poida trazar desde o centro das fachadas ata o eixe da vía pública á que dean fronte.

5. Cando se atopen pasos elevados ou subterráneos, a medida de distancias practicarase polo eixe destes. As escaleiras deben ser medidas tendo en conta a súa pendente.

Artigo 11º.-Medición por prazas e espacios abertos.

1. Cando a ruta para a medida de distancias transcorra por unha praza ou espacio aberto, a medida levarase a cabo polo camiño máis curto que se utilice polos peóns.

2. A medida de distancias realizarase polo eixe da beirarrúa e o dos pasos sinalados conforme as ordenanzas municipais para a circulación dos peóns ou, cando non existan, polo camiño máis curto que o peón poida seguir por terreo de dominio ou uso público autorizado.

3. Os quinteiros abertos ou conformados por edificacións illadas teñen a consideración de espacio aberto para os efectos desta norma.

TÍTULO II

Procedemento de autorización e adxudicación

de novas oficinas de farmacia

Capítulo I

Disposicións xerais do procedemento

Artigo 12º.-Publicidade e transparencia.

O procedemento de autorización de novas oficinas de farmacia tramitarase por concurso público, con

forme os principios de publicidade e transparencia e mediante criterios obxectivos de selección que garantirán a concorrencia competitiva.

Artigo 13º.-Criterios de selección.

Para os efectos deste decreto, enténdese por criterios de selección aqueles que, sen seren requisitos legalmente esixibles para ser propietario ou titular dunha oficina de farmacia aberta ó público, se establecen co único fin de escoller obxectivamente as solicitudes que se presenten ós procedementos de autorización de novas oficinas de farmacia.

Os concursos públicos que se convoquen resolveranse segundo o baremo que se xunta a este decreto como anexo.

Artigo 14º.-Incompatibilidades e efectos.

1. A adxudicación, por resolución firme na vía administrativa, a un farmacéutico titular dunha oficina de farmacia doutra de nova apertura determinará automaticamente a perda da autorización da primeira, aínda no caso de renuncia á nova oficina adxudicada. De tratarse de oficinas de farmacia situadas no territorio doutra Comunidade Autónoma, o seu titular deberá acredita-la súa renuncia condicionada á obtención da nova autorización.

2. Non obstante, no caso de que contra a resolución da adxudicación se recorrese en vía xurisdiccional, a oficina de farmacia perdida non entrará en concurso ata que recaia sentencia firme. Se a dita sentencia anulase a adxudicación efectuada en vía administrativa, a antiga oficina de farmacia adxudicaráselle directamente ó que fose o seu titular.

3. Nos casos de cotitularidade dunha oficina de farmacia, a adxudicación por resolución firme na vía administrativa doutra de nova apertura implicará, automaticamente, a perda da cota de participación na anterior autorización do cotitular adxudicatario, a que reverterá en favor do resto de cotitulares na mesma proporción que viñeran posuíndo, debendo os interesados solicitar da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que tal circunstancia sexa declarada pola Administración. Será de aplicación da mesma maneira nestes casos o establecido no punto 2 anterior.

Se a farmacia estivese noutra Comunidade Autónoma esixiráselle ó adxudicatario a acreditación da renuncia na cota de participación a favor dos demais copropietarios.

Capítulo II

Procedemento de autorización e adxudicación

Sección primeira

Primeira fase. iniciación do procedemento e autorización de apertura

Artigo 15º.-Iniciación do procedemento.

1. O procedemento administrativo de autorización de apertura e funcionamento de oficinas de farmacia poderá iniciarse:

a) Por instancia dun ou máis farmacéuticos interesados.

b) Por petición dos concellos.

c) Por petición dos colexios oficiais de farmacéuticos.

d) De oficio pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. As solicitudes deberán dirixirse á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 16º.-Solicitude de inicio por farmacéutico, colexio profesional ou concello. Documentación que hai que achegar.

1. Cando o procedemento se inicie por petición dun ou máis farmacéuticos, a solicitude do interesado ou interesados, formulada por escrito, terá que indica-la zona farmacéutica ou entidade colectiva de poboación na que se pretende instala-la nova oficina de farmacia, e irá xunto cos seguintes documentos:

a) Título de licenciado en farmacia.

b) Certificado do número de habitantes da zona farmacéutica ou entidade colectiva de poboación de que se trate, segundo conste no padrón municipal vixente no momento de presenta-la solicitude.

c) Certificado do número de habitantes por parroquias ou núcleos de poboación existentes en cada zona farmacéutica, segundo a última revisión do padrón municipal de habitantes.

d) Acreditación do pagamento da taxa correspondente á solicitude de participación no concurso público de autorización de novas oficinas de farmacia.

2. Cando o procedemento se inicie por petición dos órganos de goberno dun concello ou dalgún dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, a solicitude, formulada por escrito, deberá ir xunto cos documentos seguintes:

a) Certificación do acordo do Pleno do Concello ou, de se-lo caso, dos órganos de goberno do colexio decidindo a presentación da solicitude.

b) Certificado do número de habitantes da zona farmacéutica ou entidade colectiva de poboación de que se trata, segundo conste no padrón municipal vixente no momento da presentación da solicitude.

c) Certificado do número de habitantes por parroquias ou núcleos de poboación existentes en cada zona farmacéutica.

d) Acreditación do pagamento das taxas correspondentes, salvo exención establecida pola normativa vixente.

3. Se faltase algún dos documentos ou datos esixidos, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoo de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da petición, procedéndose ó arquivo do expediente de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 22 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Inicio de oficio pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá iniciar de oficio o procedemento para a autorización de novas oficinas de farmacia de acordo cos criterios de planificación previstos neste decreto e seguindo o establecido nos seus artigos 18 e seguintes.

Artigo 18º.-Acumulación.

Poderanse acumular, en calquera momento desta fase, tanto as solicitudes de nova apertura existentes para unha mesma zona farmacéutica como as existentes para distintas zonas farmacéuticas, dando lugar á tramitación conxunta nun único procedemento.

Artigo 19º.-Publicidade.

As zonas farmacéuticas ou entidades colectivas de poboación para as que se solicita ou se inicie de oficio o expediente de autorización dunha nova oficina de farmacia faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e nos das súas delegacións provinciais.

Artigo 20º.-Vista e alegacións.

O expediente deberá poñerse de manifesto ós farmacéuticos titulares dunha oficina de farmacia existente na mesma zona farmacéutica, ó correspondente colexio oficial de farmacéuticos e ó concello no que se situaría a oficina de farmacia, no caso de ser autorizada, para que nun prazo de quince días aleguen e presenten os documentos que coiden convenientes.

Artigo 21º.-Resolución de autorización.

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, avaliadas as circunstancias da zona farmacéutica ou da entidade colectiva de poboación proposta e consideradas as alegacións e documentación presentadas, resolverá autorizando ou denegando a oficina de farmacia no prazo máximo de seis meses. A resolución adoptada publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. Transcorrido o prazo sinalado no punto anterior sen que recaia resolución expresa, a solicitude ou solicitudes de autorización da nova oficina de farmacia entenderanse desestimadas.

Sección segunda

Segunda fase. Adxudicación de novas oficinas de farmacia

Artigo 22º.-Acordo de inicio do procedemento de adxudicación e convocatoria de concurso público.

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais acordará por resolución o inicio da fase de adxudicación das oficinas de farmacia autorizadas e a convocatoria do correspondente concurso público. Esta fase de adxudicación terá una duración máxima de seis meses.

2. O dito acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e incluirá, alomenos, os seguintes datos:

a) Zona farmacéutica ou entidade colectiva de poboación na que se autoriza a apertura de nova oficina de farmacia, con indicación da delimitación territorial concreta para a súa localización.

b) Número total de oficinas de farmacia abertas ó público así como o número das autorizadas para a súa instalación na antedita zona farmacéutica ou entidade colectiva de poboación.

c) Baremo ó que se refire o artigo 13º deste decreto, recollido no anexo deste, e aprobado de conformidade co establecido no artigo 19.4º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

d) Establecemento dun prazo dun mes para admitir solicitudes dos farmacéuticos interesados.

3. As solicitudes deberán realizarse con carácter individual.

4. En ningún caso poden solicita-la adxudicación dunha oficina de farmacia os farmacéuticos que cumprisen sesenta e cinco anos na data da convocatoria do concurso público de adxudicación, nin os titulares dunha oficina de farmacia instalada na mesma zona farmacéutica na que se pretenda abri-la nova. Así mesmo, non poderán presenta-la súa solicitude aqueles que estean inhabilitados ou incapacitados para o exercicio da profesión por sentencia xudicial firme penal ou civil.

5. As solicitudes, con indicación da orde da oficina ou oficinas de farmacia ás que se concursa, deberán ir xunto cos seguintes documentos:

a) Título de licenciado en farmacia.

b) Certificado de colexiación no correspondente colexio oficial de farmacéuticos ou compromiso formal de colexiarse unha vez obtida a adxudicación.

c) Declaración do solicitante pola que manifeste se é ou non titular dunha oficina de farmacia e especificando, de se-lo caso, a delimitación territorial concreta dela.

d) Copia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante.

e) Documentación acreditativa dos méritos alegados.

f) Acreditación do pagamento das taxas correspondentes.

6. As solicitudes, dirixidas á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, poderán presentarse no rexistro central da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nas súas delegacións provinciais e nos demais órganos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Por acordo da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta da comisión de valoración, regulada no artigo 23 deste decreto, determinarase a lista provisional das solicitudes admitidas.

Procederase á notificación individual ós solicitantes, motivándose, no caso dos non admitidos a razón da súa exclusión.

O devandito acordo, con inclusión da lista, será publicado no Diario Oficial de Galicia con indicación de que esta estará exposta no taboleiro de anuncios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e nos das súas delegacións provinciais, comunicándoselles así mesmo ós colexios oficiais de farmacéuticos.

Non obstante, cando o número de solicitudes dificulte a práctica da notificación individual, entenderase que a devandita publicación substitúe a notificación, consonte o previsto no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Os interesados disporán dun prazo de dez días desde a súa publicación para formula-las correspondentes reclamacións ou presentar, de se-lo caso, a documentación que se lles solicite. Resoltas as reclamacións, publicarase e anunciarase, na mesma forma establecida no punto 7 anterior, a lista definitiva dos admitidos.

Artigo 23º.-Valoración de méritos.

1. Por orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais procederase ó nomeamento dunha comisión de valoración, facéndose pública a súa composición no Diario Oficial de Galicia. Esta comisión será a encargada de valora-los méritos alegados polos concursantes seguindo os criterios contidos no baremo. Así mesmo, adoptará os acordos-proposta sobre a relación de admitidos, así como sobre as listas provisionais e definitivas de adxudicatarios, e elevaraos á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. A comisión de valoración estará formada por catro representantes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e Sergas, un dos cales actuará como presidente e un representante por proposta dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia ou do Consello Galego destes. Os membros desta comisión deberán ter, como mínimo, nivel de xefatura de servicio, e ser titulados superiores.

3. A comisión de valoración adoptará os seus acordos-proposta con suxeición ó baremo, resolvendo as discrepancias por maioría de votos, axustándose o seu funcionamento ó disposto nas normas xerais de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 24º.-Lista provisional de adxudicatarios.

1. Unha vez valorados os méritos, a comisión de valoración proporá á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a lista provisional con tódolos concursantes e coas puntuacións obtidas por cada un deles.

2. Por resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais aprobarase a lista provisional de adxudicatarios de novas ofi

cinas de farmacia, a cal se publicará no Diario Oficial de Galicia e nos taboleiros de anuncios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e nos das súas delegacións provinciais, co fin de que os interesados poidan formular reclamacións no prazo de quince días contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25º.-Resolución do concurso público. Adxudicación.

1. Analizadas pola comisión de valoración as reclamacións que se é o caso se formulasen, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dictará, por proposta da comisión de valoración, resolución pola que se aproba a lista dos concursantes coas respectivas puntuacións definitivas, indicando a solicitude de adxudicación da oficina de farmacia que queda autorizada. A devandita resolución seralle notificada ó adxudicatario ou adxudicatarios, de se-lo caso, e publicada no Diario Oficial de Galicia.

Contra a devandita resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Ó solicitante que figure coa maior puntuación na dita lista definitiva, seguindo as preferencias indicadas nas solicitudes, adxudicaráselle a autorización para a instalación da nova oficina de farmacia.

Artigo 26º.-Duración máxima.

O procedemento durará un máximo de seis meses, transcorrido o cal sen que recaia resolución expresa, a solicitude ou solicitudes de adxudicación da nova oficina de farmacia entenderanse desestimadas.

Artigo 27º.-Lista de reserva.

1. Os farmacéuticos solicitantes admitidos que non obtivesen oficina de farmacia pasarán a formar parte dunha lista de reserva na que figurarán pola súa orde de puntuación.

2. A renuncia ou perda da adxudicación con anterioridade á apertura da nova oficina de farmacia implicará a adxudicación da oficina de farmacia de que se trate a quen figure nese momento no lugar máis alto da lista de reserva, sempre que a solicitase para esa zona farmacéutica.

Artigo 28º.-Instalación de boticas anexas.

No caso de que a adxudicación recaese nun farmacéutico titular da única oficina de farmacia existente na zona farmacéutica, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá autorizar con carácter de urxencia a instalación temporal dunha botica anexa co fin de garanti-la atención farmacéutica na zona de que se trate; non se iniciará o cómputo do prazo para a designación do local polo farmacéutico adxudicatario mentres non se produza a efectiva apertura da botica anexa ou do depósito de medicamentos e productos sanitarios.

Artigo 29º.-Designación de local.

Resolto o concurso, e firme en vía administrativa, requirirase a cada un dos farmacéuticos ós que se

lles adxudicase, por resolución firme na vía administrativa, a autorización para unha nova oficina de farmacia para que no prazo de tres meses designe o local no que proxecta instala-la oficina de farmacia, debendo remitir á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente a seguinte documentación:

a) Deseño que mostre a localización do local.

b) Certificación redactada por técnico competente e visada polo seu correspondente colexio profesional relativa ó local no que se pretende instala-la oficina de farmacia, adecuada ó disposto no artigo 16 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e normativa de desenvolvemento e na que se especifique o estado no que se atope a construcción do local designado, superficie útil dispoñible, distribución, plantas que ocupa e características para o seu acceso desde a vía pública, que terán en consideración a normativa sobre accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas que lle sexan de aplicación. Así mesmo, especificará a situación e as distancias en relación coas oficinas de farmacia máis próximas e os centros, servicios ou establecementos sanitarios públicos.

c) Plano a escala 1:2000 do local proposto en relación coa edificación da que forma parte, realizado por un técnico competente.

Artigo 30º.-Extinción, caducidade e prórroga.

1. Extinguirase o dereito á adxudicación se o farmacéutico adxudicatario renunciase expresamente. Se non designase o local ou non achegase a documentación sinalada no prazo indicado de tres meses, caducará o seu dereito á adxudicación, trala advertencia e o emprazamento ó interesado nun prazo de quince días.

2. No caso de que o farmacéutico adxudicatario designase un local que, por causa non imputable a el incumpra algún dos requisitos esixidos, concederáselle unha única prórroga de trinta días, contado desde a data na que se lle comunique a dita circunstancia, para que proceda a designar un novo local. Se non o fixese perderá a adxudicación.

Capítulo III

Apertura e funcionamento

Artigo 31º.-Autorización de apertura e funcionamento.

1. Examinada a documentación presentada, comprobado o cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa legal vixente, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais concederalle ó titular da autorización un prazo de seis meses para executa-las obras ou adaptacións que requira a instalación da oficina de farmacia.

Este prazo poderá prorrogarse por un período de tres meses no caso de que, por causa non imputable ó farmacéutico adxudicatario, non poida este executa-las obras ou adaptacións que requira a instalación de oficinas de farmacia no prazo de seis meses previsto.

2. Unha vez realizadas, o titular porá tal circunstancia, xunto coa xustificación documental da dispoñibilidade xurídica do local, en coñecemento da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a que ordenará que se efectúe unha visita de inspección para comproba-la adecuación das instalacións ás previsións legais e regulamentarias e ás contidas na documentación achegada.

3. Á vista do actuado, estenderase a correspondente acta de inspección que, de ser favorable dará lugar, unha vez incorporada ó expediente, á autorización de funcionamento da nova oficina de farmacia expedida pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente.

4. Transcorrido o prazo de seis meses ou o da prórroga que, de se-lo caso, se concederá de mediar xusta causa, sen realizarse a instalación da oficina de farmacia, revogarase a autorización concedida con perda do dereito a esta, producíndose os efectos previstos no artigo 27.2º deste decreto.

Artigo 32º.-Caducidade.

As autorizacións de apertura de oficina de farmacia, outorgadas a partir da entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, caducarán ó cumprir setenta anos de idade o farmacéutico no nome do cal se estenda a autorización e a acta de apertura da oficina de farmacia, ou en caso de que faleza.

TÍTULO III

Traslados das oficinas de farmacia

Artigo 33º.-Autorización.

O traslado dunha oficina de farmacia estará suxeito a autorización administrativa previa de acordo cos requisitos e condicións que se determinan neste decreto.

Artigo 34º.-Clases de traslados e as súas causas.

1. O traslado dunha oficina de farmacia pode ser forzoso ou voluntario. Éste, pola súa vez, pode ser definitivo ou provisional.

2. Son traslados forzosos, e teñen carácter definitivo, aqueles traslados nos que a prestación do servicio dunha oficina de farmacia non poida continuar no local no que está instalada e non exista posibilidade de retorno a el, ben polas condicións físicas da instalación ou ben porque o titular perda a dispoñibilidade xurídica do dito local.

3. Son traslados provisionais os que se produzan por obras, derrubamento ou demolición do edificio e que supoñan o cerramento temporal da oficina de farmacia no seu asentamento, autorizándose con carácter transitorio o seu funcionamento noutras instalacións, co compromiso e coa obriga do titular de que a oficina de farmacia retorne ó seu primitivo local no prazo determinado no artigo seguinte.

Incluirase nestes supostos a necesidade de efectua-las obras ou reformas que impidan desenvolver unha adecuada atención farmacéutica, sempre que exista a posibilidade e o compromiso do titular de

que a oficina de farmacia retorne ó seu primitivo local.

Transcorrido o prazo outorgado sen que a oficina de farmacia retorne ó seu lugar, procederase ó cerramento do local onde se instalase provisionalmente.

Os traslados forzosos provisionais comportarán o cerramento temporal forzoso da oficina de farmacia no seu asentamento de orixe.

3. Son traslados voluntarios e teñen carácter definitivo tódolos demais que se produzan por instancia do titular da oficina de farmacia.

O traslado voluntario comportará sempre o cesamento da actividade no seu primitivo local.

Artigo 35º.-Prazo.

O prazo máximo do traslado forzoso provisional será de tres anos. Este prazo poderá prorrogarse por causas xustificadas e non imputables á vontade do titular.

Artigo 36º.-Situación.

1. As oficinas de farmacia só poderán trasladarse dentro da zona farmacéutica na que estean instaladas.

2. Naquelas oficinas de farmacia para a instalación e apertura das cales fixase pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais unha delimitación territorial concreta, deberá respectarse para o seu traslado ó ámbito da súa delimitación territorial. Da mesma maneira, as oficinas de farmacia que no seu momento se autorizasen ó abeiro do artigo 3.1º b do Real decreto 909/1978, do 14 de abril, só poderán trasladarse dentro do mesmo núcleo de poboación para o que foron autorizadas.

Artigo 37º.-Distancias e local.

Nos traslados de oficinas de farmacia deberanse respecta-las distancias establecidas no artigo 18.6º e 18.9º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica. No caso de traslados forzosos provisionais con obriga de retorno, as distancias mínimas ás que se refire o artigo 18.9º da dita lei redúcense a cento vintecinco metros.

Así mesmo, o local ó que se traslade a oficina de farmacia deberá cumpri-los requisitos mínimos esixidos no artigo 16 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e normativa de desenvolvemento.

Artigo 38º.-Solicitude de traslado voluntario.

1. A solicitude de traslado voluntario debe facerse por escrito do titular da oficina de farmacia ou persoa que teña atribuída a representación legal ou voluntaria deste.

2. Na solicitude, dirixida á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, indicarase a modalidade de traslado que se solicita e o local ó que se pretende traslada-la oficina de farmacia e deberá ir xunto coa xustificación documental da dispoñibilidade xurídica do local e da documentación requirida no artigo 29º deste decreto, ademais

da acreditación do pagamento da taxa relativa ó traslado de oficinas de farmacia.

Artigo 39º.-Solicitude de traslado forzoso.

1. A solicitude de traslado forzoso provisional ou definitivo debe facerse por escrito do titular da oficina de farmacia ou persoa que teña atribuída a representación legal ou voluntaria deste.

2. Na solicitude, dirixida á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, indicarase a clase de traslado que se solicita, a súa causa e o local ó que se pretende traslada-la oficina de farmacia e deberá ir xunto cos mesmos documentos establecidos no punto 2 do artigo anterior e dos seguintes, se fose o caso:

a) Documentación acreditativa da causa que impide a continuación da actividade de atención farmacéutica no local onde se viña exercendo.

b) Compromiso de retorno ó primitivo local de asentamento, coa indicación do prazo para o que se solicita o traslado, cun máximo de tres anos para o caso de traslados forzosos provisionais.

Artigo 40º.-Emenda de faltas ou documentos.

Se a documentación achegada resultase incompleta, requirirase do solicitante que nun prazo de dez días proceda a emenda-las faltas ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición trala resolución dictada consonte o disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 41º.-Vista e alegacións.

O expediente de traslado débeselles comunicar ós farmacéuticos con oficina de farmacia na mesma zona farmacéutica e a aqueles de distinta zona farmacéutica que teñan a súa oficina de farmacia situada a menos de catrocentos metros do novo lugar que se solicite, co fin de que nun prazo de dez días poidan presenta-las alegacións e documentos que teñan por conveniente.

Artigo 42º.-Resolución.

1. Unha vez examinada a documentación achegada, as solicitudes de traslado serán resoltas pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente, no prazo máximo de tres meses.

2. Entenderase desestimada a solicitude de traslado, nos termos previstos no artigo 7.4º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, se transcorrido o prazo para resolver non se dictase a correspondente resolución.

3. A autorización de traslado quedará condicionada á obtención da autorización de funcionamento.

4. Cando nunha mesma zona farmacéutica se soliciten traslados de máis dunha oficina de farmacia, estes serán resoltos pola orde temporal das solicitudes.

Artigo 43º.-Procedemento de urxencia.

No suposto de traslado forzoso provisional e no caso de que resulten acreditadas circunstancias de urxencia por parte do solicitante, o prazo para resolve-la autorización será dun mes.

Artigo 44º.-Autorización de funcionamento.

1. Unha vez concedida a autorización de traslado concederáselle ó farmacéutico interesado un prazo de tres meses contado desde o día seguinte ó da notificación da autorización de traslado, para insta-la inspección previa á apertura e funcionamento da oficina de farmacia no novo local ó que se trasladase.

2. Á vista do actuado, estenderase a correspondente acta de inspección, que, tras comproba-lo cumprimento pola oficina de farmacia dos requisitos establecidos para o seu funcionamento, dará lugar, unha vez incorporada ó expediente, á autorización de funcionamento no novo local.

3. Se á vista da acta de inspección a oficina de farmacia non cumprise os requisitos para a súa apertura e funcionamento, darase un prazo dun mes para que se emenden as deficiencias advertíndose que, de non ser así, se denegará a autorización de funcionamento.

4. Transcorrido o prazo previsto no punto 1, sen que por causa imputable ó farmacéutico se solicitase a autorización de funcionamento, advertiráselle que, transcorridos outros tres meses sen efectuar tal solicitude, se entenderá incumprida a condición á que está sometida a autorización de traslado, quedando esta sen efecto.

5. A autorización de funcionamento da oficina de farmacia na nova localización implicará o cesamento da actividade no seu primitivo local con efectos desde o día seguinte ó da recepción da notificación.

6. A apertura ó público da oficina de farmacia no novo lugar efectuaraa o interesado dentro dos dez días seguintes ó da notificación da autorización de funcionamento. O día da apertura ó público deberá contar coa dotación suficiente de medios técnicos e materiais.

A data de apertura ó público deberalles ser comunicada polo interesado á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e ó correspondente colexio oficial de farmacéuticos con anterioridade á súa materialización.

Artigo 45º.-Retorno ó primitivo local.

1. Con anterioridade á finalización do prazo concedido para o traslado forzoso provisional, o farmacéutico deberá solicita-la autorización de retorno ó primitivo local ou o traslado definitivo.

2. Nas situacións de traslado forzoso provisional, o transcurso do prazo concedido para este sen que a oficina de farmacia retornase ó seu primitivo local implicará o cesamento definitivo da actividade na localización provisional, procedéndose ó cerramento do local onde estivese instalada provisionalmente. A oficina de farmacia permanecerá en situación de cerramento temporal forzoso ata a obtención da auto

rización de funcionamento correspondente ó retorno ó seu primitivo local.

3. A oficina de farmacia deberá instalarse no mesmo local onde estaba establecida con anterioridade ó traslado. De non ser posible o retorno ó mesmo local, a oficina de farmacia deberá instalarse nun local do mesmo bloque ou edificio reconstruído, e a súa localización non se afastará máis de vinte metros da súa localización primitiva. Así mesmo, terá o seu acceso pola mesma rúa do local primitivo.

Artigo 46º.-Solicitude de retorno ó primitivo local.

1. Á solicitude de autorización para o retorno ó primitivo local onde a oficina de farmacia estaba establecida xuntarase, para os traslados forzosos provisionais, a documentación establecida no artigo 38º deste decreto.

2. A autorización de retorno ó primitivo local será concedida pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, unha vez comprobado que reúne os requisitos necesarios.

3. A autorización de retorno ó primitivo local quedará condicionada á obtención da autorización de funcionamento.

4. Para a tramitación da autorización de funcionamento haberase que ater ó disposto no artigo 44º deste decreto, tendo en conta que o prazo para insta-la inspección de apertura será de tres meses.

5. Transcorrido o prazo concedido para o traslado forzoso provisional sen que o farmacéutico solicitase, por causa imputable a el, a autorización de retorno ó primitivo local ou de traslado definitivo, implicará o inicio de oficio do expediente de cerramento definitivo da oficina de farmacia.

6. Nos supostos de traslados provisionais, o solicitante poderá optar por presentar conxuntamente a documentación técnica correspondente ós locais provisional e primitivo reconstruído ou acondicionado. Neste caso, acumularanse ámbalas dúas solicitudes de traslado provisional e de retorno nun único expediente.

Artigo 47º.-Suspensión de traslados.

O inicio do procedemento de autorización dunha nova oficina de farmacia nunha zona farmacéutica implicará a inadmisión de tódalas solicitudes de traslado ata que os participantes no procedemento de autorización fixesen a definitiva designación de locais.

TÍTULO IV

Cerramento das oficinas de farmacia

Artigo 48º.-Tipos de cerramento.

1. O cerramento dunha oficina de farmacia poderá ser voluntario ou forzoso. O cerramento voluntario, pola súa vez, poderá ser definitivo ou temporal.

2. O cerramento definitivo terá carácter voluntario cando expresamente o soliciten os interesados segundo o disposto no artigo 49º. O cerramento definitivo será forzoso cando o procedemento sexa iniciado de oficio pola Consellería de Sanidade e Servicios

Sociais, de acordo coas causas previstas no artigo 50º.

3. En calquera caso o cerramento definitivo, sexa forzoso ou voluntario, implicará os efectos contidos no artigo 51º.

Artigo 49º.-Cerramento definitivo voluntario.

1. Nos casos de falecemento, se trata dunha oficina de farmacia obtida de acordo coa normativa anterior á entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, ou nos casos de xubilación, incapacidade permanente non parcial, incapacitación xudicial ou declaración xudicial de ausencia, o farmacéutico titular, os seus herdeiros ou quen teña a representación legal deste e que desexen cerrar definitivamente a oficina de farmacia, solicitaranlle por escrito, no prazo de vinte días desde o falecemento ou da declaración xudicial ou administrativa correspondente, á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a autorización para facelo. A solicitude deberá ir xunto co certificado de defunción do titular ou documentación acreditativa da circunstancia alegada.

2. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais concederá a autorización dentro dos quince días seguintes ó da presentación da solicitude, salvo cando entenda que o cerramento desa oficina de farmacia menoscaba a asistencia sanitaria da zona. Neste suposto, a consellería poderá atrasar por un prazo máximo de seis meses a autorización de cerramento da oficina de farmacia, indicándolles ós interesados a necesidade de permanecer coa oficina de farmacia aberta ó público e de nomear un farmacéutico rexente.

3. Ó día seguinte a aquel en que o farmacéutico titular, os herdeiros deste ou quen teña atribuída a representación legal deste reciban a notificación da autorización, poderá producirse o cerramento ó público da oficina de farmacia.

Artigo 50º.-Cerramento definitivo forzoso.

A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais iniciará de oficio o expediente de cerramento definitivo dunha oficina de farmacia e no prazo dun mes dictará resolución, especificando a causa e a data, nos seguintes casos:

1. Cando o farmacéutico titular dunha oficina de farmacia autorizada por concurso ó abeiro da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, teña cumpridos setenta anos de idade, ou faleza.

2. Se se produce a caducidade da autorización dunha oficina de farmacia obtida con anterioridade á entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, de acordo co seu artigo 25.2º, pola obtención da autorización firme de apertura dunha nova oficina de farmacia.

3. Se transcorridos vinte días desde a declaración de falecemento, de xubilación, incapacidade permanente non parcial, declaración xudicial de ausencia ou incapacitación xudicial non se producise a solicitude de cerramento ou o nomeamento de farmacéutico rexente.

4. Se transcorrido o prazo concedido para o retorno nos supostos de traslado forzoso provisional non se solicitase este, ou o traslado definitivo nos termos establecidos no artigo 45º deste decreto.

5. Se transcorre o prazo da rexencia concedido tralo falecemento ou xubilación do titular da oficina de farmacia sen que fose solicitado por parte dos herdeiros, ou do propio titular na xubilación, a transmisión ou o cerramento voluntario.

6. Se transcorre o prazo da rexencia concedido trala declaración de incapacidade permanente non parcial, declaración xudicial de ausencia ou incapacitación xudicial, salvo no suposto de que o farmacéutico titular estea en situación de retomar de novo as súas funcións e así o faga.

Artigo 51º.-Efectos do cerramento definitivo.

1. O cerramento definitivo da oficina de farmacia comportará a anulación de tódalas autorizacións administrativas de carácter sanitario vinculadas a esta.

2. O cerramento definitivo dunha oficina de farmacia non comportará a diminución do número de oficinas de farmacia establecido no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá proceder á autorización e convocatoria dun concurso público de méritos e capacidade para adxudica-la correspondente oficina de farmacia.

3. O cerramento será causa de suposto especial de planificación de acordo co establecido no artigo 6 deste decreto.

4. Calquera farmacéutico, concello ou colexio oficial de farmacéuticos interesados poderá insta-la Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para que autorize a oficina de farmacia á que se refire o punto 2 anterior.

Artigo 52º.-Cerramento temporal voluntario.

1. Son causas de cerramento temporal voluntario da oficina de farmacia:

a) As vacacións, que se axustarán ó establecido para esta materia no Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, ou ás normas que no seu momento se encontren vixentes.

b) As obras no local da oficina de farmacia, que só se autorizarán cando fose imposible atende-lo público durante a execución da obra e, ademais, quede debidamente garantida a atención farmacéutica da poboación afectada por alomenos outra oficina de farmacia da mesma zona farmacéutica. O cerramento autorizarase por un prazo de ata seis meses, prorrogables por razóns fundadas a xuízo da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sen que en ningún caso poida superar en total os dous anos.

2. A solicitude de cerramento temporal voluntario da oficina de farmacia por obras seguirá o seguinte procedemento:

a) Terá que ser formulada polo farmacéutico titular e ir dirixida á Secretaría Xeral da Consellería de

Sanidade e Servicios Sociais correspondente. A solicitude especificará a causa pola que se pide o cerramento e a súa duración, irá xunto con:

-Certificación redactada por técnico competente e visada polo seu correspondente colexio profesional, relativa ás obras do local onde se atope instalada a oficina de farmacia, adecuada ó disposto no artigo 16 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e normativa de desenvolvemento.

-Plano a escala 1: 2000 do local.

b) A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais abrirá expediente de cerramento temporal voluntario, con audiencia do correspondente colexio oficial de farmacéuticos, que nun prazo de dez días poderá alegar e presenta-los documentos que considere convenientes.

c) A solicitude de cerramento temporal voluntario será resolta pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais nun prazo máximo dun mes, que poderá rebaixarse a quince días cando o farmacéutico solicitante pida e acredite a urxencia do cerramento.

3. Non poderá autorizarse un prazo de cerramento superior a 6 meses, agás a autorización excepcional prevista no artigo 22.2º da Lei 5/1999, do 21 de maio de ordenación farmacéutica.

4. O disposto no punto anterior non será de aplicación ós cerramentos forzosos por sanción administrativa ou inhabilitación profesional ou penal ou de calquera outra índole que afecte o farmacéutico titular, que se cumprirán nos seus propios termos.

Artigo 53º.-Reapertura da oficina de farmacia.

1. Para a reapertura da oficina de farmacia en caso de cerramento por obras requirirase solicita-la correspondente autorización de funcionamento e axustarase ó disposto no artigo 44º puntos 2, 3 e 6 deste decreto, tendo en conta que a dita reapertura debe solicitarse antes de que remate o prazo outorgado para o cerramento. Xuntarase a certificación final de obra realizada polo técnico competente e visada polo correspondente colexio profesional.

2. No caso de que rematado o prazo de peche temporal autorizado o farmacéutico titular da oficina de farmacia non lles comunicase á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e ó colexio oficial de farmacéuticos a reapertura daquela ou, de se-lo caso, iniciado o procedemento de autorización de funcionamento, será incoado por aquela o correspondente expediente sancionador.

TÍTULO V

Transmisión de oficinas de farmacia

Artigo 54º.-Oficinas de farmacia transmisibles.

1. Serán transmisibles as oficinas de farmacia autorizadas con anterioridade á entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

2. As oficinas de farmacia adxudicadas por concurso público con posterioridade á entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, non poderán ser transmitidas.

3. Non poderán transmitirse aquelas oficinas de farmacia obtidas con anterioridade á entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica das que a transmisión estea limitada pola participación do seu titular nun procedemento de autorización de apertura doutra oficina de farmacia de acordo co disposto nos artigos 25.1º, 2º e 3º da mencionada lei, ou cando a transmisión estea limitada debido á inhabilitación profesional ou mercantil por sentencia xudicial firme civil ou penal ou por sanción administrativa de acordo co artigo 25.4º da mesma lei.

4. A transmisión só poderá levarse a cabo a favor doutro farmacéutico.

5. A cesión, traspaso ou venda do local onde estivese instalada unha oficina de farmacia para outros fins distintos non se rexerá polo establecido neste decreto.

Capítulo I

Transmisión inter vivos

Artigo 55º.-Cesión a título gratuíto ou a título oneroso.

1. O farmacéutico titular dunha oficina de farmacia transmisible, sexa en parte ou na totalidade, que se propoña transmitila a título gratuíto ou oneroso, debe solicitar con antelación mínima dun mes a autorización da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. A solicitude deberá ir xunto cos documentos seguintes:

a) Titularidade da oficina de farmacia ou da parte alícuota que se transmite.

b) Título de licenciado en farmacia do cesionario.

c) Aceptación do cesionario.

d) Condicións da transmisión.

e) Acreditación do pagamento da taxa correspondente á transmisión de oficinas de farmacia.

3. A solicitude farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e nos das súas delegacións provinciais, e notificaráselle ó colexio oficial de farmacéuticos da provincia correspondente.

4. Todo alleamento estará condicionado ó compromiso formal do comprador ou cesionario de manter aberta ó público a oficina de farmacia adquirida ou recibida.

5. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais outorgará a autorización de transmisión condicionada á obtención, por parte do adquirente, da correspondente autorización de funcionamento.

6. Unha vez concedida a autorización de transmisión, o farmacéutico adquirente disporá dun prazo de tres meses para solicita-la autorización de fun

cionamento, debendo achega-la seguinte documentación:

a) Acreditación da súa condición de adquirente da oficina de farmacia.

b) Título en virtude do cal utiliza o local onde está instalada a oficina de farmacia.

c) Título de licenciado en farmacia.

d) Declaración xurada de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade ás que se refire o artigo 51 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e normativa de desenvolvemento.

e) Compromiso de manter aberta ó público a oficina de farmacia adquirida ou recibida.

7. Transcorrido o prazo ó que se refire o punto anterior sen que, por causa imputable ó farmacéutico adquirente, solicitase a autorización de funcionamento, advertiráselle que transcorridos tres meses se entenderá incumprida a condición á que está sometida a autorización de transmisión, quedando sen efecto esta e permanecendo, para efectos administrativos, como titular e propietario da oficina de farmacia o farmacéutico transmitente, sen perxuízo das responsabilidades que en ámbito civil puidesen corresponder.

8. Considerarase concedida a autorización de funcionamento se transcorren tres meses desde a presentación da documentación requirida, sen que o órgano competente da Administración sanitaria dictase a correspondente resolución.

Artigo 56º.-Transmisión dunha porción indivisa.

A transmisión a título oneroso ou a título gratuíto dunha porción indivisa dunha oficina de farmacia rexerase polo mesmo procedemento que o previsto neste decreto para as oficinas de farmacia como unidade.

Artigo 57º.-Xubilación, incapacitación ou ausencia.

Nos casos de xubilación, incapacidade permanente non parcial, incapacitación xudicial ou declaración xudicial de ausencia, o titular da oficina de farmacia ou quen teña a representación legal del e facultades para isto poderá inicia-lo expediente de transmisión da oficina de farmacia de acordo co establecido neste decreto, sen prexuízo da solicitude e nomeamento de farmacéutico rexente cando fora necesario para exerce-las funcións e responsabilidades do titular, de acordo co disposto na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e neste decreto.

Capítulo II

Transmisión mortis causa

Artigo 58º.-Grao de parentesco.

1. En caso de falecemento do titular dunha oficina de farmacia autorizada con anterioridade á entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, a propiedade dela na cota de titularidade que lle corresponda só poderá adxudicarse a favor do cónxuxe ou dalgún dos herdeiros en pri

meiro grao, sempre que sexan farmacéuticos e cumpran os requisitos esixidos.

2. Da mesma maneira, poderán continuar coa oficina de farmacia o cónxuxe ou calquera dos herdeiros en primeiro grao que no momento do falecemento do titular estean cursando estudios de farmacia, sempre que os rematen no prazo de cinco anos.

Artigo 59º.-Requisitos.

1. Nos casos de falecemento do farmacéutico titular da oficina de farmacia, os herdeiros deberanlle comunicar á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nun prazo máximo de vinte días, a súa vontade de continuar coa oficina de farmacia aberta ó público ou de proceder ó seu cerramento definitivo e, se é o caso, deberá ir xunto coa correspondente proposta de designación de farmacéutico rexente.

Transcorrido o dito prazo sen que se fixese a referida comunicación, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais iniciará de oficio o expediente de cerramento da oficina de farmacia.

2. No suposto de continuar coa oficina de farmacia aberta ó público, se ningún dos herdeiros dos recollidos no artigo anterior é farmacéutico, nin está cursando os estudios da licenciatura de farmacia ó tempo do falecemento do farmacéutico titular, durante o prazo durante o que dure a rexencia poderán inicia-lo expediente de transmisión da oficina de farmacia ou da parte indivisa da que fose titular o causante. Esta transmisión rexerase polo establecido para a transmisión inter vivos neste decreto.

Se finalizado o prazo da rexencia, que non poderá ser superior a doce meses, non se formalizase a transmisión, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais iniciará de oficio o expediente de cerramento da oficina de farmacia.

3. No suposto de que un ou varios dos herdeiros dos recollidos no artigo anterior fosen farmacéuticos ó tempo do falecemento do farmacéutico titular, poderán continuar con ela e deberán, dentro do prazo autorizado de rexencia, solicita-la autorización de transmisión a favor daquel ou daqueles que designen, sempre que tivesen realizada a comunicación a que se refire o punto 1 anterior.

A autorización de transmisión mortis causa concedida quedará condicionada á obtención da correspondente autorización de funcionamento.

A solicitude de autorización de funcionamento deberá formularse no prazo de dous meses, contados desde a notificación da autorización de transmisión mortis causa, e irá xunto coa seguinte documentación:

a) Título en virtude do cal se utiliza o local onde está instalada a oficina de farmacia.

b) Declaración xurada de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade ás que se refire o artigo 51 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e normativa de desenvolvemento.

c) Acreditación do pagamento da taxa correspondente á transmisión de oficinas de farmacia.

Artigo 60º.-Herdeiros.

1. Se no momento do falecemento do farmacéutico titular dunha oficina de farmacia algún dos herdeiros dos recollidos no artigo 58º estivese cursando estudios de farmacia e manifestase a súa vontade de exerce-la profesión na oficina de farmacia do causante unha vez finalizados os ditos estudios, poderá autorizarse a continuidade da actividade da dita oficina de farmacia.

2. A continuidade de funcionamento da oficina de farmacia autorizarase logo de solicitude de tódolos herdeiros do farmacéutico falecido en favor dun ou varios beneficiarios, por un período de cinco anos contados desde o falecemento do devandito farmacéutico.

3. Durante o dito prazo, a oficina de farmacia deberá contar necesariamente coa actuación profesional dun farmacéutico rexente.

O prazo para solicita-la autorización de continuidade será de vinte días contados desde o falecemento do causante e deberá ir xunto coa proposta de designación do farmacéutico rexente.

Artigo 61º.-Finalización dos estudios da licenciatura de farmacia.

1. Á finalización dos estudios da licenciatura de farmacia, no prazo de dous meses, o beneficiario ou beneficiarios da autorización de continuidade deberán solicita-la autorización de funcionamento, debendo acchegarlle a seguinte documentación:

a) Título en virtude do cal se dispón do local no que se atopa instalada a oficina de farmacia.

b) Título de licenciado en farmacia.

c) Declaración xurada de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade ás que se refire o artigo 51 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e normativa de desenvolvemento.

2. En caso de que a finalización dos estudios de farmacia teña lugar nun prazo inferior a seis meses contados desde o falecemento, para a obtención da titularidade da oficina de farmacia seguirán dispoñendo dun prazo de seis meses.

Artigo 62º.-Prazo de transmisión ou cerramento.

1. Se non se cumprisen os prazos ou outras condicións establecidas na autorización de continuidade concedida, os herdeiros disporán dun prazo de tres meses para a súa transmisión ou cerramento. Este prazo computarase a partir do día seguinte ó da data de caducidade da autorización de continuidade concedida.

2. No caso de optar pola transmisión, esta realizarase de acordo co establecido para a transmisión inter vivos neste decreto, tendo en conta que durante o procedemento de transmisión se deberá nomear un farmacéutico rexente e que non poderá durar esta rexencia máis de doce meses, período no que deberá

terse formalizada a transmisión da oficina de farmacia; en caso contrario procederase ó inicio de oficio do expediente de cerramento da oficina de farmacia.

Disposicións adicionais

Primeira.-As competencias de tramitación que veñan atribuídas ós órganos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais neste decreto, poderán ser obxecto de delegación nos colexios oficiais de farmacéuticos, que deberán suxeitarse ó procedemento establecido neste decreto.

Segunda.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais publicará a relación de zonas farmacéuticas urbanas, semiurbanas e rurais que integrarán o mapa farmacéutico de Galicia, incluíndo en cada unha delas a súa clasificación, o número de habitantes, o número de oficinas de farmacia instaladas e os centros sanitarios públicos.

Terceira.

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais tramitar e resolve-los procedementos e outorga-las autorizacións nos supostos de apertura de novas oficinas de farmacia.

2. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais resolve-los procedementos nos supostos de cesión, traspaso ou venda das oficinas de farmacia xa establecidas, así como traslado, modificación ou peche destas.

3. Contra as resolucións da devandita secretaría xeral poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais de acordo cos prazos e requisitos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Correspóndelles ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no seu respectivo ámbito territorial, tramitar e formular propostas de resolución dos expedientes de autorización de apertura de novas oficinas de farmacia.

5. Iniciados ante as delegacións provinciais os expedientes de autorización a que se refire o punto anterior, e unha vez tramitados, seranlle remitidos por estas, xunto coa oportuna proposta, á secretaría xeral da consellería para a súa resolución.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os procedementos que versen sobre as materias reguladas neste decreto, agás os referentes á autorización e adxudicación de novas oficinas de farmacia, e que se atopen en tramitación á entrada en vigor deste, continuarán rexéndose pola normativa que resultase de aplicación no momento do seu inicio.

Segunda.-Os procedementos de autorización de novas oficinas de farmacia iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto e nos que

non se iniciase a fase de adxudicación prevista na sección 2ª do capítulo II do título II, continuarán a súa tramitación unha vez chegados á dita fase polo disposto neste decreto.

Terceira.-As autorizacións de apertura de oficinas de farmacia como consecuencia da execución de sentencias firmes dictadas en aplicación da normativa anterior á Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, que afecten a unha zona farmacéutica na que se convocase concurso público de adxudicación de novas oficinas de farmacia ó abeiro deste decreto, non afectarán ás adxudicacións de apertura destas últimas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 288/1996, do 12 de xullo, sobre competencia e procedemento para a autorización de apertura de oficinas de farmacia, así como o Decreto 28/1997, do 15 de febreiro, sobre módulos poboacionais e ampliación de prazos para a autorización de apertura de oficinas de farmacia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango que opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo do disposto nas súas disposicións transitorias.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Baremo para a adxudicación de novas

oficinas de farmacia

A) Normas de aplicación.

Artigo 1º.-A autorización de novas oficinas de farmacia levarase a cabo segundo a valoración de méritos, capacidade e circunstancias recollidas nos seguintes artigos e nos criterios de valoración establecidos na letra B).

Artigo 2º.-Para seren puntuados, os méritos, capacidade e circunstancias establecidas deberán acreditarse mediante as correspondentes certificacións oficiais da Administración ou responsable correspondente.

O exercicio como farmacéutico rexente, substituto ou adxunto deberá acreditarse mediante a correspondente cotización expedida pola Seguridade Social, xunto coa certificación da toma de posesión expedida pola Delegación Provincial da Consellería

de Sanidade e Servicios Sociais correspondente. Excepcionalmente, cando o interesado achegue certificado acreditativo da dita delegación provincial da non constancia de toma de posesión, a certificación de cotización á Seguridade Social poderá ir xunto con calquera outro documento que acredite de forma que dea fe o dito exercicio profesional.

A data que se terá en conta para a acreditación dos méritos, capacidade e circunstancias establecidas será o día da convocatoria do concurso.

Artigo 3º.-Cando se trate de acreditar exercicios profesionais compatibles entre si, só se computará aquel de puntuación máis alta entre os que se desenvolvesen simultaneamente no tempo, coa excepción do exercicio como titor de prácticas tuteladas.

Artigo 4º.-Para a puntuación dos méritos académicos seguiranse os seguintes criterios:

Para os expedientes resultantes de plans de estudios non renovados (plan de 1973 e anteriores), a suma das puntuacións dividirase polo número total de materias dos estudios, expresando o cociente cos dous números decimais obtidos, non se valorarán as materias relativas ó idioma, relixión, formación política e educación física.

Para os expedientes resultantes de plans de estudios renovados, a suma que resulte da multiplicación dos créditos das materias pola cualificación de cada materia dividirase polo número total de créditos necesarios para obte-la titulación.

As materias optativas e, se é o caso, as de libre configuración, cursadas a maiores das esixidas polos plans de estudios, non se terán en conta para a valoración dos expedientes.

Artigo 5º.-Para valora-la experiencia profesional computaranse meses completos, aínda que os períodos traballados fosen descontinuos. Poderanse acumular períodos descontinuos.

A valoración da experiencia profesional daqueles farmacéuticos que sendo titulares ou cotitulares de oficina de farmacia, realizasen transmisión o cesión inter vivos por calquera título nos últimos cinco anos anteriores ó momento no que presentasen a súa solicitude de autorización de apertura dunha nova oficina de farmacia, será a resultante de dividir por dous a puntuación acadada no punto 2.2.1 dos criterios de valoración.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, entenderase como cesión a reversión da cota de participación contida no artigo 14º.3 deste decreto.

Artigo 6º.-Para valora-la experiencia docente computaranse cursos académicos completos e/ou créditos impartidos.

Artigo 7º.-No caso de que se producise un empate ó aplica-lo baremo, as autorizacións concederanse de acordo coa seguinte orde de prioridade:

1. Farmacéuticos que non sexan titulares de oficina de farmacia.

2. Farmacéuticos que acaden a maior puntuación en cada epígrafe dos que consta o baremo seguindo a orde establecida nel.

3. Farmacéuticos que acrediten máis tempo como titulares, rexentes, substitutos ou adxuntos en oficina de farmacia de zonas farmacéuticas rurais.

Artigo 8º.-As solicitudes presentadas por aqueles farmacéuticos que acrediten o cumprimento do establecido na disposición transitoria sexta da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, serán valoradas prioritaria e preferentemente sobre as demais solicitudes.

Se entre as solicitudes da nova oficina de farmacia houbese un único farmacéutico solicitante que cumprise os requisitos e circunstancias da dita disposición adicional sexta, outorgaráselle ó dito farmacéutico a adxudicación da autorización da devandita oficina de farmacia.

No caso de que exista máis dunha solicitude que cumpra co disposto na devandita disposición adicional sexta, a adxudicación da autorización da oficina de farmacia solicitada outorgaráselle ó farmacéutico que, despois de aplica-la valoración de méritos e circunstancias do anexo, resulte con maior puntuación entre os solicitantes que cumpran co establecido na devandita disposición adicional.

B) Criterios de valoración.

1. Méritos académicos.

A puntuación máxima posible para cada aspirante será de 12 puntos.

1.1. Estudios de licenciatura.

A valoración dos expedientes segundo as cualificacións obtidas en cada materia será a seguinte:

* Expedientes nos que figure cualificación cualitativa.

Notable: 2 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Matrícula de honor: 4 puntos.

* Expedientes nos que figure cualificación cuantitativa.

Entre 7 e menos de 9: 2 puntos.

Entre 9 e 10: 3 puntos.

* Grao de licenciado en farmacia: 0,5 puntos.

1.2. Estudios de posgrao.

* Cursos monográficos de doutoramento: 0,5 puntos.

* Diploma de estudios avanzados ou suficiencia investigadora: 0,5 puntos.

* Grao de doutor en farmacia: 2 puntos.

* Farmacéutico especialista en farmacia hospitalaria: 4 puntos.

* Farmacéutico especialista noutros ámbitos: 0,5 puntos.

2. Experiencia profesional.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos neste epígrafe será de 30 puntos.

2.1. Exercicio como farmacéutico titular, rexente, substituto ou adxunto de oficina de farmacia.

Por cada mes de servicios prestados 0,04 puntos. Máximo 5 puntos.

2.2. Exercicio como farmacéutico de atención primaria en institucións sanitarias do sistema nacional de saúde.

Por cada mes de servicios prestados 0,03 puntos. Máximo 5 puntos.

2.3. Exercicio como farmacéutico especialista en farmacia hospitalaria en institucións sanitarias de asistencia especializada tanto públicas como privadas.

Por cada mes de servicios prestados 0,02 puntos. Máximo 5 puntos.

2.4. Exercicio como director técnico farmacéutico, adxunto ou substituto de centros de distribución de medicamentos e productos sanitarios.

Por cada mes de servicios prestados 0,01 puntos. Máximo 5 puntos.

2.5. Exercicio como farmacéutico na Administración sanitaria.

Por cada mes de servicios prestados 0,005 puntos. Máximo 5 puntos.

2.6. Exercicio como farmacéutico noutras modalidades profesionais relacionadas cos medicamentos e productos sanitarios.

Por cada mes de servicios prestados 0,01 puntos. Máximo 5 puntos.

3. Formación continuada.

A puntuación máxima posible neste epígrafe será de 10 puntos.

3.1. Pola asistencia a cursos de formación e perfeccionamento en que a disciplina impartida teña relación directa coa atención farmacéutica, impartidos polas administracións sanitarias ou de ensino e/ou impartidos por colexios ou asociacións profesionais e científicas, durante os últimos 10 anos contados desde a data de publicación da convocatoria do concurso para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

Duración do curso (créditos)Puntos.

De 2 a 50,10

De 5 a 100,20

Máis de 100,30

4. Experiencia docente.

A puntuación máxima posible neste epígrafe será de 12 puntos.

4.1. Polo exercicio como farmacéutico docente en facultades, colexios universitarios e centros públicos de ensino, en materias relacionadas cos medicamentos ou productos sanitarios nos últimos 10 anos, contados desde a data de publicación da convocatoria

do concurso para a adxudicación de novas oficinas de farmacia:

* 0,5 puntos por curso anual ou 0,05 puntos por crédito impartido ata un máximo de 5 puntos.

4.2. Pola dirección de prácticas tuteladas:

* 0,2 puntos por alumno e convocatoria anual ata un máximo de 2 puntos.

* Cando no centro autorizado para a realización de prácticas tuteladas haxa máis dun farmacéutico, a puntuación resultante dividirase entre eles.

4.3. Polos servicios prestados como profesor ou relator nas materias relacionadas coa atención farmacéutica en cursos organizados polas administracións sanitarias ou de ensino, ou polos colexios ou asociacións profesionais e científicas nos últimos 10 anos, contados desde a data de publicación da convocatoria do concurso para a adxudicación de novas oficinas de farmacia:

* 0,05 puntos por cada crédito impartido ata un máximo de 5 puntos.

5. Publicacións e traballos científicos.

A puntuación máxima que se pode acadar neste epígrafe será de 10 puntos.

5.1. Polos traballos publicados en revistas científicas relacionadas directamente coa atención farmacéutica nos últimos 10 anos, contados desde a data de publicación da convocatoria do concurso para a adxudicación de novas oficinas de farmacia:

* 0,20 puntos por cada publicación.

5.2. Polos traballos de comunicacións a reunións científicas relacionadas directamente coa atención farmacéutica nos últimos 10 anos, contados desde a data de publicación da convocatoria do concurso para a adxudicación de novas oficinas de farmacia:

* 0,10 puntos por cada comunicación.

A valoración de cada un destes epígrafes será a que resulte de dividi-los puntos correspondentes por publicación ou comunicación, entre o número de autores que figuren en cada unha delas.

6. Coñecemento do idioma galego.

A puntuación máxima neste epígrafe será de 10 puntos.

6.1. Certificado de aptitude de iniciación: 4 puntos.

6.2. Certificado de aptitude de perfeccionamento: 6 puntos.

7. Minusvalidezes.

A minusvalidez non incapacitante para o exercicio profesional farmacéutico, acreditada a través do correspondente certificado expedido polos equipos de valoración e orientación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, valorarase do seguinte xeito:

7.1. Minusvalidez en porcentaxe non superior ó 65%: 2 puntos.

7.2. Minusvalidez en porcentaxe superior ó 65%: 4 puntos.

8. Fomento e creación de emprego.

A contratación de persoal para a oficina de farmacia durante un período mínimo de 2 anos, para desenvolve-las súas funcións durante o réxime de apertura sinalado con carácter de mínimo no Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, valorarase da seguinte maneira:

8.1. Farmacéutico adxunto (un como máximo): 0,5 puntos.

8.2. Técnico ou auxiliar de farmacia (un como máximo): 0,25 puntos.