Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2001 Páx. 2.281

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 14 de febreiro de 2001 pola que se inicia o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación de Recursos Naturais de Ancares-Courel.

A Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, ten como un dos seus principios inspiradores a utilización ordenada dos recursos, garantindo o aproveitamento sostido das especies e dos ecosistemas, a súa restauración e mellora.

Para conseguilo, as administracións públicas terán que planifica-la xestión dos recursos naturais. Os plans de ordenación constitúen un instrumento básico para unha planificación territorial progresiva, que teña en conta os distintos graos de intensidade de actividades humanas axeitadas para cada zona do territorio, así como os graos de protección en función da conservación dos recursos naturais e os seus ecosistemas, establecendo un modelo de harmonía entre usos humanos e conservación dos procesos ecolóxicos.

Ancares-Courel é un espacio designado como lugar de importancia comunitaria con base na Directiva de hábitats (92/43/CEE) e no Real decreto 1997/1995, que a transpón ó dereito español, polo que se deben establece-las medidas necesarias de conservación para evita-la deterioración dos seus hábitats naturais e as alteracións das especies, establecendo medidas preventivas para o efecto, para elimina-los riscos e ameazas de degradación.

Este espacio está considerado coma o límite occidental da Cordilleira Cantábrica, situado no cuadrante suroriental da provincia de Lugo e presenta hábitats típicos de media montaña con contrastes altitudinais comprendidos entre os 250 e 1850 m. Estructúrase en dous núcleos principais, Os Ancares ó norte e O Courel ó sur.

Nos Ancares destaca a presencia de importantes masas forestais de carballo (Quercur robur e Quercus petraea) e bidueiro (Betula alba) acompañados por abeleiras (Corylus avellana), cancereixo (Sorbus aucuparia), acivro (Ilex aquifolium), pradairo (Acer pseudoplatanus) e teixo (Taxus baccata). As zonas de mato están amplamente representadas e as uceiras e piornais son as formacións dominantes. A súa especial situación xeográfica, a súa orografía accidentada e as características da cuberta vexetal, fano axeitado para a existencia de especies dunha notable relevancia e ausentes no resto de Galicia como son o oso (Ursus arctos), en vías de extinción e a pita de monte (Tetrao urogallus), vulnerable.

No Courel, a situación de transición entre as rexións eurosiberiana e mediterránea e, en particular, a xeomorfoloxía da zona favorecen unha elevada biodiversidade tanto en especies como en comunidades. Na súa flora, en concreto, están representadas o 40% das especies presentes en Galicia. As especies arbóreas dominantes nos seus bosques son o cerquiño (Quercus pyrenaica), carballo (Quercus robur e Quercus petraea), acompañados polo bidueiro (Betula alba), o acivro (Ilex aquifolium), aciñeira (Quercus rotundifolia subsp. Ballota) e faia (Fagus sylvatica) en diferentes combinacións dependendo de aspectos como o substrato, a altitude, pen

dente, orientación, etc. O mato inclúe uces (Erica australis), piornais, xesteiras (Genista spp., Cytisus spp.) e carpaceiras (Cistus ladanifer). A rica fauna presente acolle algúns vertebrados destacados, coma o bufo real (Bubo bubo), lobo (Canis lupus) e gato bravo (Felis sylvestris). Algunhas das especies teñen o seu límite de distribución suroccidental nesta serra, coma o leirón (Glis glis), murgaño de auga de pata branca (Neomys fodiens) e charrela (Perdit perdix).

Tanto nos Ancares como no Courel están presentes outros tipos de hábitats naturais especialmente interesantes pola súa rareza, como son a vexetación hidrofítica de augas correntes, as herbeiras megaforbias, e os pasteiros e rochedos calcícolas, as turbeiras ácidas de esfagnos e os bosques esclerófilos mediterráneos.

Por todo isto, na proposta galega de espacios para integrar na Rede Natura 2000, incluíase Ancares-Courel. Por medio da Orde do 28 de outubro de 1999, foi declarada provisionalmente espacio natural en réxime de protección xeral, prorrogándose esta figura de protección pola Orde do 7 de novembro de 2000.

En virtude do anterior, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Iniciación.

De acordo co disposto no artigo 4 da Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres, iníciase o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de Ancares - Courel pertencente ós municipios de Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra de Brollón, Quiroga, Samos, Triacastela e Ribas de Sil.

Artigo 2º.-Límites.

Os límites do espacio son os que figuran sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 3º.-Elaboración e tramitación.

A elaboración e tramitación do dito plano encomendarase á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, segundo o previsto nos decretos 482/1997 e 122/1999, polos que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O contido e elaboración dos Plans de Ordenación dos Recursos Naturais dos Ancares-Courel axustarase ó disposto na Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora de fauna silvestres.

Artigo 4º.-Protección preventiva.

De acordo co disposto no artigo 7 da Lei 4/1989, durante a tramitación deste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais non se poderán realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que poida chegar a facer imposible ou dificultar de forma importante a consecución dos obxectivos do plan.

Artigo 5º.-Autorizacións, licencias ou concesións.

Ata a aprobación definitiva do Plan de Ordenación de Recursos Naturais non se poderán conceder auto

rizacións, licencias ou concesións sen o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

En todo caso, aplicarase o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polo Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, así como o Decreto 440/1992, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Artigo 6º.-Sancións.

Os actos que contraveñan a presente orde serán sancionados conforme o disposto na Lei 4/1989, así

como no resto da normativa específica vixente en función da materia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente