Plans e actuacións

Ten dispoñibles para consulta 22 actuacións:

Consellería de Política Social e Igualdade

Plan Operativo de Inclusión Social 2015-2016

O Plan Operativo de Inclusión Social 2015-2016 constitúe a primeira fase de implantación da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020. O documento recolle máis de 300 accións que a Xunta de Galicia ven desenvolvendo ou ten previsto facelo neste bienio para acadar os seus obxectivos.

Consellería de Política Social e Igualdade

II Programa da Unidade de Muller e Ciencia 2016-2020

O II Programa Galego de Muller e Ciencia 2016-2020 ten como obxectivo lograr a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes nos ámbitos social e laboral modificando valores, actitudes e estereotipos que sustentan a desigualdade nos ámbitos científico e tecnolóxico e potenciando a participación das mulleres en condicións de igualdade. O papel esencial que ten a investigación e a innovación no esforzo por un crecemento intelixente, sostible e inclusivo en Europa implica facer un uso completo do capital humano, incluíndo a mulleres e homes por igual. Por iso, a Estratexia Europa 2020 expón a redución das desigualdades de xénero no mercado de traballo como un dos factores esenciais para un crecemento intelixente, sostible e integrador.

Consellería de Política Social e Igualdade

Nova Axenda Social de Galicia

A Nova Axenda Social de Galicia formula respostas adaptadas ás características que presentan as novas situacións de pobreza e exclusión a consecuencia dos cambios estruturais na sociedade actual. As medidas que comprende diríxense á poboación en risco de pobreza e exclusión social e, de xeito concreto, algunhas delas diríxense nomeadamente a un perfil de familias que rexistran actividade económica e baixos ingresos e que, por diversas razóns, non acceden aos dispositivos de axuda de inclusión.

Consellería de Política Social e Igualdade

Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020

A Estratexia de Inclusión Social de Galicia constitúe un novo e reforzado marco integrado de intervencións orientadas a responder de xeito efectivo e coordinado ás situacións persoais e familiares de vulnerabilidade, pobreza e exclusión social, e procurar os apoios precisos para que as súas persoas destinatarias acaden a súa inclusión social e laboral.

A Presidencia da Xunta; Consellería de Política Social e Igualdade

Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais

Dotado cun orzamento de 8 millóns de euros, o Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais é un instrumento de apoio á planificación estratéxica desta área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións de máis de 1,6 millóns de galegos/as.

Consellería de Política Social e Igualdade

Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016 – Horizonte 2020

Este plan baséase na necesidade urxente e imprescindible de traballar en favor da revitalización demográfica, para garantir a sostibilidade demográfica, socioeconómica e sociocultural da Comunidade Autónoma de Galicia. O capital humano é o máis importante para un territorio, é o motor do desenvolvemento social e económico.

Consellería de Política Social e Igualdade

Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia - Horizonte 2020

A abordaxe desta estratexia constitúe unha importante responsabilidade social e política e o compromiso cun modelo sociosanitario e educativo mellor preparado para afrontar a prevención desde todos os ámbitos.

Consellería de Política Social e Igualdade

VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes. Estratexia 2013-2015

Están programadas 320 actuacións distribuídas en seis eixes principais: acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade; aproveitamento do talento feminino; conciliación corresponsable e calidade de vida; e participación activa das mulleres na sociedade.

Consellería de Política Social e Igualdade

Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada 2012-2014

Como resultado dunha iniciativa lexislativa popular, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, explicitando a obriga de redactar este Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada.  O plan responde, así, ao obxectivo de artellar un abano de recursos, medidas e axudas públicas que aseguren protección e un clima favorable ás mulleres xestantes en Galicia.

Consellería de Política Social e Igualdade

III Plan galego de acción voluntaria (2011-2014)

A planificación estratéxica da Comunidade autónoma canalízase a través do Plan galego de acción voluntaria, que se configura como un instrumento administrativo que determina os criterios de planificación e coordinación das actuacións proxectadas en materia de acción voluntaria.