Plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia 2023-2030

O Plan Sectorial de Xestión de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA) fomentará a prevención na xeración de residuos e impulsará un correcto tratamento destes, conforme á xerarquía de xestión de residuos, sendo coherente coas estratexias galegas de Economía Circular 2020-2030 e a de Cambio Climático e Enerxía 2050.

O Plan Sectorial de Xestión de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA) 2023-2030 está destinado a reforzar a aplicación dos principios de xerarquía, proximidade e autosuficiencia na nosa Comunidade. O PRIGA, que abrangue todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, está encamiñado a ser o principal instrumento de planificación en materia de xestión de residuos industriais. O Plan ofrece ao sector industrial a oportunidade de avanzar cara a un sistema produtivo baixo en carbono e sostible no uso de recursos e, por tanto, resiliente e con capacidade de adaptación ao cambio climático.

Este Plan é necesario para acadar os obxectivos esixidos na normativa vixente sobre prevención na xeración de residuos industriais, promoción da reutilización, reciclado e redución do vertido e ser así coherente coas estratexias galegas de Economía Circular 2020-2030 e a de Cambio Climático e Enerxía 2050. 

Entre os obxectivos do novo Plan está o de adaptar as iniciativas políticas desenvolvidas pola UE á nosa singularidade e peculiaridades económicas, sociais, naturais, produtivas e enerxéticas e ademais mellorar a eficiencia global das empresas galegas, brindar oportunidades de crecemento económico a través de novos modelos de negocio, así como fomentar a xeración de emprego verde e desenvolvemento tecnolóxico especialmente no sector dos residuos.

Entre as liñas estratéxicas que se establecen podemos destacar aquelas a partir das cales derivan as medidas de prevención e xestión contempladas no presente Plan:

  • Avanzar na prevención de residuos industriais, desligando o crecemento económico da xestión de residuos e conseguir alongar o máximo posible a vida útil de todos os materiais, buscando o obxectivo de residuo cero.
  • Planificar e racionalizar a suficiencia de instalacións de tratamento e vertido.
  • Asegurar que a xestión de residuos industriais se realiza na rede de instalacións autorizadas.
  • Continuar coa mellora e automatización das ferramentas de recollida de información sobre produción e xestión de residuos industriais.
  • Conseguir unha mellor segregación en orixe dos residuos industriais, poñendo o foco sobre o produtor.
  • Reducir a contribución do sector da xestión de residuos ás emisións de gases de efecto invernadoiro co fin de cumprir co obxectivo de acadar a neutralidade climática antes de 2050.
  • Aproveitar o potencial galego para lograr a transición ao modelo de economía circular.
  • Mellorar a información e capacitación de todos os integrantes da cadea de valor do residuo, dende o produtor inicial ata o xestor final.
  • Impulsar a innovación en materia de produción e xestión de residuos industriais e a transferencia desta aos procesos produtivos.

Data de aprobación do plan:20/05/2024