Plan galego de estatística 2022-2026
Mediante a Lei 16/2021, do 20 de decembro, do Plan galego de estatística 2022-2026 aprobouse o instrumento de ordenación e planificación da actividade estatística da Comunidade Autónoma de Galicia.
![](/documents/35297/559204/ige-plan-2022-2026.png?version=1.0&imageThumbnail=2
)
O Plan galego de estatística 2022-2026 constitúe o marco de colaboración institucional entre as entidades que forman parte da organización estatística de Galicia, segundo o artigo 37 da Lei de estatística de Galicia, e destas con outras entidades públicas locais, autonómicas ou estatais, así como europeas ou internacionais.
Este plan formula os seus obxectivos para o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2026. De non se aprobar un novo ao seu vencemento, quedará prorrogado ata a entrada en vigor do seguinte. Para desenvolvelo, o Consello da Xunta aproba programas estatísticos anuais.
O obxectivo central do plan é desenvolver e consolidar o sistema estatístico galego e, mediante un sistema de planificación por obxectivos, crear, organizar e difundir o coñecemento estatístico, acorde coas necesidades das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e da cidadanía.
Este obxectivo central desenvólvese en:
- Obxectivos informativos, que se dirixirán a dar resposta ás necesidades de información da sociedade. Comprenden as metas de información, as perspectivas de xénero e idade e mais as liñas de actuación salientables.
- Obxectivos instrumentais, para asegurar o emprego de procedementos estatísticos axeitados.
- Obxectivos de calidade, para asumir o Código de conduta das estatísticas europeas e garantir os principios de pertinencia, precisión, puntualidade, coherencia, comparabilidade, accesibilidade e transparencia.
Avaliación e seguimento
Publicado o informe de seguimento do programa 2022.
Data de aprobación do plan: 20/12/2021