Plan LÍA 2021-2025 de Bibliotecas Escolares de Galicia para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe

No ano 2010, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentaba no Parlamento de Galicia o Plan LÍA 2010-2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, co que se pretendía dar resposta ás necesidades de avance que neste terreo se viñan manifestando, logo dun período de iniciativas da consellería en relación coas bibliotecas escolares e o fomento da lectura no ámbito educativo.

O Plan LÍA 2021-2025 (Lectura, Información e Aprendizaxe) é a terceira e máis ambiciosa fase deste proxecto iniciado no ano 2010 co Plan LÍA 2010-2015.

Este plan pretendía dar resposta ás necesidades que se viñan manifestando en relación coas bibliotecas escolares e o fomento da lectura no ámbito educativo. O plan tivo a súa continuidade nunha segunda fase, o Plan LÍA 2016-2020, articulada en obxectivos xerais e varios desafíos centrados na necesidade de construír redes, na transformación das bibliotecas cara a centros creativos das aprendizaxes. Este cambio favorece a perspectiva de biblioteca como factor de compensación social e de inclusión, como fonte de alfabetizacións múltiples, como instrumento para acadar as competencias ALFIN/AMI, como motor da formación do profesorado e a implantación nos centros de plans de formación en materia de bibliotecas.

Nesta etapa buscábase dar estabilidade ás bibliotecas incidindo na importancia da formación de equipos de bibliotecas, das colaboracións entre bibliotecas e da xestión de micro-redes, da visibilización das boas prácticas, da inclusión das familias nas actividades das bibliotecas, do fomento de máis e mellores experiencias lectoras, do enfoque transversal, das metodoloxías activas e da aprendizaxe baseada en proxectos. Por último, nesta fase xorde a necesidade de avaliar o funcionamento da rede a través de estudos e investigacións sobre o impacto e os beneficios da biblioteca escolar sobre a aprendizaxe e a construción de comunidades educativas activas.

O Plan LÍA 2021-2025 reforza as liñas de actuación que garanten unha presenza estable das bibliotecas escolares nos centros de ensino non universitarios e fai delas un recurso imprescindible para o desenvolvemento do currículo. Así mesmo, búscase afondar na experiencia de lectura e no acceso aos bens culturais de toda a comunidade educativa para facilitar os cambios que as novas dinámicas sociais e educativas precisan. Esta terceira fase está estruturada en varios obxectivos xerais e sete puntos estelares, a modo de constelación, que constitúen os grandes eixes de actuación a prol do fomento da lectura e da aprendizaxe.

Data de aprobación: 31/03/2022