Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense e a súa área de influencia

O Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense e a súa área de influencia ten por obxecto regular a implantación territorial das infraestruturas de estradas nos Concellos de Ourense, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Taboadela, Barbadás, Toén, Coles, Amoeiro e Punxín cando a súa incidencia transcenda do término municipal no que se localizan ou se asenten en varios termos municipais. O plan desenvolveuse segundo o disposto no Decreto 80/2000, de 23 de marzo, que desenvolve a Lei 10/1995 de 23 de novembro de Ordenación do Territorio de Galicia.

As propostas do Plan Sectorial céntranse principalmente na definición dunha rede de circunvalación que permita unha mellor distribución do tráfico de acceso á cidade, sirva como colector para o tráfico de carácter local, mitigando a conxestión dentro dela, e mellore a interrelación entre os principais viais de conexión co ámbito supramunicipal e rexional. Para iso proponse a construción de novas vías radiais que melloren a calidade dos desprazamentos aos municipios limítrofes, en especial aos centros comerciais e polígonos industriais situados neles. Proponse tamén unha vía anular, exterior á cidade, cuxa función principal sería distribuír o tráfico entre estas vías radiais. A parte da definición deste cinto, o Plan Sectorial define actuacións de menor entidade destinadas por unha banda a mellorar o acceso á cidade, expondo alternativas a vías xa existentes, e por outro a operacións puntuais de cosido e mellora da rede estruturante xa existente.

Data de aprobación do plan: 10/10/2014

Documentos relacionados