Plan de seguridade viaria de Galicia 2022-2025

O Plan de seguridade viaria de Galicia 2022-2025 recolle as accións a desenvolver durante o período 2022 a 2025, que repercutan nunha mellora da seguridade viaria en Galicia.

Dentro do plan, e en aliñación coas directrices do Plan Global para a Década de Acción para a Seguridade Viaria 2021-2030, definíronse “10 grandes retos para o período 2022-2025”, onde se clasifican as accións que se van levar a cabo, co impulso das consellerías da Xunta de Galicia e a colaboración doutras entidades e axentes sociais.

Estes retos buscan a redución de accidentes e das súas consecuencias desenvolvendo accións dirixidas ás persoas usuarias vulnerables (peóns, ciclistas, motoristas), á mellora de actitudes, á eliminación dos treitos de concentración de accidentes, á prevención dos accidentes máis graves, á mellora da asistencia ás vítimas e aos grupos ou situacións de especial risco ou vulnerabilidade.

A Visión Cero é o lema do Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, que pretende lograr, de acordo coas tendencias mundiais na materia, a eliminación de falecidos e feridos graves provocados polos accidentes de tráfico no ano 2050.

O plan traballa en todos os ámbitos que afectan á seguridade viaria: non só se trata de mellorar as infraestruturas, senón tamén de promover a educación e formación viaria, mellorar o comportamento, garantir o bo estado dos vehículos, priorizar a seguridade viaria no lugar de traballo, chegar a acordos entre os implicados etc.

Avaliación e seguimento

Anualmente recompilaranse os indicadores de cada acción do plan.

Na metade da vixencia do plan e no seu remate realizarase unha valoración dos logros alcanzados co desenvolvemento das accións recollidas no plan, analizando a evolución da sinistralidade viaria a nivel xeral, o grao de desenvolvemento e mais o grao de cumprimento dos obxectivos do plan.

Os documentos relativos ao seguimento do Plan publicaranse na páxina web da Consellería, na seguinte ligazón: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/seguridade-viaria/plan.

 

Data de aprobación no Consello da Xunta: 28/4/2022

 

Ligazóns relacionadas