Plan de actividades 2021 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia

No desenvolvemento da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo, o Issga planifica con carácter anual a súa actividade como órgano técnico na materia e co máximo consenso cos/coas interlocutores/as sociais. 

É obxecto do plan anual o deseño e a priorización de accións e medidas que se dirixen á promoción, ao asesoramento técnico, á formación, á información e ao seguimento e control en materia de seguridade e saúde no traballo e o desenvolvemento durante 2021 da mencionada Estratexia.

Para a consecución dese obxectivo, este documento de planificación ten unha dobre finalidade:

  1. Por unha banda, servir de guión para a execución das funcións e o desenvolvemento das actividades técnicas que ten atribuídas o Issga.
  2. Pola outra, dar a coñecer coa máxima transparencia a todas as persoas e entidades interesadas a planificación das actividades e mesmo a busca de actores que se sumen a estas actuacións.

O plan estrutúrase en 7 eixes e en 60 fichas de actividade que abranguen a participación en grupos de traballo de especial relevancia na PRL, o laboratorio de hixiene analítica e, con especial énfase, a Unidade de referencia COVID-19. En sucesivos eixes vanse recollendo dende a actividade estatística da sinistralidade laboral, a investigación de accidentes de traballo e enfermidades profesionais ata a execución de campañas e programas para a redución da sinistralidade e a mellora da xestión preventiva nos centros de traballo.

Avaliación e seguimento

Este plan forma parte da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, prorrogada no 2021, que será avaliada como paso previo á elaboración da vindeira estratexia a finais deste ano e no grupo que se estableza ao efecto nas mesas de diálogo social.

Da execución deste plan anual dáse conta con carácter trimestral no Consello Reitor do Issga e na memoria anual de actividades, que se publicará no ano 2021.

 

Data de aprobación no Consello da Xunta: 23/2/2021

Ligazóns relacionadas