Plan de inspección de servizos sociais de Galicia para o ano 2021 e a avaliación do ano 2020

Plan de inspección de servizos sociais para 2021 sobre todas as entidades, centros, programas e servizos que desenvolven actividades de servizos sociais na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, inclúese a avaliación da actividade de inspección no devandito ámbito no ano 2020.

  • Este plan segue unha liña coherente coas actuacións priorizadas nos últimos anos e elaborouse logo de consultar aos centros directivos da Consellería de Política Social e tendo en conta o resultado da avaliación do ano 2020.
  • Recolle as liñas estratéxicas e específicas de actuación para o ano 2021 nas áreas de familia e menores, maiores, discapacidade e dependencia, e inclusión e servizos comunitarios, así como a metodoloxía empregada para a súa consecución.
  • Reforzarase a cooperación e coordinación administrativa con outros órganos de todas as Administracións co obxecto de dar unha resposta integral ás demandas da cidadanía en canto a inspección de servizos sociais.
  • Increméntase o número de inspeccións previstas con respecto ao ano 2020, especialmente na área de centros residenciais de maiores.
  • No ano 2021 continuarase coas inspeccións conxuntas coa inspección sanitaria aos centros residenciais de maiores.
  • No ano 2021 realizaranse campañas específicas de inspección nos centros residenciais de atención a persoas maiores, de garantía dos dereitos patrimoniais das persoas usuarias sen familia próxima, de comprobación do cumprimento do réxime de prezos dos centros, e de comprobación da proporción de persoal de atención directa esixible de acordo coa normativa aplicable. Tamén se comprobará a proporción mínima de persoal de atención educativa e de apoio nas escolas infantís.
  • No plan están previstas 1.543 inspeccións, diferenciadas por áreas, garantíndose a inspección dunha elevada porcentaxe dos centros residenciais de maiores, de discapacidade, de atención á infancia e de inclusión e o 100% dos centros de menores e de igualdade.
  • Incidirase tamén no seguimento das actividades doutros centros e programas como os puntos de encontro familiar, ou as empresas que prestan o servizo de axuda no fogar. Tamén serán obxecto de seguimento os contratos e convenios realizados pola Consellería de Política Social con entidades privadas e as axudas e subvencións concedidas ás persoas en situación de dependencia e en risco de exclusión social.
  • Á hora de programar as visitas de inspección, incidirase nos centros sancionados anteriormente, ou con denuncias reiteradas das cales se verificaron aspectos susceptibles de mellora, así como naqueles que levan máis tempo sen inspeccionarse.
  • Asemade, inspeccionaranse o 100% dos expedientes que se soliciten dende os centros directivos respectivos, relativos a casas niño, casas do maior e aos programas de atención temperá.
  • Dentro das actividades recollidas, reforzaranse os labores de información e asesoramento ás entidades para o cumprimento da normativa vixente no relativo á posta en marcha de servizos, centros ou programas e ao adecuado funcionamento destes, así como as liñas estratéxicas de actuación baseadas na garantía dos dereitos das persoas usuarias, a calidade e a formación.
  • Aprobarase unha orde para a presentación directa de queixas e denuncias e para a achega polas entidades de reclamacións sobre centros, servizos e programas de servizos sociais, e unha orde de desenvolvemento dos requisitos materiais e funcionais dos centros de atención a persoas dependentes con discapacidade.
  • No primeiro cuadrimestre do ano 2021 impartirase un curso de capacitación para o desenvolvemento da función inspectora de servizos sociais.

Data de aprobación no Consello da Xunta: 21/1/2021

Data de publicación no DOG: 2/2/2021