Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050

A Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía é a resposta que Galicia quere pór en marcha fronte ao problema global do cambio climático. A Xunta, a través desta Estratexia, quere que Galicia sexa un referente no proceso de cambio do modelo de consumo e uso de recursos naturais mediante a conversión da nosa comunidade nun territorio baixo en emisións e preparado para afrontar os cambios derivados do cambio climático.

O obxectivo final da Estratexia é dobre. Por un lado, que Galicia sexa o antes posible neutra en emisións de gases de efecto invernadoiro, o que significa poder afirmar que Galicia forma parte da solución ao problema do cambio climático. Para iso hai que acadar o equilibrio entre as emisións que non poden ser reducidas e as absorcións de gases de efecto invernadoiro da nosa comunidade. Por tanto, trátase de conservar, poñer en valor e potenciar o efecto sumidoiro dos nosos sistemas naturais a través da conservación do noso patrimonio natural e unha correcta xestión dos usos do solo. Para acadar estes obxectivos, a Estratexia pretende:

  • Aumentar a participación das enerxías renovables no mix enerxético, incrementando a potencia renovable instalada, fomentando o autoconsumo.
  • Fomentar a eficiencia enerxética en todos os sectores.
  • Fomentar a mobilidade alternativa, ofrecendo alternativas ao vehículo privado cun sistema de transporte público de calidade e ambientalmente sostible, tal como se concibe no Plan de Transporte de Galicia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
  • Transformar os ámbitos urbanos cara a un modelo sostible.
  • Impulsar a investigación e a innovación en cambio climático para converter Galicia nunha rexión exportadora de solucións fronte ao cambio climático.
  • Mellorar a preparación, xestión e resposta ante fenómenos meteorolóxicos extremos, reducindo os danos asociados.
  • Conservar, restaurar e usar de forma sostible os ecosistemas, de xeito que manteñan os servizos ambientais que proporcionan.