Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas en Galicia 2016-2021

Preséntase o informe de execución e actualización do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas en Galicia 2016-2021.

A dispersión da poboación galega dá lugar á existencia de máis de 1.000 centros de ensino público en Galicia, dos que por riba da metade teñen unha antigüidade superior aos 30 anos. Así, é preciso reformar estes centros para dotalos dunhas mellores condicións de habitabilidade, funcionalidade e seguridade, en cumprimento da normativa vixente na actualidade. Se ben nunha gran parte do territorio galego acúsase un envellecemento da poboación, especialmente nas provincias do interior, non sucede así na franxa atlántica, onde, especialmente nos grandes núcleos urbanos e nos concellos limítrofes, se dá unha evolución positiva da poboación en idade escolar, que esixe a dotación de novas infraestruturas para atender esta demanda.

Por outra banda, a potenciación da formación profesional como estratexia para reducir o nivel de desemprego esixe a adecuación dos Centros Integrados de Formación Profesional e IES a esta nova realidade, que supón ademais a adecuación das infraestruturas para a implantación de novos ciclos adaptados á demanda do mercado actual.

Partindo da realidade anterior, a Xunta de Galicia elaborou en 2016 un Plan de Infraestruturas Educativas co horizonte 2020, un plan que abordaba a planificación das actuacións máis urxentes que se debían levar a cabo.

O informe de execución e actualización do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas en Galicia 2016-2021 busca realizar un diagnóstico da eficacia das actuacións levadas a cabo no período 2016-2018 e planificar as novas necesidades do período 2018-2021.

 

Data de actualización: 13/05/2019