Plan de Turismo Termal 2014-2020

Esta estratexia para o desenvolvemento do turismo termal nos anos 2014-2020 ten como obxectivo central poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de tal xeito que conduzan á creación do destino Ourense, Provincia Termal.

Galicia conta cun patrimonio natural e cultural que a fan única. Entre os seus múltiples recursos endóxenos, un deles destaca notablemente pola súa abundancia, calidade e singularidade, e que constitúe unha vantaxe diferenciadora e competitiva respecto a outros destinos tanto a nivel nacional como internacional: as súas augas termais.

Cunhas 300 captacións de augas termais dispersas por todo o territorio galego, con 21 balnearios con máis de 3.000 prazas hoteleiras, con múltiples mananciais, pozas e casas de baños, Galicia conta cunha oferta de turismo termal potente e con grande potencial de consolidación.

Galicia é a comunidade líder no conxunto do Estado en canto á oferta minero-medicinal, con máis do 20% dos establecementos balnearios e tamén é a comunidade con maior número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade do Estado.

O turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público, de gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co patrimonio cultural, natural, enogastronómico, deportivo, etc.

O Plan de Turismo Termal para os anos 2014-2020 persegue un gran obxectivo central e tres obxectivos específicos:

  • Obxectivo central: poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de tal xeito que conduzan á creación do destino Ourense, Provincia Termal.
  • Obxectivos específicos:
    • Obxectivo 1: poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, coa sostibilidade como criterio clave para acadar unha mellor calidade de vida, a recuperación e preservación dos recursos naturais, e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico
    • Obxectivo 2: articular os recursos, servizos e oferta termais como Produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores.
    • Obxectivo 3: posicionar Galicia como destino termal a través da potenciación de Ourense como provincia termal. 

Ligazóns relacionadas